Iago Díaz

Iago Díaz: «Ser secretario técnico do Xerez é unha oportunidade moi boa para min»

Un dos grandes xogadores da última década do fútbol lucense, Iago Díaz, está listo para embarcarse nunha nova aventura dentro da súa ligazón ao fútbol. Despois de militar esta pasada tempada na Sarriana, pasará a formar parte da secretaría técnica do Xérez, un equipo histórico en España no que xa estivo como xogador. Unha nova faceta para unha carreira deportiva exitosa que aínda non ten un punto final, xa que está aberto a poder seguir deleitando aos afeccionados ao fútbol de toda a súa calidade.

Iago Díaz terá o deber de construír un cadro de xogadores que loiten para que o conxunto xerezano poida ascender cara a Primeira RFEF e achegarse a voltar á Primeira División, onde estiveron hai 16 anos. Iago Díaz pasou polos micrófonos do Ser Deportivos Lugo desta semana e enfrontouse ás preguntas de Juan Carlos Rodríguez, presentador do programa, e Eros López, redactor de Futbolinlugo. Na entrevista falaron da súa nova aventura e da súa carreira futbolística.

Entrevista a Iago Díaz

Novo cargo: «Xoguei aquí e fixen moita amizade co Director Deportivo. Mantivemos o contacto e decidiu que quería contar conmigo como secretario técnico. É unha oportunidade moi boa para min nun club histórico. Gústame máis este lado que adestrar, e mira que teño os tresniveis. É un proxecto moi ambicioso nun club que move moita masa social».

Continuidade como xogador: «Non está decidido, pero está preto o final. Non penso neso porque temos moito traballo, comezando pola busca de adestrador. Estou moi centrado en axudar ao equipo en todo o que poida».

Tempada coa Sarriana: «Foi un descenso co que non contabamos. Viñamos nunha moi boa dinámica e confiábamos na permanencia. Formamos unha familia e lévome moita xente de alí. Pasamos un ano moi bonito en moitos tramos da competición».