Xa non vai máis. A Terceira RFEF chega ao seu fin e faino con moito en xogo para dous dos tres conxuntos lucenses. Co Viveiro xa salvado, Racing Vilalbés e CD Lugo B enfróntanse o domingo ás 18 horas na Madalena nun derbi, que promete ser trepidante, xa que un dos dous equipos pode rematar clasificado para a promoción de ascenso a Segunda RFEF. Impartirá xustiza Óscar Martínez, veterán colexiado do comité santiagués que dirixirá o seu derradeiro encontro en categoría nacional.
A falta da disputa da derradeira xornada así está a clasificación na Terceira RFEF:
- Arousa: 67 puntos.
- Compostela: 65 puntos.
- Atlético Arteixo: 57 puntos.
- Estradense: 50 puntos.
- Somozas: 50 puntos.
- Boiro: 50 puntos.
- Racing Vilalbés: 49 puntos.
- CD Lugo B: 48puntos.
- Gran Peña: 48 puntos.
Arousa e Compostela xogaranse o liderado, Arteixo será terceiro, e desde o cuarto ata o noveno posto están en xogo dúas prazas no play off de ascenso. Serán de Estradense e Somozas se son quen de sacar adiante os seus encontros. Os primeiros, co ribadense Dani Pedrosa nas súas filas, mídense na casa ao Barco, conxunto que non pon nada en xogo, mentres que os segundos, que contan cos viveirenses Aldán e Lucas Fanego, enfróntanse noutro choque directo co Boiro.
As derrotas diante de Silva e Gran Peña, nas dúas últimas xornadas, impediron que o Racing Vilalbés chegue a este encontro decisivo dependendo de si mesmo. Os chairegos deben gañar no derbi e agardar acontecementos. As contas son sinxelas para os de Juan Rodríguez. Xogarán play off si logran os tres puntos e o partido entre Somozas e Boiro remata en empate. Se sae un gañadore deste encontro, sería preciso que o Estradense non gañara. Calquer empate a puntos perxudicaría ao Racing Vilalbés.

O CD Lugo B chega sen coñecer a derrota nos últimos cinco partidos. As contas do filial albivermello son semellantes ás do Racing Vilalbés. Para ser equipo de play off deben sacar adiante o seu partido na Madalena, e agardar os resultados dos rivais, pero os de Dani Galán teñen o golaverage favorable co Estradense e o Boiro. Polo tanto, o Lugo B xogaría a promoción de ascenso se gaña e o Estradense non o fai. Un hipotético cuádruple empate a 51 puntos entre Estradense, Somozas, Boiro e Lugo B beneficiaría aos lucenses, que acadarían praza no play off.
O último enfrontamento entre Racing Vilalbés e Polvorín na Madalena tivo lugar o 12 de xaneiro de 2025, e rematou con triunfo local cun solitario tanto de Borja Míguez.
Falamos na previa con Álex Santomé e Candal, os dous gardametas, que ben seguro serán decisivos no derbi.
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
Álex Santomé (Racing Vilalbés)
Dúas derrotas que complican a promoción. «Chegamos á última xornada con opcións, e iso para nós xa é moi positivo. Fai moitas xornadas que acadamos a permanencia, que era o gran obxectivo do club, polo que agora buscaremos darlle unha alegría á afección cunha vitoria na derradeira xornada. Ogallá o logremos e se den os resultados para xogar o play off, pero para nós a temporada xa é magnífica. Entrar entre os cinco primeiros xa sería poñerlle un broche de ouro«.
O encontro co CD Lugo B. «Os filiais son equipos con moito ritmo e pouca experiencia. E no caso do CD Lugo non é unha excepción. Teñen futbolistas cunha calidade individual sobresaínte e que xa están xogando no primeiro equipo, como é o cado de Aday, titular en Primeira RFEF fronte ao Mérida. Debemos aproveitar a nosa experiencia e suplir esa vitalidade coa nosa solidadariedade e coa nosa forma de traballo para poder sumar os tres puntos. Precisamos que a afección empurre e sexa o noso xogador número doce«.
A canteira, protagonista. «Creo que a temporada do Racing é fantástica. O club deulle moita importancia á canteira e moitos rapaces da base contaron con moitos minutos e de calidade nesta campaña. Nesta categoría, salvo un filial, creo que non hai ningún equipo que aposte pola canteira como o facemos en Vilalba, e non só de palabra senon con feitos. Estar na derradeira xornada con opcións de play off con esta estrutura de club é un exitazo, polo que a esta temporada daríalle unha nota moi alta«.
Jorge Candal (CD Lugo B)
O equipo. «A verdade é que chegamos nun gran momento, tanto defensiva como ofensivamente. Estamos a realizar un gran xogo e iso estase vendo reflectido nos últimos encontros. As nosas opcións pasan por xogar o noso fútbol independentemente de cal sexa a situación clasificatoria, e mentras disfrutamos da oportunidade que temos«.
Xogar o play off. «Suporía unha oportunidade de medrar para cada un de nós, xa que, estariamos a xogar partidos en situacións complexas, onde hai que controlar moitas variables do partido, e ben seguro que a presión do público. Asimesmo tamén nos ofrecería a posibilidade de amosar o equipo que somos, e sobre todo, o equipo no que nos convertemos ao longo da temporada«.
A temporada. «Foi moi boa. Como todos os equipos, pasamos por momentos mellores e peores, pero co paso do partidos puido verse un crecemento en todos os ámbitos que é remarcable«.
A AXENDA
Os lucenses da Preferente xogan fóra. Aínda lles quedará un encontro na casa, pero o Burela precisa traer os tres puntos de Ordes (domingo ás 12:00 horas no Municipal de Vista Alegre) e o Lemos tentará polo menos puntuar ante o Tyde (domingo ás 17:30 horas no Álvarez Durán 1). O conxunto de Monforte podería aproveitarse de que o Atlético Arnoia (6º e rival por entrar na promoción) xoga na casa do líder Pontevedra B, que depende de si para subir directo.
Terceira RFEF (última xornada)
Viveiro – Compostela (Domingo ás 18 horas en Cantarrana): xornada festiva para o Viveiro logo de conquerir a permanencia de xeito matemático. Malia todo quererá desdedir a temporada cun triunfo diante dun Compostela que se xoga o ascenso directo.
Primeira Futgal (quedan dúas xornadas)
Residencia – Taboada (Domingo ás 18 horas na Cheda): trascendental partido na penúltima xornada da Primeira. Os locais precisan vencer para chegar á última xornada en praza de promoción, mentres que os visitantes queren a vitoria para saír dos postos de descenso.
Foz – Lourenzá (Domingo ás 17:30 horas no Martínez Otero): cos locais salvados, o Lourenzá pon en xogo boa parte das súas opcións de permanencia. Logo dunha boa xeira de resultados, os de Rubén Acebedo queren afrontar a última xornada fóra dos postos de descenso.
Castro – Ribadeo (Domingo ás 16 horas no Arturo Pereiro): a mala xeira dos locais propiciou que non teñan acadada a permanencia, polo que precisan sumar diante dun Ribadeo que quere asaltar a terceira praza antes de recibir no Pepe Barrera á Residencia. Este duelo directo da última xornada pode beneficiar ao Monterroso, que se lle gaña ao Iberia (domingo ás 17:00 horas nas Valgas) xogará seguro a fase de ascenso.
Brollón – Francelos (Domingo ás 17:30 horas nos Medos): último partido de Juan Carlos Gallardo ‘Chura’ como local nos Medos. O técnico pon fin a unha etapa de 13 anos no Brollón. Tratará de conseguir un último obxectivo: salvar o equipo do descenso nesta temporada na que o encadraron no grupo de Ourense. A súa salvación evita un arrastre no grupo sur da Segunda Futgal lucense.
O Brollón recibe o Francelos, club do concello ourensán de Ribadavia, co que está empatado a 36 puntos na clasificación. Ambos os dous teñen un máis que o Allariz e dous de diferenza co La Purísima, equipo que marca o descenso. Na primeira volta en Valboa o resultado foi de empate.
Segunda Futgal (quedan dúas xornadas)
Guitiriz – Sanci (sábado ás 17:00 horas no Suso Cruz): ao perder a opción de subir directo, o Guitiriz tratará de xogar a fase de ascenso, praza que ocupa actualmente cun punto de vantaxe sobre o Riotorto. Preséntase ó encontro sen lograr sumar de tres nas últimas tres xornadas. En fronte, un Sanci que podería certificar o seu descenso de categoría. Se gaña, a pesar de estar só con 13 puntos, podería chegar con algunha mínima opción de salvación a última xornada.
Sober – San Lázaro (domingo ás 18:30 horas en Centeás): duelo directo pola permanencia na Segunda. O Sober, último clasificado, está a tres puntos do seu rival (13°). Na primeira volta empataron. Un triunfo local deixaría unha última xornada tola por permanecer na categoría. Unha vitoria do San Lázaro, permitiríalle deixar a un rival fóra de xogo e depender de si para salvarse, polo menos do descenso directo, na última xornada.
Na Segunda están moi pendentes dos arrastres da Primeira. Os descensos directos en Primeira de equipos lucenses provocan arrastre na Segunda, a non ser que os equipos que xoguen play off de ascenso, suban. Cada ascenso, libera un arrastre. Polo momento, o que está confirmado é o descenso do Iberia, que provocaría o arrastre do 14° clasificado do grupo norte da Segunda.
Tamén está asegurado que o descenso da Sarriana na 2ª RFEF non vai provocar descensos en cadea no fútbol lucense, só lle podería afectar ao Burela.
Terceira Futgal – Eliminatorias de volta polo ascenso
Muimenta – Abadín (Domingo ás 17 horas no Pichón): o Abadín chega cunha vantaxe mínima da ida que tratará de defender no feudo dun Muimenta que quere retornar á Segunda Futgal na súa primeira tentativa.
Incio – Piringalla (Domingo ás 18 horas no Carboeiro): logo dun encontro de ida sen goles e no que a Piringalla puxo as ocasións, o conxunto local tratará de facerse forte como local para retornar á Segunda. Promete fortes emocións.
Segunda Galega (quedan catro xornadas)
San Lázaro – Esteirana (Domingo ás 12:00 horas no Municipal Rodríguez Lago 2): O único partido sénior feminino que se xoga na provincia esta fin de semana. Só hai fútbol na Segunda Galega. A falta de catro xornadas, o San Lázaro, 11° con 38 puntos, podería mellorar a súa gran posición clasificatoria e alcanzar o 7° posto, a cinco puntos de distancia. A Esteirana sitúase nunha praza inferior, a sete puntos do club lucense.
Pola súa parte, e dada a importancia do encontro, salientamos a saída da Milagrosa. Xoga no Cairo ante o Corme (domingo ás 16:30 horas), o seu rival pola cuarta praza de promoción xunto co Victoria da Coruña C. Ten unha vantaxe de sete puntos con respecto a ambos os dous rivais. Todo o que sexa puntuar na Costa da Morte, acercará a Mila á fase de ascenso.
Foto de portada: Mundito Carballo Durán.

