#Sin categoría

Ribadeo e Residencia, unha final polo play off de ascenso

Foto de portada: Roberto Carreira (Facebook Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial)

A derradeira xornada na Primeira Futgal non é apta pra cardiacos. Seis conxuntos no grupo 3 buscan evitar dúas prazas de descenso. Son o Xove Lago, Taboada, Oural, Lourenzá, Outeiro de Rei e Castro. A eles hai que engadir o Brollón, no exilio ourensán do grupo 4. Todo iso con choques directos que analizaremos máis abaixo na Axenda.

E outros dous conxuntos poñen en xogo a última das prazas de disputar a promoción de ascenso a Preferente, nen máis nen menos que nun enfrontamento directo. O Ribadeo recibe á Residencia o domingo ás 18 horas (xornada en horario unificado) no Pepe Barrera. Arbitrará o colexiado Álvaro Valín.

O Ribadeo afronta esta última xornada desde o cuarto posto, con 63 puntos, un menos que a Residencia, polo que as contas dos mariñáns son claras. Unha vitoria outórgalle pasaporte directo ao play off de ascenso, e calquera outro resultado dalle o pase á Residencia. Os de Dani Moirón suman catorce xornadas sen coñecer a derrota, desde o 25 de xaneiro cando caeran no Pepe Barrera diante do xa ascendido Chantada.

Pola súa banda a Residencia parte desde a terceira praza con 64 puntos, e coa vantaxe de poder xogar a promoción de ascenso, por segundo ano consecutivo, sempre e cando sume un só punto no Pepe Barrera. Os de Rafa Casanova, que volve á que foi a súa casa durante dez anos como xogador e adestrador, non baixaron da terceira praza en ningunha xornada ligueira e póñena en xogo nesta derradeira logo de vencer en só un dos seus últimos sete encontros disputados. E ollo, porque un triunfo da Residencia unido a unha derrota do Monterroso, remataría cos da capital da provincia na segunda praza.

Non serán da partida para este encontro o mancado Anxo e o sancionados Xairo e Pedrinho por parte do Ribadeo, mentres que na Residencia causarán baixa Tebi e Borja, lesionados de longa duración.

O último enfrontamento no Pepe Barrera entre Ribadeo e Residencia tivo lugar o 10 de setembro de 2023, cando ámbolos dous conxuntos militaban na Preferente. Daquela o triunfo caera do lado local por dous goles a un. Asier, hoxe xogador-presidente do CD Foz, e Álex Meitín, que será da partida este domingo marcaran para o Ribadeo. Rois, que tamén formará parte da Residencia nesta xornada, foi o autor do tanto dos da capital da provincia.

A PREVIA, COS PROTAGONISTAS

Álex Meitín (Ribadeo FC)

Boa xeira. «O equipo chega ben a este encontro decisivo. Nunha boa dinámica de resultados e preparado anímicamente para enfrontarnos á Residencia. É certo que nos enfrontamentos directos cos equipos de arriba non fomos quen de gañar, pero non nos sentimos inferiores neses partidos a ningún deles, polo que agardo que o domingo chegue a vitoria«.

O partido. «Espero un partido cun ritmo alto e moitas disputas, no que os erros van penalizar a quen os cometa. Eles son os favoritos, xa que chegan terceiros e a nós só nos sirve gañar para arrebatarlles o posto e xogar o play off, pero contaremos coa nosa xente animando desde a bancada. Debemos ser un equipo sólido, non encaixar e ser atrevidos co balón«.

A temporada. «Fago unha valoración positiva. Estamos competindo ben e atopámonos a un partido de poder entrar nun play off de ascenso e clasificados para as semifinais da Copa Deputación. No comezo ligueiro custounos un pouco adaptarnos á categoría e ao que nos pedía o corpo técnico e tivemos altos e baixos, pero o equipo foi medrando co paso dos partidos a base de traballo para poder chegar a este momento loitando por todo«.

Artai (SDC Residencia)

Positivos. «Entre todos sacamos a positividade de onde faga falta. Creo que aí reside a forza do noso grupo, ser herméticos e todos cun mesmo obxectivo deixando de lado os intereses persoais. É certo que os resultados non foron os agardados nestes últimos encontros, pero o rédito de puntos co que contamos con respectos aos equipos de fóra do play off deunos esa tranquilidade nos momentos menos agradables da temporada. Se estiveramos máis apurados de puntos, moi posiblemente non houbésemos reaccionado como o fixemos«.

O partido do Pepe Barrera. «Os dous equipos temos un gran potencial ofensivo, polo que, visto tamén o encontro disputado na Cheda na primeira volta, é moi probable que sexa un partido no que abunden as ocasións de gol en ámbalas dúas áreas. Baixo o meu punto de vista, a clave para sumar en Ribadeo reside no noso nivel defensivo. Se conseguimos manter o noso nivel de xogo na fase defensiva destes dous últimos partidos, estou seguro que os xogadores de arriba acompañarán ese traballo coa súa calidade«.

Unha campaña de picos. «O comezo foi espectacular, xa que, a primeira derrota chegou na xornada catorce fronte á SD Chantada. O 2026 comezámolo cunha racha moi mala, na que as lesións xogáronnos unha mala pasada. Sempre son un lastre, sobre todo para os equipos que queremos estar arriba na clasificación. Ogallá este fin de semana saia todo a pedir de boca e podamos repetir a nosa participación no play off, porque é unha experiencia que non se vive moitas veces«.

A AXENDA

Segunda Galega Feminina

Milagrosa – Unión Campestre (Domingo ás 16:30 no Luis Gorgoso): encontro no que as lucenses deben sumar os tres puntos para non ver perigar a súa presenza na promoción de ascenso.

Terceira RFEF – Play off de ascenso

Racing Vilalbés – Compostela (Sábado ás 18:30 horas na Madalena): encontro grande na capital da Terra Cha. Os de Juan Rodríguez logo de acadar unha praza na promoción non se conforman e buscarán desbancar ao gran favorito, un Compostela que xa viu fuxir o ascenso directo.

Preferente Futgal

Burela – Cidade de Ribeira (Domingo ás 18 horas na Marosa): a permanencia en xogo para o cadro verde. Para seguir en Preferente ao Burela só lle vale a vitoria diante do xa descendido Ribeira. Co triunfo, os de Julio Castro teñen só descenderían nunha carambola na que existira un cuádruple empate a puntos co Pol, Dumbría e Sigüeiro. Fundamental que o enfrontamento directo entre estes dous últimos non remate en empate para non mirar a outros campos.

Lemos – Pontevedra B (Domingo ás 18 horas na Pinguela): os monfortinos xa teñen o billete para a promoción de ascenso á Terceira RFEF, pero poñen en xogo poder subir un posto na clasificación. Unha vitoria diante dun Pontevedra B xa ascendido, unido á derrota ou empate do Atios daríalle aos monfortinos a terceira praza. Do mesmo xeito, unha derrota ou empate do Lemos, unido a unha vitoria do Antela podería rematar cos de Marquitos no quinto posto.

Primeira Futgal

Taboada – Xove Lago (Domingo ás 18 horas na Medela): dous dos implicados na permanencia. Ámbolos dous precisan gañar. O triunfo sería dabondo para os locais, pero non para os visitantes, que ademáis da súa vitoria precisan axuda de terceiros.

Lourenzá – Castro (Domingo ás 18 horas en Santa Cruz): outro enfrontamento directo. A vitoria salva a ámbolos dous. Cun empate o Lourenzá tería que agardar unha vitoria do Xove na Medela ou que o Oural non gañe. Os chairegos abóndanlles cun empate para non depender de ninguén. Un derrota obrigaríao a mirar a tres campos distintos.

Outeiro de Rei – Chantada (Domingo ás 18 horas no Municipal): os de Fernando Corredoira precisan cando menos un empate diante do líder para seguir en Primeira. Un derrota daría co Outeiro en Segunda se gañan Taboada ou Xove, Oural e Lourenzá.

Oural – Foz (Domingo ás 18 horas no Luis Pallín): os locais precisan gañar diante dun Fol salvado para non verse en risco de descenso. Un empate ou derrota dos sarriaos podería rematar en descenso si do Taboada-Xove sae un gañador.

La Purísima – Brollón (Domingo ás 18 horas nos Carrís): os de Chura precisan sumar para salvarse. A conta é clara. Non perder garante a permanencia. Unha derrota obrigaríaos a mirar o resultado do Allariz.

Segunda Futgal – Grupo Norte

Goriz – Guitiriz (Domingo ás 17 horas no Ventiño): unha vitoria do Guitiriz outórgalle o pase ao play off. Un empate ou derrota tamén sempre que non gañe o Riotorto en Meira.

Meira – Riotorto (Domingo ás 17 horas na Lomba): os de Isaac Rouco teñen que gañar en Meira se queren ter opcións de xogar o play off e agardar un pinchazo do Guitiriz no Ventiño.

Segunda Futgal – Grupo Sur

Paradela – Lemos B (Domingo ás 17 horas no Gandarón): o filial monfortino pon en xogo o asecenso directo. Lograrao sempre que venza ao Paradela. En caso de empate ou derrota no Gandarón, terá que agardar que o Becerreá non gañe diante do Sober.

Becerreá – Sober (Domingo ás 17 horas no Municipal): os locais deben gañar e agardar que non o faga o Lemos B para ascender directo. En caso contrario xogará o play off. Enfronte un Sober que precisa vencer para evitar caer a postos de descenso directo e evitar posibles arrastres.

O resto dos partidos dos conxuntos implicados na pelexa pola permanencia poden seguilos no Carrusel que www.futbolinlugo.es levará a cabo a partir das 17 horas do domingo.

Ribadeo e Residencia, unha final polo play off de ascenso

Ribadeo e Residencia, unha final polo play