O PM Friol xogarase entrar no play-off na última xornada

  • Fair play e triunfo clave do PM Friol nun partido igualado e de tensión
  • A SD Antas e a Milagrosa impoñen a súa superioridade para seguir loitando polos seus respectivos play-off
  • A Comercial logra a súa primeira vitoria do curso nun partido con final polémico

O PM Friol impón o seu oficio nun duelo directo ante o Victoria FC (2-4)

Partido de máxima igualdade o vivido entre o PM Friol e o Victoria FC, condicionado tanto polo que había en xogo como polo resultado doutros encontros da xornada. Dende o inicio, o choque desenvolveuse de ti a ti, con posesión repartida e constantes golpes entre dous equipos moi parellos.

Adiantouse o conxunto lucense na primeira metade cun gol de Fati, chegando ao descanso cunha vantaxe mínima (0-1). Tralo paso polos vestiarios, e pese ás dificultades derivadas do calor, lesións e cambios obrigados, as friolesas aumentaron distancias nada máis comezar o segundo tempo (0-2), nunha acción que estivo marcada pola lesión da porteira do Victoria FC, que dubidou na saída e acabou lesionándose na xogada. Nun claro xesto de fair play, o PM Friol permitiu posteriormente que o conxunto local anotase sen oposición o 1-2, evitando así sacar vantaxe dunha acción condicionada pola lesión.

O Victoria FC aproveitou o impulso e conseguiu empatar o encontro (2-2), pero as amarelas souberon manter a calma, axustaron a súa defensa e non deron opción algunha ás rivais para acabar levando un triunfo clave nun partido de máxima tensión.

Na vindeira xornada, a plaza polo play-off decidirase entre Victoria CF (45 puntos), Lóstrego (44 puntos) e o propio cadro friolés (44 puntos).

O Antas golea ao Xallas tras un inicio dubitativo (0-4)

O Antas sumou unha contundente vitoria a domicilio ante o Xallas, nun partido que comezou con certas dúbidas pero que acabou dominando con claridade.

A pesar de adiantarse moi cedo cun gol de Nuria nun saque de esquina, o equipo lucense tardou en asentarse sobre o campo. Durante os primeiros vinte minutos concedeu espazos e permitiu ao rival ter o balón sen perigo real.

Co paso dos minutos, o Antas foi medrando: presión alta, recuperación en campo contrario e boa asociación con balón. Goico ampliou distancias cun disparo dende fóra da área no minuto 33, e antes do descanso Nuria completou o seu hat-trick, deixando o encontro sentenciado (0-4).

Na segunda metade, o guión mantívose. O dominio seguiu sendo visitante, cun Xallas incapaz de xerar perigo máis alá dunha acción illada ben resolta por Yanire. O ritmo baixou co paso dos minutos, pero o control do Antas nunca estivo en discusión.

A Milagrosa sofre máis do esperado pero mantense na loita polos postos de promoción (2-1)

A Milagrosa logrou unha vitoria axustada fronte ao Eirís nun partido no que o resultado final non reflicte o visto sobre o terreo de xogo.

O conxunto lucense dominou amplamente e xerou numerosas ocasións, pero a falta de acerto penalizouno especialmente na primeira metade. Pola contra, o Eirís apenas xerou perigo, pero nunha das súas poucas chegadas conseguiu adiantarse no marcador (0-1).

Na segunda parte, a insistencia da Milagrosa tivo premio con dous goles de Irene e Candela que permitiron culminar a remontada. A pesar de que o marcador quedou curto, o equipo suma tres puntos fundamentais que lle permiten seguir na loita polos seus obxectivos.

O San Lázaro cae nun duelo físico e marcado pola polémica (2-1)

O San Lázaro non puido puntuar na súa visita ao Corme nun partido moi disputado, físico e cheo de loita en cada acción.

A primeira metade estivo marcada pola igualdade e o xogo directo, con moito balón dividido e poucas ocasións claras, chegando ao descanso co empate inicial (0-0).

Na reanudación, o encontro rompeuse cun gol polémico do Corme, no que as xogadoras lucenses reclamaron unha posible man previa. Sen tempo para reaccionar, as locais ampliaron vantaxe nun saque de esquina.

O San Lázaro recurtou distancias pouco despois e deu un paso adiante, asumindo máis protagonismo e levando o peso do xogo na recta final. Porén, a boa defensa do rival impediu completar a remontada.

Un penalti no desconto dá os primeiros puntos da tempada á Comercial

O duelo lucense entre Carballedo e Comercial deixou dous relatos moi distintos dun mesmo partido, decidido por un polémico penalti nos instantes finais, pero que supón un fito importante para o conxunto visitante.

Para a Comercial, o encontro foi moi esixente, condicionado polo calor, pero afrontado con intensidade dende o primeiro minuto. O equipo competiu cada balón, mostrou orde na saída de xogo e xerou ocasións, atopando finalmente o premio ao seu traballo cun gol no tramo final.

Un tanto que vale moito máis ca tres puntos: trátase da primeira vitoria da tempada para a Comercial, que ata o de agora non lograra estrear o seu casilleiro. De aí o orgullo da súa adestradora, Vicky Burgo, tras ver como o esforzo e a evolución do grupo atopaban por fin recompensa.

Pola súa banda, o Carballedo viviu o partido con frustración. Dominou durante os noventa minutos, xerando numerosas ocasións que non conseguiu materializar, ben pola actuación da porteira rival, polos paus ou pola falta de acerto.

Cando todo parecía abocado ao empate, unha acción no minuto 90 acabou en penalti moi protestado polas locais, que significou o 0-1 definitivo e deixou ao Carballedo sen recompensa tras un partido no que considerou ter feito méritos suficientes.

O PM Friol xogarase entrar no play-off na última xornada

Os Máxicos xa teñen campión