Este fin de semana retornan á competición tódalas categorías, a excepción da Terceira Autonómica, e temos encontros para tódolos gustos. Ademáis, o derbi provincial do fútbol feminino.
Terceira División
– Racing Vilalbés – Rápido de Bouzas (Domingo ás 16 horas na Madalena): coa moral reforzada logo do triunfo en Abegondo ante o Fabril, os de Simón Lamas tentarán escalar postos na clasificación diante dun Rápido de Bouzas, que coa chegada de Milo Abilleira, quere abandoar canto antes os postos de descenso.
Preferente Norte
– S.D. Sarriana – At. Coruña Montañeros (Domingo ás 16:15 horas na Ribela): Xoan Peón fará o seu debut no banco sarriao logo da destitución de Dani Fernández. Faino co obxectivo de achegalo equipo aos postos de ascenso. O primeiro obstáculo no camiño será un conxunto en apuros: un Montañeros que mellorou notablemente con Moisés Pereiro no banquiño.
– C.D. Foz – C.D. Boiro (Domingo ás 16 horas no Martínez Otero): chega un histórico á Mariña. O Boiro, igualado co Fisterra na segunda posición, non perde desde a terceira xornada de liga e é un firme candidato ao ascenso. Pero os focenses precisan un triunfo, que se lle resiste nas últimas xornadas, para afastarse dos postos de descenso.
– S.D. Residencia – Boimorto C.F. (Domingo ás 16:30 horas na Cheda): os de Álvaro Meilán reciben a un conxunto incómodo, pero que baixa o seu rendemento lonxe do Carballal, factor que deben aproveitar os lucenses. Un triufo colocaría á Residencia preto da zona media da clasificación.
– Viveiro C.F. – Sigüeiro C.F. (Domingo ás 12 horas en Cantarrana): co obxectivo de facer do seu campo un fortín, o conxunto adestrado por Chusky buscará tres novos puntos que lles permita seguir cun amplo marxe no liderato. Enfronte un recén ascendido, debutante na categoría, pero que está a raiar a un gran nivel.
Primeira Autonómica
– Chantada Atlético – S.D. Chantada (Domingo ás 16:30 horas no Sangoñedo): derbi chantadino no que o conxunto local, tan só un punto por enriba dos postos de descenso directo, tentará revertila súa situación ante unha SD que chega a este encontro logo de golear ao Monterroso e con opcións de situarse en postos de ascenso directo.
– S.D. Monterroso – S.D. Outeiro de Rei (Domingo ás 16 horas en Cerdeiriños): malia a derrota ante o Chantada, os de Óscar Méndez seguen segundos e defenderán ese posto ante outro dos firmes candidatos ao ascenso de categoría. O conxunto adestrado por Josito Jul acumula tres xornadas sen gañar, pero conta con tan só dous puntos menos que os monterrosinos.
Segunda Autonómica
– C.D. Alfoz – S.D. Candelaria (Sábado ás 16 horas no Municipal de Alfoz): o conxunto local, invicto no seu campo e sen coñecela derrota desde a primeira xornada ligueira, recibe no derbi mariñán ao Candelaria. Os cervenses xa foron quen de empatar diante do San Ciprián ou do Xermade.
– C.D. Palas – S.D.C. San Lázaro (Sábado ás 16 horas nos Chacotes): malia traxectoria irregular desta temporada, o Palas aspira acercarse aos postos de cabeza e manter a boa xeira no seu campo. Non o terá doado ante un dos conxuntos máis en forma do fútbol lucense. Os de Diego Rey son líderes e non perden desde a segunda xornada de liga.
Reto Iberdrola
– Peluquería Mixta Friol – Secció Esportiva AEM (Domingo ás 12 horas na Reigosa): logo da destitución de Dani Guerrero, as rapazas do Friol adestradas temporalmente por Geluco Villar buscarán dar a sorpresa ante un conxunto da zona alta.
Segunda División Galega Feminina
– S.D. Chantada – Carballedo C.F. (Domingo ás 13 horas no Sangoñedo): outro derbi en terras chantadinas. O cadro local tentará acadar un triunfo que as acerque a un Carballedo en racha.
– S.G. Comercial – C.D. Lugo (Domingo ás 17 horas no Rodríguez Lago 2): os dous equipos da capital da provincis mídense nun encontro con favoritismo visitante.
Liga Feminina Fútbol 7
– S.C.D. Milagrosa – Orillamar S.D. (Domingo ás 11:15 horas no Luis Gorgoso): primeiro encontro da segunda fase da liga de fútbol 7. As lucenses buscarán un triunfo para comezar este novo reto con bo pé.