O PM Friol, ás beiras doutra reforma no fútbol feminino

A temporada 2026/2027 tamén está a piques de comezar no fútbol feminino lucense. Para variar, volverá ser unha campaña con trocos na estrutura do balompé estatal. A competición da 3ª RFEF, a cuarta categoría, será de transición cara a reforma prevista en 2027. Comezará a fin de semana do 12 de setembro e contará co PM Friol coma único representante da provincia.

No curso 27/28 a Primeira Federación, segunda división, pasará a ter dous grupos, en lugar dun. Pola súa parte, a Segunda Federación contará con catro grupos, a diferenza dos tres actuais. Aínda que os grupos da 3ª RFEF se manterán con 14 equipos, os ascensos serán maiores esta campaña, xa que quedan ocos libres nas categorías superiores.

O PM Friol podería ter opcións de ascenso directo

No grupo 1 da 3ª RFEF, onde están encadrados os clubs galegos, soben de categoría os dous primeiros. É unha gran diferenza co curso anterior, no que non houbo ascenso directo e só un equipo xogou a promoción de ascenso. Un feito que non lle restou emoción ao grupo galego porque as campioas, As Celtas B, non podían optar á fase por estar o primeiro equipo en 2ª RFEF. Entón, houbo varios candidatos a ocupar o segundo posto ata as últimas xornadas, entre eles o PM Friol.

Finalmente, foi o Victoria CF B da Coruña quen xogou dita promoción e acabou ascendendo. Nese éxito tivo protagonismo a guitiricense María Calvo, que volveu ao fútbol mediada a tempada logo dun tempo parada tras saír do filial do Dépor Abanca. Tamén aportou o seu grao de area Valeria Trashorras. A futbolista aínda en idade cadete estreouse en categoría estatal. É filla de Roberto Trashorras, un dos xogadores lucenses con máis tempadas na elite.

Con este contexto, a competición do grupo galego da Terceira RFEF prevese emocionante pola parte alta, co premio de dous ascensos directos. De entrada, As Celtas B, por vir de ser as campioas, e o Atlético Villalonga, por ser o recén descendido, poden presentarse coma os rivais a batir. Con todo, o PM Friol podería ser un dos candidatos á parte alta da táboa se nos fiamos pola clasificación do ano pasado. Finalizou na 4ª posición, a un punto do segundo posto.

O PM Friol debutará na casa

O conxunto que preside Geluco Villar traballa xa na posta a punto da nova campaña. A espera de coñecer a conformación do seu cadro de xogadoras, xa sabe a folla de ruta da tempada. Comezará a liga na Reigosa, onde recibirá ao EFM Concello de Boiro. Na segunda xornada, visitará ao EFF Rosalía, no que será o único duelo lucense – ourensán da categoría. O Rosalía estrearase nunha división estatal cunha lucense nas súas filas, a xovencísima Antía Rodríguez.

A primeira volta xogarase toda neste ano. Non haberá paróns dende o inicio ata o 20 de decembro, agás na finde do 13 de decembro.

O segundo tramo de liga comezará o 10 de xaneiro con dous encontros fóra da casa para o PM Friol: ante o Boiro e o Lóstrego. O 7 de febreiro, na fin de semana do Entroido, As Celtas B xogará na Reigosa.

A competición parará as dúas últimas semanas de marzo, na última é a Semana Santa. Retomarase o 4 de abril, cando o cadro friolés xogará en Carballo ante o Bergantiños.

A competición finalizará o 9 de maio co PM Friol tendo partido ante o Lóstrego a domicilio. O tempo dirá se pode ser un encontro directo por obxectivos importantes.

Os equipos que ocupen os postos 13º e 14º descenderán á Primeira Galega. Podería haber un arrastre no caso de que un conxunto galego se vira implicado nun descenso dende a Segunda RFEF, categoría na que xogarán o Dépor Abanca B, As Celtas e o Victoria CF da Coruña.