Os resultados deste pasado domingo manteñen aos Máxicos con todo en xogo ante a disputa da última xornada. No Grupo 3, seis equipos loitan aínda pola permanencia e Residencia e Ribadeo xogarán entre eles nun duelo a todo ou nada pola promoción. No Grupo 4, o Brollón debe puntuar para asegurar a súa continuidade na categoría.
O Brollón non pasa do empate ante o Francelos (0-0). Os Máxicos locais amosáronse máis nerviosos nun primeiro tempo no que o Francelos enviou un balón ao pau e tivo o control do xogo. Porén, o descanso sentou ben ao cadro dos Medos, que saíu renovado dos vestiarios e gozou de numerosas ocasións para adiantarse no segundo tempo. Tan só o acerto do gardamallas ourensán en tres accións claras impediu o gol local. Na derradeira xornada, os da Pobra visitarán o feudo de La Purísima para asegurar a permanencia.
O Taboada saca un punto da Cheda (1-1). Logo de tres ocasións claras do Taboada polas bandas, a Residencia fíxose co control do choque. Aínda que os visitantes se defenderon ben, a insistencia local terminou por dar o seu froito nun centro lateral, 1-0. Na segunda metade, o cambio de sistema visitante deulle un aire novo ao Taboada, que empatou e xerou perigo a balón parado. A Residencia, pola súa banda, errou un man a man. Ao final, o reparto de puntos permite que ambos conxuntos cheguen á ultima xornada dependendo de si mesmos para acadar os obxectivos.
Brollón, Xove, Outeiro, Taboada, Lourenzá, Castro e Oural queren seguir protagonizando os Máxicos na 26/27
O Outeiro remonta en Xove e salva o matchball (1-2). Ibra e o Xove aproveitaron tras un saque de banda a imprecisión visitante e, logo dunha xeira de rexeites, chegou o 1-0. Os Máxicos chairegos, porén, sacudiron a presión e fixéronse donos do xogo. Corredoira introduciu cambios no tempo de lecer e a aposta saiu ben: Veiga empatou nunha acción a balón parado e, os mariñáns apretaron para procurar a victoria, con ocasións de Ibra ou Javi Barja.
Porén, cos espazos que deixou o Xove tras o 1-1, o Outeiro aproveitou un contragolpe executado de libro para poñer o 1-2 cando se achegaba o asubío final, sacar tres puntos de ouro do Municipal e encarrilar a permanencia.

O Chantada Atlético asegura a permanencia ante un Santaballés xa salvado (2-0). A primeira parte tivo poucas ocasións e ambos conxuntos estiveron incómodos, pero Pablo desfixo a igualada nunha falta lateral cando se achegaba o descanso. Na segunda metade, o Santaballés procurou con insistencia o gol, pero o «Atlético» insistía en controlar o choque por medio da posesión. Porén, foi nun roubo en medio campo cando Porto viu adiantado a Chipi e fixo o 2-0 cun golazo. Os Máxicos chairegos subiron entón as súas liñas e tan só Álex evitou o gol do Santaballés e permitiu que ambos equipos celebrasen a permanencia no Sangoñedo.
O Guntín vence ao Racing Villalbés ‘B’ nun duelo vibrante (1-0). Aínda que xa teñen os obxectivos cumpridos, os Máxicos do Guntín e do filial chairego protagonizaron un partido moi entretido no Ladairo. Os laranxas tiraron de sobriedade e solvencia e fixeron bon un gol de Mateo cando se achegaba o descanso. Na reanudación, os de Iván Lamas procuraron con insistencia a meta local, pero non foron quen de perforar as redes de Ilian, 1-0.
O Monterroso remonta en San Miguel e xogará o playoff (1-2). Os Máxicos de Cerdeiriños amosáronse nerviosos no comezo e erraron dúas ocasións xusto ao principio. Dani Vidal castigou eses erros co 1-0 tras un despexe que se envenenou. Porén, os visitantes medraron co paso dos minutos e, tras fallar na definición ao longo de toda a primeira metade, os goles chegaron no segundo tempo. Guaje empatou tras unha acción polémica e Manu fixo o 1-2 cando restaban dez minutos nas Valgas. Cos puntos, o Monterroso é o primeiro equipo lucense confirmado na promoción de ascenso.
O Lourenzá asalta o Martínez Otero (1-4). O bloque baixo e as transicións visitantes surtiron efecto e o Lourenzá fixo o 0-1 logo dun roubo e posterior disparo de Antón. Pouco despois, unha pena máxima protestada polo Foz supuxo o 0-2 e, aínda antes do descanso, chegou o 0-3 noutra saída rápida. Tras o descanso, un novo contragolpe visitante traduciuse no 0-4. Os Máxicos do Foz non se viñeron abaixo e, pese a quedar cun home menos, tiveron minutos de moi bo xogo e recurtaron diferenzas desde os once metros, 1-4.
Castro e Ribadeo asinan táboas nun choque sen efectividade (0-0). Na primeira metade houbo ocasións para ambos conxuntos, pero xa se anticipaba que o gol non quería ser protagonista no Arturo Pereiro. Xa no segundo tempo, tan só a falta de acerto do Ribadeo e o enorme traballo defensivo dos Máxicos do Castro impediron que os celestes se levasen a victoria do municipal chairego. Co empate, os dous conxuntos agardarán á última xornada para asegurar a consecución dos seus obxectivos.
A SD Chantada e a Milagrosa suman, non encaixan e seguen (0-0). A sobriedade defensiva dos Máxicos visitantes fíxose notar ao longo do primeiro tempo, mentres que a SD Chantada soubo defenderse co balón. Tras a reanudación, a Milagrosa acusou o esforzo pero resistiu os ataques do campión da categoría e puido incluso levarse o partido, pois xogou 12 minutos con un home máis e 2 fronte a nove xogadores, tras as expulsións dos locais Jordi e Pedro.
O Oural saca un valioso punto do Saviñao (1-1). A pouca intensidade do Oural permitiu ao Escairón adiantarse antes do descanso nunha gran acción nun saque desde o curruncho. Reaccionaron os Máxicos sarriáns no primeiro tempo: Yago rematou con mestría un gran centro de Cayuela. No segundo tempo púxose de manifesto o que había en xogo, pois o Oural buscou con insistencia un gol que non chegou, mentres que os do Saviñao ameazaron con contragolpes que tampouco foron quen de culminar.


