A Copa Deputación logra ser o torneo máis importante da provincia por historias como a do Guntín. Despois dun ano de tranquilidade na Liga, a súa historia copeira ten un sentido especial. Foron o único equipo que pasou de fase previa en chegar ás semifinais e tivo que vencer ao Pol na primeira rolda. Despois, os tres primeiros clasificados da Preferente. Gañaron ao Chantada en cuartos, ao Monterroso nas semifinais e ao Ribadeo nunha final que se decidiu nos penaltis. Unha das súas principais figuras ao longo do curso foi Mateo, que por cuarta tempada consecutiva fixo sólida á defensa do equipo
Futbolinlugo: Como viviches a final da Copa Deputación ante o Ribadeo?
Mateo: Con moito calor, pero tamén con moita ilusión porque xa van moitos anos desde a última vez que o club xogaba unha. De feito, era a primeira vez para a maioría do grupo. Había moitas ganas, sobre todo polo camiño que fixemos durante o torneo.
F: Ese camiño do que falabas levouvos desde a fase previa ata o título pasando por equipos como o Pol ou os tres primeiros da Primeira Futgal. Como o valoras?

M: A verdade é que foi cando logramos o pase á final cando nos demos conta de todo o que fixemos. Miramos atrás e vimos a entidade dos equipos que eliminamos. Antes íamos xogando as roldas con naturalidade, pero foi aí cando valoramos todo.
F: Que sentiches cando rematou a tanda de penaltis?
M: A tanda foi de moitos nervios. Sabíamos en que íamos meter e que Íker ía parar algún porque se lle dá moi ben. A alegría despois de meter o último foi inmensa.
F: Repasando a tempada, fixestedes un gran ano nun grupo moi igualado na zona media e estivestedes nunha zona tranquila. Cal é a túa valoración?
M: Ao final o posto no que rematamos foi semellante ao do ano pasado, pero hai que poñer en valor a tranquilidade nunha liga na que aumentou o nivel medio dos equipos e onde os despistes se pagaban moi caros. Ten mérito non pasar apuros porque houbo moitos que levaron sustos. Tivemos xeiras, pero mantivemos unha gran regularidade.
«O noso forte é que temos un grupo de amigos»
F: No ámbito persoal, que valoración fas do teu ano?
M: Creo que tiven un bo ano e sumei algún gol máis que noutras tempadas, polo que estou moi contento co meu rendemento global ao longo do curso.
F: E no colectivo?
M: O noso forte é que temos un grupo de amigos. Hai moi bo rollo dentro e fóra do campo, o que fai moito no día a día e que nestas categorías é algo que suma moitos puntos.
F: Esta foi a túa cuarta tempada no Guntín. Como foi a evolución do club desde a túa chegada?
M: Foi moi positiva. O primeiro ano, que foi cando ascendimos á Primeira Futgal, non pensabas en que te ías asentar. Aos equipos de segunda estalles costando cada ano máis e conseguir manterse con tranquilidade é o froito dun bo traballo. Tamén o exemplo está na Copa, cun título e unhas semifinais.
F: Estamos no verán e xa toca falar de futuro. Que che deparará a vindeira tempada?
M: Polo de agora aínda non sei, pero co grupo que temos en Guntín estase moi cómodo.
F: Se segues no Guntín teredes a Supercopa Galicia. Comezastedes a valorar a opción de xogar a Copa do Rei?
M: É algo moi novo para nós. É ilusionante e temos moitas ganas, pero sabemos que é moi complicado porque hai que gañarlle a grandes equipos e proxectos dunha categoría máis e que este ano algúns estiveron a piques de ascender á Terceira RFEF.


