O campión de Copa sairá dun Ribadeo-Guntín

As semifinais da Copa Deputación deixaron un domingo vibrante na provincia. As alertas por trebón quedaron nun segundo plano logo da disputa de dous choques que se resolveron de xeito dramático nalgún dos casos: o Guntín deixou fóra ao Monterroso desde os once metros e o Ribadeo superou con contundencia a un dos clásicos da competición, o Atlético Escairón.

O Guntín saca o billete para o final na tanda de penaltis (0-0). A proposta conservadora do cadro laranxa, sen asumir riscos excesivos, surtiu efecto. Os locais levaron a iniciativa co balón, pero houbo moitas interrupcións e o choque, marcado pola calor sobre o céspede de Cerdeiriños, tivo un ritmo baixo. O Monterroso gozou dunha ocasión clara en cada parte, pero errou na definición e o Guntín soubo levar o xogo aos seus intereses. Chegou así o final do tempo regulamentario e con el a tanda de penaltis. Coma sempre, o punto fatídico repartiu sorte para uns e desgraza para outros, de xeito que o Guntín se impuxo por 5-6 e xogará a final da Copa.

O Ribadeo gañou a Copa no 2023, mentres que o vixente campión é a SD Chantada.

copa
Mario anotou dous goles na victoria do Ribadeo.

O Ribadeo mantén unha gran dinámica fronte ao Escairón (3-0). A boa xeira de resultados na que está inmerso o Ribadeo fíxose notar no Pepe Barrera. A salida en tromba local foi contida polos do Saviñao nun primeiro momento, pero os celestes non baixaron o ritmo e conseguiron o 1-0 mediado o primeiro tempo. O Escairón tratou de repoñerse, pero non puido cun cadro mariñán que aproveitou o paso por vestiarios para cargar pilas: Mario puxo terra de por medio no 47′ co 2-0 e o mesmo Mario sentenciou no 90′ co 3-0 definitivo. Ao longo do duelo, os ribadenses erraron tamén dous penaltis, pero non lles pasaron factura e xogarán a final da Copa diante do Guntín.

Iker detivo o penalti decisivo en Cerdeiriños.