Pastoricense e Alfoz quedan sós co pleno de 9

Pastoricense e Alfoz son os únicos equipos dos dous grupos lucenses da Segunda Futgal que sumaron os nove puntos disputados nas tres primeiras xornadas. No norte, Iberia e Celta Barreiros mantéñense tamén invictos con sete puntos, cos de San Miguel de Reinante aínda sen encaixar. No sur, o Friol alcanza tamén os sete puntos, mentres que a Sarriana B mantén o pleno, con seis de seis, pero cun encontro menos. A xornada deixou tamén a primeira derrota de Antas e Rubián.

GRUPO 1

O Pastoricense mantén o pleno de vitorias tras superar ao Xove Lago (2-1). Os locais tiveron unha gran posta en escena e encamiñaron o encontro nos primeiros vinte minutos. Borja Corbelle abriu o marcador e pouco despois Edu Seivane transformou un penalti para facer o 2-0. O Xove reaccionou antes da media hora e Cobo reduciu diferenzas para deixar o encontro aberto.

Os mariñáns aumentaron a súa presenza ofensiva a partir de aí e buscaron a igualada durante a segunda metade, pero o marcador xa non se moveu. Edu suma xa tres goles e o conxunto adestrado por Isaac Rouco encadea tres vitorias nas tres primeiras xornadas.

O Alfoz tamén conserva o pleno de puntos tras impoñerse no campo do Goiriz (1-2). Nun encontro de moita disputa, a primeira metade rematou sen goles e foi despois do descanso cando os visitantes conseguiron abrir diferenzas.

Iván García e Valea colocaron o 0-2 aproveitando erros do conxunto local. O Goiriz conseguiu meterse de novo no encontro no treito final cun gol de falta de Xoel, pero o Alfoz conservou a mínima vantaxe. Nos últimos instantes foi expulsado Manel, que xa fora substituído.

O Iberia continúa invicto e sen encaixar despois de superar ao Abadín (3-0). Barrera aproveitou un erro na saída de balón visitante para adiantar aos locais antes do primeiro cuarto de hora. A partir de aí, o encontro mantívose equilibrado ata o descanso.

Á volta dos vestiarios, un penalti permitiu novamente ao dianteiro ribadense ampliar a vantaxe arredor da hora de xogo. O segundo tanto abriu máis o encontro e, xa na recta final, Pernas anotou o terceiro tras unha acción de córner. Barrera suma tres goles nas dúas últimas xornadas e o Iberia presenta un balance de catro tantos a favor e ningún en contra.

Tamén chega aos sete puntos o Celta Barreiros, que se impuxo ao Catro Roldas no Cascabeiro (2-4). Os visitantes tiveron unha entrada fulgurante e nos primeiros cinco minutos Mateo asinou un dobrete. Foron os primeiros goles co Celta Barreiros do novo dianteiro ribadense, que durante o verán estivera adestrando co Ribadeo.

Gonzalo Besteiro recortou diferenzas antes do descanso. Na segunda metade, Jorge devolveu os dous goles de vantaxe aos mariñáns, pero Luis Vigo fixo o 2-3 na recta final. Xa nos últimos instantes, Ayoub sentenciou co cuarto.

O encontro deixou ademais o debut no Catro Roldas de Sergio Rodríguez, incorporado nestas últimas semanas. A pesar de non chegar aínda a trintena, o futbolista vilalbés non competía no fútbol federado desde antes da pandemia, cando militara no Castro en Preferente. Os amarelos seguen ademais cun importante problema baixo paus: coa baixa de longa duración de Carmelo, o capitán e defensa Esteban tivo que volver exercer como porteiro.

O Mondoñedo encadeou a súa segunda vitoria ao superar pola mínima á Candelaria (1-0). Os locais comezaron con intensidade e Alejandro Gacio abriu o marcador nos primeiros compases. A situación complicouse pouco despois para a Candelaria, que quedou con dez xogadores pola expulsión de Ramiro na primeira metade.

A inferioridade numérica non impediu que os visitantes desen un paso adiante despois do descanso e mantivesen aberto o encontro. O Mondoñedo dispuxo de oportunidades para ampliar a vantaxe, pero non conseguiu sentenciar. Gacio foi decisivo por segunda xornada consecutiva, despois de marcar tamén o gol da vitoria ante o Guitiriz.

O Castro encadeou tamén a súa segunda vitoria ao superar ao Riotorto (2-1). O encontro comezou con dous goles temperáns. Raúl López aproveitou un erro visitante para adiantar aos locais, pero a resposta do Riotorto chegou pouco despois. Unha combinación entre Álex e Joan acabou nos pés de Dante, que devolveu a igualdade.

Os pupilos preparados por Adrián Vázquez tiveron máis posesión ante un Riotorto que buscou aproveitar a velocidade dos seus xogadores ofensivos. Na segunda metade, os dous equipos dispuxeron de opcións ata que Muiña, cun bo golpeo desde fóra da área, marcou o 2-1. O xogador do Castro volveu resultar decisivo despois de marcar tamén na vitoria da anterior xornada ante o Xove Lago.

O Guitiriz conseguiu a súa primeira vitoria da temporada ao superar ao Xermade (4-2). O veterano centrocampista Miguel, de 46 anos, abriu o marcador nun lanzamento de falta e Fran García, en propia porta, ampliou a vantaxe antes do descanso.

O Xermade reaccionou na segunda metade e igualou en poucos minutos por medio de Jose Adega e Pedro Coria, futbolista tamén guitiricense. Desta volta, e despois de perder unha vantaxe idéntica ante o Mondoñedo na anterior xornada, o Guitiriz soubo responder. Superado o 80, Labrada recuperou a vantaxe cunha volea desde a frontal e, xa nos últimos instantes, Juan estableceu o definitivo 4-2.

O Cabreiros estreou a súa conta de puntos cun triunfo ante o Meira (3-0). Marcos Novo adiantou aos locais nos primeiros compases e o encontro entrou despois nunha fase de moita disputa e poucas ocasións.

Nada máis comezar a segunda metade, Samuel Prieto, que acababa de entrar ao campo, ampliou a vantaxe nunha acción de estratexia. O Meira buscou reaccionar e dispuxo dunha boa oportunidade para recortar diferenzas, pero Nesi evitouno. Xa no treito final, Wasi pechou o marcador cunha vaselina.

GRUPO 2

O Friol mantense invicto tras superar pola mínima ao San Roque (0-1). O encontro estivo marcado pola igualdade e a disputa, con poucas ocasións claras. Os locais tiveron unha das mellores antes do descanso, cun remate de Vigo que acabou no longueiro.

O marcador non se moveu ata avanzada a segunda metade. Nunha falta lateral, Boado conectou un remate de media chilena para facer o único gol. O San Roque buscou a igualada no treito final, pero o cadro friolés conservou a mínima vantaxe e alcanza os sete puntos.

A Sarriana B mantén tamén o pleno, a falta dun partido pendente, tras levar un axustado encontro no campo do Palas (2-3). Fabio adiantou ao filial arredor do primeiro cuarto de hora e a mínima vantaxe mantívose ata o descanso. Nada máis volver dos vestiarios, Viña conseguiu a igualada. Baralla volveu poñer por diante á Sarriana B, pero o capitán local, Juli, respondeu co 2-2.

Cando o empate parecía definitivo, Camilo apareceu nos últimos instantes para darlle os tres puntos ao filial. O futbolista, incorporado esta temporada procedente do Paradela, marcou o seu primeiro gol coa camisola da Sarriana nos seus primeiros minutos en partido oficial.

O Monterroso B asinou a goleada da xornada ante o Rubián (5-1) cunha primeira metade na que deixou o encontro practicamente resolto. O gran protagonista foi Yoni Mejuto, que completou un hat-trick nos primeiros 25 minutos.

Jorge Cantillo ampliou a diferenza arredor da media hora e, apenas uns minutos máis tarde, o chantadés Joselu colocou o 5-0. O marcador non volveu moverse ata a recta final, cando Manuel Lagoa anotou o gol do Rubián. O futbolista mantén o seu idilio co gol, ao marcar nas tres primeiras xornadas.

O Ferreira encadeou a súa segunda vitoria ao superar ao Antas (2-0) nun encontro igualado e con poucas ocasións. O marcador non se moveu durante a primeira metade e a igualdade mantívose nos primeiros compases da segunda, ata que unha acción a balón parado permitiu aos locais abrir diferenzas. Florines aproveitou a continuación dunha falta lateral para facer o 1-0.

O Antas deu un paso adiante na procura do empate e, xa nos últimos instantes, David García ‘Chomi’ aproveitou unha transición para sorprender ao porteiro adiantado cun remate desde longa distancia. O Antas sofre así a primeira derrota despois de comezar con dúas vitorias.

O Santa Comba encadeou tamén o seu segundo triunfo ao remontar ante A Piringalla no derbi do concello de Lugo (2-1). Manucho adiantou moi cedo aos visitantes de penalti, pero os locais responderon a balón parado. Leandro igualou arredor do 20 e, antes do descanso, César completou a remontada.

O San Lázaro conseguiu a súa primeira vitoria cun contundente triunfo no campo do Portomarín (0-5). Os locais tiveron unha boa posta en escena, pero os visitantes aproveitaron os erros e os espazos para encamiñar o encontro antes do descanso.

Efrén Fociños abriu o marcador e, despois do tanto de Diego Fonsa, volveu aparecer para asinar o seu dobrete e colocar o 0-3. O Portomarín tratou de dar un paso adiante na segunda metade, pero o San Lázaro aproveitou os espazos ás costas da defensa. Cristian Razvan, que chegou este curso dende o Matela, anotou o cuarto e, xa na recta final, Nano estableceu o definitivo 0-5.

O Paradela regresou á senda da vitoria ao impoñerse pola mínima no campo do Corgo (0-1). O encontro mantívose igualado e sen goles durante a primeira metade. Tras o descanso, o Corgo tivo unha fase de maior presenza ofensiva, pero o marcador continuou sen moverse.

O único tanto chegou xa avanzada a segunda metade, cando unha xogada iniciada nun saque de banda acabou nos pés de Hugo Pérez ‘Carba’, que conectou un potente remate para facer o 0-1. O Paradela quedou con dez na recta final pola expulsión de Geri, pero conservou a vantaxe.

O Incio rescatou un punto nos últimos minutos ante o Chantada B (1-1). Os visitantes adiantáronse nada máis comezar por medio de Manu, que aproveitou un erro local para facer o 0-1. O marcador mantívose sen cambios durante boa parte do encontro ata que, xa no treito final, Raúl, que entrara desde o banco, aproveitou un rexeitamento para establecer o empate. No Chantada B produciuse ademais o debut do xuvenil Xabi, porteiro de 16 anos.