A temporada vai chegando ao seu fin, pero, como sempre, deixa asuntos importantes para o final. Algúns equipos xa andan planificando o vindeiro curso, porque o alimento do fútbol parece formar parte da base alimentaria de moitas persoas. Non obstante, outros andan preparando a festa da final da Copa. En concreto catro equipos que loitarán polo título o próximo domingo no estadio que nestes momentos é referencia do fútbol de Lugo, o Anxo Carro.

“Non se pode basear todo no resultado”, Juan Carlos adestrador do Antas

Ás cinco e media da tarde será o turno da final feminina que disputarán o Antas e o Peluquería Mixta Friol. O conxunto da Ulloa chega moi mermado a esta cita, con dúas baixas por sanción e varias por lesión. “Do primeiro equipo hai once e despois subirán as do infantil a botar unha man”, afirma o preparador Juan Carlos. “É un partido onde se xoga todo. As diferenzas son que o Friol xoga dúas categorías por riba entón chama algo máis, nós estamos en Segunda”. sentencia o técnico quen advirte do duro que vai ser o encontro nun campo como o Anxo Carro: “Para nós o de Antas é un campo pequeno. No Anxo Carro vaisenos facer un partido moi longo e o campo longuísimo”.

No partido das semifinais xogado no Castro Seoane o Antas perdeu 2-3 ante o Peluquería Mixta Friol

Non obstante non esconde a ledicia que supón para o equipo xogar nun estadio da Segunda División: “é unha ilusión para todos. Despois que gañes ou perdas xa é diferente. O encontro sairá adiante co compromiso que mostran as xogadoras. Non se pode basear todo tampouco no resultado”, concluíu o míster do Antas que enfronte terá un rival tocado físicamente pola falta de competición nos últimos tempos. “Temos dúas lesionadas e coa dúbida dunha das centrais. A priori somos favoritos por categoría, pero nós acabamos a competición o 30 de abril e elas seguen entrenando e xogando. Entre o físico e as gañas que van ter elas, vanse igualar as cousas” apunta o adestrador Geluco que admite que no último mes e medio adestraron pouco e só xogaron as dúas semifinais de Copa.

“Creo que é histórico para todo Friol”, Geluco míster do Peluquería Mixta Friol

Geluco considera que en principio tamén lles pode beneficiar as medidas do Anxo Carro, pero apunta que hai que ter en conta que a máis metros, máis importancia vai ter o físico. “Moitas das xogadores están con exames finais, outras que non van seguir para a temporada que vén e as gañas non sempre son as mesmas cando se

As xogadoras do Friol quentando nun encontró esta tempada.

remata a temporada ca cando se empeza”, comenta o preparador que toma o de xogar ás beiras do Miño como un aliciente pero tamén indica que dentro do equipo xa hai futbolistas con experiencia: “Teño tres xogadoras que xogaron no Anxo Carro, tamén nunha final. Xa hai anos, non recordo exactamente pero creo que fora contra o Muralla”.

 

Ademais danse as cirunstancias de que o concello de Friol terá representación nas dúas finais. “Creo que é histórico. Importante para todo o municipio de Friol. Desexo que gañemos os dous equipos de Friol. E que se viva un día bo do fútbol de toda a provincia de Lugo”, conclúe Gelucho.

“En 23 anos de historia nunca pasaramos a final da Copa”, Rafael Casanova técnico do Friol masculino

E que dúas horas máis tarde será a quenda dos equipos masculinos que completaron un duro calendario e chegaron a final. Polo cadro do norte, o Pontenova que foi campión do grupo na Segunda Galicia, e polo bando do sur, como dicimos, o Friol que finalizou a competición regular na sexta posición, a doce puntos dos postos de ascenso. O míster Rafael Casanova confirmou que non poderá contar con catro futbolistas por lesión, xunto coa sanción de Miguel Penas. Casanova prevé un partido complicado ante un equipo que xa demostrou o seu potencial: “nunha final sempre se equilibran as cousas. Nós tíñamoslle moitas gañas a Copa, porque o club ten 23 anos de historia e nunca na súa vida pasaramos de oitavos de final. Nos últimos seis anos quedaramos eliminados na primeira rolda”.

O Friol está formado na súa gran maioría por xente do pobo. Non comezou da mellor maneira posible a temporada, pero rematou nun bo estado de forma como demostrou no último tramo de liga e tamén nas eliminatorias da Copa. “Xa é importante estar aí, no estadio que é, e co premio económico que é“, comenta o técnico quen asegura coñecer ben a varios dos xogadores do seu rival: “Báseanse moitísimo en Andrés Bouza que seguramente sexa o mellor xogador da categoría. Pero non só Andrés, na parte de arriba teñen xogadores moi desequilibrantes”, apunta Casanova quen tamén se enorgullece do feito de que dous equipos de Friol disputen a final: “Somos dous clubs diferentes. Aínda que non coñecemos demasiado as xogadores, si que temos unha relación moi cordial co presidente e adestrador. É un orgullo que os dous equipos estean aí“.

“Aínda que este domingo se perda foi un ano histórico”, Dani Moirón adestrador do Pontenova

Pola súa banda, o Pontenova ten a oportunidade de rematar esta campaña que xa é histórica cun dobrete. O adestrador Dani Moirón poderá contar, en principio, con todo o cadro de xogadores. “Imos con moita ilusión sabendo que é un rival moi potente e nun escenario impresionante. Do Friol temos algunha referencia que nos di que son un equipazo“, apunta Moirón quen admite na liña do resto de adestradores que xogar no Anxo Carro sempre supón un extra, a parte do beneficio económico que tería gañala Copa.

Un dos acertos do éxito do Sp. Pontenova estivo na confección do cadro de xogadores

“Aínda que o domingo se perda foi un ano histórico”, sentencia o preparador quen asegura que a Copa nunca fora un obxectivo: “na primeira charla que lles din os xogadores cando empezamos a Copa díxenlles que chegarían a onde eles quixeran. Non estaban moi ilusionados coa Copa porque foi un ano de moito traballo. Pero a medida que fomos avanzando, o nivel de xogo foi moi alto e encaixamos só dous goles na competición” explica Moirón.

A ilusión para catro equipos e, neste caso, aínda que se faga raro no fútbol provincial, para tres pobos que buscarán alzarse na Copa na capital da provincia. Todos non gañarán, pero todos poderán disfrutar do fútbol de sempre.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 466

Deja un comentario