Corría o 30 de agosto do ano 2000 e o Xove Lago ía afrontar un día que, ata a data de hoxe, ningún equipo da provincia que non fose o Lugo voltaría a vivir. Chegaba o CD Ourense ao Municipal de Xove, pero non para un encontro normal de liga, senón para xogar a primeira rolda da Copa do Rei. Un día histórico ao que o fútbol lucense estaba medianamente acostumado, xa que o fútbol mariñán estaba no seu apoxeo e o Viveiro e o Burela viñan de xogalo nos anos 80 e 90, seguindo coa estela que arrincaron o Lemos e a Sociedad Gimnástica Lucense no 1944.
Unha eliminatoria para soñar
Naquel CD Ourense xogaban futbolistas míticos como Larreina, Gaizka Garitano, Santisteban, José Juan, Dacosta ou un dos mitos da afección que seguiu mantendo a historia coa UD Ourense, Xurxo. Pero, no relevante ao fútbol provincial, sobresaía un vivierense que chegou a xogar na Primeira División, Kiko Rey. O Xove Lago chegou ao torneo despois de quedar terceiros na liga detrás de Celta B e Fabril, o que lles acabou dando a praza para entrar no sorteo da primeira rolda.
O primeiro encontro foi no Municipal, cun Xove no que sairon como titulares José Manuel, Fran, Joaquín, Quico, Iván, Ordás, Batalla, Emilio, Suso Murado, SIlvio e Tonete. O que tivo os mellores recordos do partido foi Guillermo Pigueiras, que naquel partido tivo que entrar desde o banco para suplir na portería a José Manuel. «Lembro que no minuto 40 Kiko Rey e José Manuel chocaron e o meu compañeiro tivo que saír do campo». O encontro foi moi igualado, pero o propio viveirense marcou o gol da vitoria ourensá cun remate de cabeza que desviou a defensa. Tamén participaron no encontro Jaime e Adriano.
Na volta, o adestrador do Xove Lago, fixo trocos porque «estabamos pensando na liga onde queríamos xogar a promoción e iso permitiume que xogasen todos«. O once estaba conformado por Guillermo, Fran, Joaquín, Quico, Iván, Antonio Rey, Varela, Emilio, Suso Murado, Silvio e Adriano e entrarían na segunda parte Tonete, Jaime e José.

Pese a que aguantaron 45 minutos, Guillermo sinala que «sempre digo que foi a primeira vez que vin un partido de tenis pola súa superioridade». As ocasións dos do Couto traducíronse nun 4-0 diante de un numeroso público que rematou cun soño fermoso do Xove Lago. O capitán do equipo, Emilio, sinala que «é nestes partidos cando entendes todas as diferencias entre categorías», mentres que Fran, lateral dereito, resalta as «ganas que había de xogar a competición».
A época dourada do Xove Lago
Suso Martínez destacou que, naquela época, o Xove era «dos mellores equipos da provincia«. O cadro de xogadores tiña un gran esforzo económico que chegaron da man do auxe do fútbol mariñán, que nos noventa chegou a ter a cinco equipos na Terceira. «Daquela tiñamos un cadro moi curto que mesturaba xogadores experimentados doutras zonas con rapaces da zona», describe o técnico.
Para Emilio, chegar a ser o capitán dese equipo foi «algo único». Se alegra de «ter competido con equipos como o Lugo e vencer a grandes rivais». Pese a que eses anos xa quedan lonxe, Suso Martínez aínda lembra que «xogaron futbolistas da talla de Míchel Salgado, Viqueira ou Nando que chegaron a estar no fútbol profesional. Fran señala que «teño algunha laguna cando trato de lembrar todo porque xa van 26 anos, pero nnesas cousas fixéronse as cousas moi ben e sabías que se ía chegar a grandes cotas«.
Unha vila unida polo seu equipo
O técnico afirma que todas as vilas da Mariña «sabían que a Copa era un agasallo para todos e incluso aproveitaron para vir con nós a Ourense e acompañarnos». Non só era na Copa, xa que «aínda lle podes preguntar aos afeccionados máis veteranos e saben como era o ambiente cada domingo para vernos xogar». O capitán, pola súa parte, remarca que «neses anos Xove sentía o fútbol e empurrábanos en cada promoción».
Pola súa parte, Guillermo sinala que «as promocións trouxeron a moita xente ao campo«, unha situación que difire co que se vive na actualidade e que «cando vexo os campos agora dame moita pena porque antes estaban completamente cheos«.
A Mariña, referencia provincial
Durante todos eses anos, a Mariña foi unha referencia futbolística para toda a provincia. Tanto Suso Martínez como Fran tamén xogaron a Copa co Viveiro. O técnico recorda que «medímonos contra o Compostela e o Celta, na época na que xogaba Baltazar, en Cantarrana».
Outro que xogou a Copa do Rei co Viveiro foi Fran, que ademais das dúas promocións do Xove disputou catro co Viveiro. Sinala que naqueles anos «puidose ter chegado a Segunda B porque viña xente de categorías superiores a xogar con nós». Sinala que durante os 90 e inicios de século «A Mariña era unha gran canteira e había moito diñeiro«. Na actualidade, o lateral cre que para voltar a esa época «ten que haber un gran cambio para volver a sacar tantos rapaces en todas as vilas».
Suso Martínez sinala que, aínda a día de hoxe, «a afección ten moi presente todo e os que xogabamos reunímonos para recordar as batallitas que son historia viva da nosa zona«. Por último, sinala que «fomos moi afortunados de vivir unha época do fútbol mariñán que hoxe sería impensable tanto pola forma de ver o fútbol como a nivel económico». Nese recordo, Emilio síntese moi orgulloso de que «ter representado a Xove por toda Galicia e ir a diferentes sitios e que che falen dos recordos que teñen de xogar contra nós».
Esperanzas por sumar un novo integrante na lista da Copa
Guillermo Pigueiras foi o único que tivo unha experiencia copeira posterior ao paso do Xove Lago. Foi co Victoria coruñés cando se mediron ao Villarreal en Riazor. Cando compara, sinala que «vivila como adestrador é algo completamente distinto» y que «de tantas veces que soñas cun partido así, tes a sensación de que xa xogaches o partido antes». Esas semanas previas conforman algo que para o que fora gardameta «é algo que toda a xente do fútbol ten que vivir porque todo o esforzo en adestramentos cobra sentido neses encontros».
Suso Martínez pensa que «vai ser moi complicado voltar a ver a Copa do Rei na Mariña«, pero pensa en Viveiro, Sarriana e Racing Villalbés como os que se poden sumar á lista e coller o testigo dese Xove Lago. Por último, Emilio deixou claro que hai que confiar en que se pode regresar á Copa. «Por que non se vai cumplir?», concluiu o capitán.

