#Fútbol afeccionado #Primeira Futgal

Unha guerra para seguir na Primeira Futgal de seis equipos para dous descensos

O Taboada, un dos equipos metidos na loita da Primeira Futgal

A Primeira Futgal regalará unha última xornada completamente tola ata o final. Ademais da loita polo playoff, onde o Ribadeo e a Residencia se xogan o último posto nunha final entre ambos, seis equipos teñen aínda opcións de descender á Segunda Futgal. Taboada, Xove Lago, Oural, Lourenzá, Outeiro de Rei e Castro xogaranse evitar os dous postos que quedan de descenso, un xa o ocupa o Iberia. Unha loita ata o final que non deixará a ninguén indiferente.

As contas de Oural, Lourenzá, Outeiro de Rei e Castro son sinxelas en gran medida. Se gañan, están salvados e se empatan, Outeiro e Castro estarían matemáticamente. O Oural medirase no Luis Pallín ante o Foz, mentres que o Outeiro de Rei se medirá ao Chantada no Municipal. Lourenzá e Castro terán un encontro que pode ser unha festa doble en Santa Cruz, pero que tamén podería ter unha parte de drama para un deles.

Para comezar a falar das casuísticas que se puidesen dar, hai que pararse na que si que vai ser a final desta categoría. A fortuna do calendario deparou un Taboada-Xove Lago na Medela para rematar a tempada. Ademais, todo tendo en conta de que o empate non lles vale para librar a ningún dos dous, xa que só hai un triple empate posible co Oural e sería o cadro sarriao quen salvaría a categoría. A vitoria descende ao que perda, pero ao que gaña faille estar atento ao resto de resultados.

Empates por todos os lados

Para gañar e salvar, calquera dos dous necesita que se dese un dos seguintes casos: que empate ou perda o Oural ou que perda o Lourenzá. Ao Taboada valeríalle tamén que os de Santa Cruz empatasen, que o Outeiro perda ou que o Castro perda. Ao Xove, pola contra, só lle valería como caso engadido que perdese o Castro. Iso antes de entrar na voráxine dos posibles triples empates que se poderían dar ao remate da última xornada.

Poñámonos no caso de que o Oural gaña o seu partido e que o Outeiro de Rei perde. Se houbese unha vitoria do Xove Lago e un empate no Lourenzá-Castro, igualarían Lourenzá, Xove Lago e Outeiro de Rei, con descenso para o Xove Lago. Se en lugar do Xove fose o Taboada, as tornas cambiarían debido a que sería o Lourenza que fose novo equipo da Segunda Futgal. Se no canto dun empate gañase o Lourenzá, daría igual a vitoria de Xove ou Taboada, porque o equipo descendido en ambos casos sería o Outeiro de Rei.

Un posible descenso lucense máis na Primeira Futgal

Pero ollo porque aínda pode haber un cuarto ascenso da Primeira Futgal, e non depende de arrastres que xa é matemáticamente seguro que non van afectar. O Brollón chega xogándose todo na última xornada e terá que facelo ante un rival directo como o La Purísima. A conta do Brollón é, outra vez, sinxela. Se gaña, está salvado. A cousa ven co empate ou coa derrota, xa que o Allariz ten 35 puntos e podería alcanzalo. En caso de empatar, salvaría en empate simple contra o La Purísima pola diferencia de goles e tamén se o Allariz se metese nun triple empate.

Só hai un caso no que o Brollón baixaría nun caso de igualada de puntos. Para iso, tería que perder ante o La Purísima nos Carrís, que gañase o Allariz e que perdesen o Maceda e o Francelos. No resto de casos de igualadas, salvaríase, polo que sumar un empate tamén lle daría a permanencia. Nos simples de derrota, baixaría tanto co Maceda como co Francelos agora mesmo, xa que ten unha diferencia de goles mellor o equipo ourensán.

Ollo cos arrastres

Pero todos estes casos supoñen nervios na Segunda Futgal polos posibles arrastres. Cun seguro no grupo norte, que afecta seguro ao Matela, o resto de equipos estarán cun ollo posto no que poida acontecer. Poderían caer no Norte o Sporting Pontenova, se houbese un máis, e tamén un entre o Pastoricense, o Celta Barreiros, o Casás ou o Candelaria, no caso de ter dous máis. No Sur, podería haber ata tres arrastres, pero os dous descensos aínda non están pechados. O Páramo, Sober, San Lázaro, Monterroso B e Chantada B poderían caer. De aí, tanto poden baixar só dous como poden baixar os cinco. Incluso o Paradela podería verse afectado de haber tres arrastres e empatar co filial chantadés.