Diario dun Mercado. Episodio 512
-
Eros López | 23/06/2026
- 0
- 3min de lectura
A Noite de San Xoán tiña que traer as grandes novas do fútbol lucense cun novo Diario dun Mercado onde hai movementos de todo tipo. As fichaxes saltan as cacharelas para poder ter sorte nos seus novos destinos, mentres que outros preparan a auga para lavar a cara e manter o seu bo rumbo nos seus equipos. Outros prefiren queimar desexos co fin de atopar novos destinos no que falta de mercado, que aínda é moito. Todo ademais na semana do All-Star Futbolinlugo, o que é máis emocionante.
E para comezar é ben ver como se están a dar as cousas na Terceira RFEF. 4. O Viveiro consolida o seu proxecto coas renovacións de Rolle, Arturo, Cora e Carlos, o regreso de Juan despois dunha longa lesión. Nas fichaxes, pescan en Burela a Huguito e Junior, no Xove Lago a Xoel Eijo, Hugo Pérez e Bruno Graña e traen a Claudio Vigo, canteirán que estivo no Imperator o ano pasado, e a Elias do As Pontes.
Noutras zonas da mesma categoría optan por goleadores. O Racing Villalbés firma a un exdeportivista como Adri Castro, que este curso xogou en Boiro despois dun periplo por Austria. Na Sarriana, o novo dianteiro é o pichichi da Terceira RFEF na pasada campaña con 18 goles, Adri Rodríguez. Tamén apostan polo talento lucense na Ribela neste mercado, porque o central monfortino Iago López volve a provincia despois de xogar no Montañeros.
Na Preferente hai dúas novidades. A primeira está fóra dos nosos marcos, xa que Pedro Delgado xogará na vindeira campaña no Villalonga. En Burela tamén hai unha novidade que é a continuidade de Yago Ramos.

Na Primeira Futgal hai moitas cousas que comentar sobre o mercado. O Outeiro de Rei xa ten adestrador, xa que Rubén Candal ocupará o seu banco, ao igual que Óscar Moure no Atlético Escairón despois de deixar a dirección deportiva do Lemos.
Na Segunda Futgal, o mercado comeza cun dos descendidos. O Xove Lago anunciou as baixas de Ibra, Dani Liz e Kevin, asi como a incorporación de Xopi, que chega do Imperator xuvenil. En Portomarín quedan sen Diego Rey no seu banco, mentres que continúan Canteiras, Andrés e Páramo en Paradela e Triunfante, Marcos Salgado, Farra e Seixosmil en Meira.
Por último, tamén o mercado deixou agasallos na Terceira coa renovación de Manuel Hortas e Juan Langosta no Quiroga e Julio fai o mesmo no Muimenta.