#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal

O Lemos alcanza a final do play off de ascenso

Duelo na ida entre Lemos e Negreira

Tocáballe resistir ao Lemos para pasar á seguinte rolda da promoción de ascenso á Terceira RFEF e logrou un empate por 0-0 ante o Negreira que fai que os monfortinos avancen á final. Monforte ten a ilusión polas nubes despois dun encontro sólido onde tivo tramos de dominio e no que conseguiron manterse fortes para aguantar o resultado positivo do encontro de ida. Agora terá que enfrontarse ante o Portonovo, que rematou segundo no grupo sur e que acaba de eliminar ao Órdenes.

O Lemos foi a polo partido

O guión semellaba a que o Lemos ía ter que sufrir, pero nos primeiros minutos do encontro foi todo o contrario. Os monfortinos plantáronse no Jesús García Calvo con ganas de ter o control. De feito, case atopan un gol tras un mal rexeite do Negreira que estivo a piques de entrar e despois dunha xogada individual de Adri Díaz na que Dacuña tivo que realizar unha intervención de mérito.

Cos minutos, o encontro igualouse e o Negreira atopou a forma de poñer nervios na zaga monfortina a través da estratexia e os centros laterais. A altura e poderío aéreo dos seus xogadores facía que o Lemos tivese que estar moi atento a esas situacións. Pero ningunha chegou a ser gol, o que facía que o descanso chegase sen que ninguén fose quen de abrir o marcador.

Sufrimento e unha expulsión chave

Na segunda parte, o Negreira conseguiu dar máis pasos cara a portería de Pablo Losada aproveitando o xogo directo e todas as segundas xogadas. Foi no minuto 65 cando tiveron a súa oportunidade máis clara. Gonzalo conseguiu un tiro nunha posición ideal para marcar, pero o porteiro do Lemos realizou unha gran parada que mantivo a igualada.

Dous minutos despois desa ocasión, o partido cambiaría por completo. O colexiado expulsou a Alberto Freire, máximo goleador do Negreira durante a tempada. Pese a iso, os locais querían o gol que forzara a prórroga, pero a defensa do Lemos puido sacar todas as súas chegadas. Os espazos tamén lle deron oportunidades ao Lemos cun Fito que tivo dúas oportunidades claras que non convertiu, pero o pase á final xa estaba feito e as 300 persoas que acudiron desde Monforte comezaron a celebralo.

Un coñecido da liga como rival

Na final o rival será un Portonovo que rematou a tempada regular como segundo do Grupo Sur, onde tamén estaba o Lemos. Os da provincia de Pontevedra conseguiron o pase despois de gañar por 3-2 no global da súa eliminatoria ante o Órdenes. Os antecedentes da competición regular non poden deparar unha eliminatoria máis igualada, xa que os dous encontros remataron con empate no marcador. Nesta rolda mantense o mesmo criterio se hai empate nos noventa minutos, prórroga e penaltis no caso de ser necesarios. A ida será esta fin de semana na Pinguela e a volta será en Baltar.

Foto de Aurea_Jpg.

O Lemos alcanza a final do play off de ascenso

O Lemos alcanza a final do play