Diario dun mercado. Episodio 502
-
Santi Real | 27/05/2026
- 0
- 2min de lectura
O mercado non dá tregua, e aínda estamos no mes de maio. Os clubes que deron por finalizada a súa temporada 2025/2026 xa miran cara o vindeiro setembro, mentres que os futbolistas tamén miran polo seu futuro. Un deles é Diego López: o capitán do Racing Villalbés di adeus ao cadro chairego logo dunha vida na Magdalena. O de Mourence despídese tras un ano no que, de novo, foi unha peza esencial da defensa dos de Zecho, pois xogou 30 partidos como titular na Terceira RFEF.

O resto de movementos concéntranse na Mariña. En primeiro lugar, fóra dos nosos marcos, José Manuel deixa de ser adestrador do Tapia. Xa na nosa provincia, o Burela renova ao preparador que conseguiu a agónica permanencia, Julio Castro. Tamén continúa Donato á fronte do Celta Barreiros e o capitán do Lourenzá, Luis, fai o propio no cadro da Santa Cruz. Por outra banda, Mista cambia á Candelaria polo Foz, ao que se incorpora.
Outras dúas entidades con renome na comarca son o Xove Lago e o Sporting Pontenova. Tras respectivos descensos, queren recuperar a categoría perdida o antes posible. Os de Piru renovan para iso a Hugo Pérez, Álex Mateo e Sasha, ademais de asinar ao defensor Justin desde o San Roque. Os da Mina, pola súa banda, seguirán co mesmo técnico: Lucas Cabana renova e mantén ao seu carón a xogadores como Hugo Veiga, Marcos Macía, David Ginzo, Rubén Rodríguez, Mauro Rábade e Nico Guerrero.
