#Sin categoría

Racing Vilalbés, Lemos e Pol seguen invictos logo de cinco xornadas

O Trío de Ases Panadería do Cantón déixanos a tres conxuntos lucenses invictos logo de cinco xornadas. Racing Vilalbés, Lemos e Pol non coñecen a derrota e sitúanse na zona alta da clasificación.

Na Terceira RFEF non houbo vitorias lucenses. O Racing Vilalbés empatou sen goles no campo do Silva, mentres que o Viveiro acadou idéntico resultado en Cantarrana diante do Céltiga. A Sarriana caeu derrotada no campo do Somozas.

Na Preferente o derbi provincial caeu do lado do Pol fronte a un Chantada que amosou boa imaxe no Municipal. O Lemos empatou no campo do Atios e mantén o liderado no sur, mentres que o Burela caeu goleado na Marosa fronte ao Noia.

O Racing Vilalbés segue invicto tras sumar un punto na Grela fronte ao Silva (0-0)

Encontro no que o Racing Vilalbés estivo mellor durante a primeira media hora. Os chairegos atopánbanse cómodos nun campo sempre difícil e foron quen de estrelar un balón no pao e de gozar doutra boa ocasión por medio de Adri Castro. O cadro local tamén chegou á portería de Álex Santomé con certo perigo, sobre todo no último tramo do primeiro tempo a través do balón parado.

O Silva saiu mellor no segundo tempo e costoulle controlar o xogo. Non o fixo ata o último cuarto de hora. Os trocos de Juan Rodríguez déronlle aire a un Racing que rematou ben o encontro.

A Sarriana cae no campo do Somozas cun gol do viveirense Lucas Fanego (2-1)

Primeiro tempo no que a Sarriana tentou xogar en campo rival e adiantouse no marcador no minuto 26. Adri Rodríguez marcou tras un bo centro de Cabarcos. Os locais, cos laterais chegando con claridade a campo rival, xeraron outra boa ocasión, nun pase atrás que rematou Álex Pérez e detivo o gardameta visitante.

Tras o intermedio, o Somozas colleu o temón do partido e non tardou en xerar perigo diante da portería de Pirot. O tanto do empate chegou nunha xogada embarullada que rematou a gol Charly. Os de Alberto Mariano buscaron o tanto do triunfo e rozárono nun lanzamento de falta, pero no último tramo do encontro o Somozas foi quen levou o peso do encontro e acadou o gol da vitoria por medio do viveirense Lucas Fanego cun bo remate.

Primeiro punto do Viveiro en Cantarrana diante do Céltiga (0-0)

A tromba de auga que caeu sobre Cantarrana na previa do encontro condicionou o encontro, sobre todo a medida que avanzaban os minutos e o céspede de Cantarrana resentíase cada vez máis. O partido estivo cheo de disputas e moito contacto no medio do campo. Ámbolos conxuntos optaron por un fútbol directo con moito centro lateral á área sen que existiran ocasións moi claras de gol. Os mariñáns, que estiveron mellor no primeiro tempo, reclamaron dúas accións nas que se sentiron perxudicados pola actuación colexial. Un posible penalti por man na área e un segundo cartón amarelo a Sobrido que o árbitro non estimou.

Na segunda metade, co céspede maltreito, saiu beneficiado o Céltiga e o Viveiro perdeu o control do partido. Os visitantes tiveron varias ocasións de gol en contras, a través de Cellerino, que salvou Ayoub providencial. Preto do final, o Viveiro estirouse e Jacobo e Carlos gozaron de boas ocasións para marcar.

O Lemos salva un punto e o liderado nos últimos intres fronte ao Atios (1-1)

Encontro difícil o que afrontou o Lemos a domicilio. O Atios amosouse superior no primeiro tramo do encontro, aínda que non foron quen de adiantarse no marcador. Co paso dos minutos, o Lemos mellorou e comezou a xerar perigo, mesmo viu como era anulado un gol a Aragón por unha dubidosa falta ao gardameta rival. Youness e Caden gozaron de boas opcións de gol no tramo final do primeiro tempo.

A segunda metade non comezou ben para os de Alberto López. Un desaxuste permitiu unha rápida transición do Atios que rematou en gol. Co marcador en contra o Lemos fíxose co dominio do xogo e contou con varias ocasións para empatar. O tanto da igualada chegou moi preto do final, minuto 88, nunha falta lateral botada por Iker que rematou inapelable Yanike ao fondo da portería. No tempo de desconto, Pallín e Castro puideron darlle a volta ao marcador.

O Pol, único equipo invicto no grupo norte, logo de vencer ao Chantada (2-1)

Os chairegos impuxéronse nun derbi provincial no que ámbolos conxuntos quixeron o balón. O Pol fíxose co dominio do xogo aínda que sen xerar ocasións de gol. Aínda así, nun saque desde o curruncho que o Chantada non defendeu ben, Dani Montes adiantou aos de Ramón Labrada. Os visitantes foron quen de disputar a posesión a un Pol que quedou cun xogador menos a falta de cinco minutos para o descanso, por dobre amonestación a Marrugo. Ademáis, Luis Díaz tivo que saír lesionado no abductor.

No descanso, o Pol reconstruiu o equipo coa entrada de Julio Camba e aguantou sen sufrir demasiado en defensa, agás nunha boa chegada do Chantada por medio de Pedro. A calidade de Javi Rey resultou determinante para o Pol, e nunha boa xogada individual fixo o segundo. Pouco despois, Julio Camba cometeu penalti sobre Pablo e Manu recurtou diferencias desde os once metros. Cun cuarto de hora para o final, os de Traste buscaron o tanto do empate, sobre todo a través de centros laterais nos que Tino e David contaron con boas opcións.

O Burela cae goleado fronte ao Noia na Marosa (1-6)

O comezo do encontro non facía presaxiar un resultado semellante. Os locais saíron ben ao partido e chegaron con certo perigo á área rival, sobre todo a través do xogo polas bandas. Pero dous erros defensivos en accións a balón parado deron ao traste co bo comezo dos burelaos. Kante e Adrián Maroñas puxeron o marcador en clara vantaxe para o Noia e o Burela a partir de aí desapareceu do partido con setenta minutos aínda por diante. Piñero e Adrián González deixaron o partido visto para sentencia antes do descanso.

Tras o paso por vestiarios o encontro seguiu unha liña moi semellanta ao visto no primeiro acto. Kante completou o hat-trick e xa preto do final Yago anotou o tanto da honra para o Burela.

Racing Vilalbés, Lemos e Pol seguen invictos logo de cinco xornadas

Adri Kun (Burela): «Volver xogar é unha