Diario dun Mercado. Episodio 519
-
Eros López | 06/07/2026
- 0
- 4min de lectura
O Diario dun Mercado non deixa un respiro e cada vez son máis equipos os que comezan a anunciar os seus movementos, formando un clima perfecto para que as incorporacións xa inunden todas as categorías do fútbol lucense.
O Diario dun Mercado comeza hoxe saíndo dos nosos marcos para ver as novidades de xogadores lucenses que, na última campaña, non xogaron na provincia. Ambos comparten o mesmo tipo de movemento, xa que Víctor Eimil marcha do Pontevedra despois dunha tempada e Kiko González non seguirá no Compostela pese a ser unha das pezas máis importantes durante a promoción de ascenso que devolveu aos picheleiros á Segunda RFEF.
Nos equipos lucenses da Terceira RFEF non temos novidades, pero si nos da Preferente. Neste diario, o turno é do Burela de axitar a árbore. Os da Marosa seguen reforzando a súa zona ofensiva grazas a renovación de David Ben, na que será a súa quinta tempada consecutiva. Na anterior campaña firmou cinco tantos e superou os 3.000 minutos xogados.
A fin de semana deixou moitas novidades na Primeira Futgal, que segue a revolucionar o mercado lucense. O Santaballés opta polo retorno de Adri López para defender a súa portería despois de un ano de parón. É a cuarta fichaxe dos da Liga, que tamén se fixeron con Álex Pardo do Goiriz, David Otero do As Pontes e Alberte Ledo do Cabreiros. No capítulo das renovacións, Michi continuará por terceira campaña.

Outro que se moveu moito foi o Guntín, que opta polas renovacións do seu adestrador, Germán Campos, e de Brais Barreira e Álvaro Buján. Tamén firmaron a Álex Goas, que chega desde o Castro. Os do Ladairo están atentos tamén ao que vai acontecer co cadro da Supercopa Galicia, que nos vindeiros días coñecerase. O campión deste título non só é supercampión, senón que logra o seu billete para xogar a fase previa da Copa do Rei.
Tres equipos pechan os movementos do mercado da Primeira Futgal. O Ribadeo ficha a Iván García despois de pasar as últimas dúas tempadas no Iberia, o Brollón renova a Losi, Chesky e Dami e o Escairón de Óscar Moure faise con Germán Fernández, que chega desde o Lemos de fútbol sala.
Na Segunda Futgal, o mercado móvese moito polo Sur. Senén López pescou no seu Rubián para o seu novo proxecto en Paradela, xa que firma a Víctor Pérez e a Geri. Ademais, tamén logran que volvan á actividade Edrada e Daniño. Pola súa parte, o último ascendido, o Incio, renova a Marcos Pombo, Jaime Parada e Edu Mao e tamén fichou a Iago Real desde o Paradela para reforzar o ataque dos de Roi Arias. Tamén se moveu o Ferreira coa fichaxe de Iván Villar, ex do Lemos B e do Rubián.
A Terceira Futgal tardou en coller o ritmo, pero xa pisa o acelerador a fondo cos movementos. O Pol B anunciou as renovacións de Soumare, Kevin, Isaac, Pablo Pérez, Álex Lorenzo, Rubén Iglesias e o All Star Rui. No Carballedo, David Guerra continuará no banco e suma as súas filas a Nahuel e Nico desde o Taboada B. O Relámpago Taboada mantén a dúas pezas importantes como David Moure e Fran Varela. Por último, o Quiroga renova a Chechu, Álex Mondelo, Manoliño, Xoel Cebey, Marquiños, Erik Méndez, Mario Jiménez e Fran.