#Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

Tres puntos para gañar en tranquilidade

A Terceira RFEF encara a súa vixésimosexta xornada de liga e faino cun encontro moi importante para o Viveiro. O conxunto mariñán recibe ao Silva, rival situado xusto por debaixo dos celestes na clasificación. Será o domingo ás 12 horas en Cantarrana coa arbitraxe do vigués David Táboas.

Logo da xornada intersemanal na que o Viveiro caeu derrotado no campo do Arousa, segundo clasificado, os de Alberto López afrontan un choque de vital importancia. Situados no decimocuarto posto da clasificación con 28 puntos, sete por enriba do Cambados, que ocupa descenso directo, e cinco máis que o seu rival desta xornada, un triunfo do conxunto celeste serviríalles para distanciarse de xeito considerable, aínda que non definitivo, da zona de perigo, incluindo unha praza destinada aos temibles arrastres por descenso desde a Segunda RFEF.

Malia que o Viveiro sumou máis puntos lonxe de Cantarrana que no seu propio campo, os mariñáns neste ano 2026 só perderon no seu feudo diante do Barco, polo que un triunfo como local nesta xornada tamén os achegaría ao grupo de equipos que ocupan a zona media da clasificación, do que o separan cinco puntos.

O Silva chega a Cantarrana con dous puntos de marxe sobre o descenso directo, posto que calquer seareiro do conxunto coruñés asinaría no mes de novembro. Logo dun comezo moi frouxo en canto a resultados, con só un triunfo nas once primeiras xornadas, a chegada de Diego García ao banquiño revitalizou ao equipo. Logo do seu bo facer en conxuntos como o Paiosaco ou Victoria, o coruñés deulle pulo a un Silva que só perdeu un dos últimos seis encontros disputados e chega á Mariña logo de vencer na Grela ao Céltiga, equipo revelación da categoría.

O último enfrontamento entre Viveiro e Silva en Cantarrana tivo lugar o 16 de marzo de 2025 e rematou con triunfo local por dous goles a cero. O capitán Arturo e German marcaron para os celestes.

Falamos, na previa do encontro, co viveirense Cora, un dos fixos nos plans do adestrador Alberto López.

O PROTAGONISTA

Cora (Viveiro CF)

O Silva. «Agardamos un partido moi complicado, pero afrontámolo con moita motivación e ganas de sumar os tres puntos. Ademáis xogamos na casa e iso ten que darnos un plus. Sumar os tres puntos é vital para distanciarnos dos postos de perigo. Temos que estar moi concentrados e dar o douscentos por cen diante dun equipo que vai vir con todo. Eles chegan nunha boa dinámica e temos que estar á altura desde o primeiro minuto, xa que, nesta categoría moitos partidos decíndense nos pequenos detalles«.

Cora, encarando a un rival, no encontro diante do Montañeros

Oportunidade de fuxir do perigo. «Contra os equipos que están preto de ti na clasificación é certo que podes ter máis posibilidades de sumar, pero para nós cada partido é unha oportunidade. Ogallá nos aferremos a ela e podamos acadar unha vitoria moi importante. Creo que esta categoría amosa que en cada partido podes sumar os tres puntos. Vemos equipos preto do descenso que gañan contra outros da zona alta da táboa, igual que o facemos nós«.

A evolución desde o retorno ao fútbol co Celeiro. «Desde o punto de vista persoal a diferencia non foi moi grande, xa que o meu nivel de compromiso foi sempre o mesmo, independentemente da categoría na que xogue. Manteño o mesmo compromiso e adicación xogue na última categoría ou Terceira RFEF. Onde si notei un cambio importante é no aspecto físico. A categoría esixe unha maior preparación e un estado físico óptimo, algo que fun traballando e mellorando co tempo. Logo de superar un periodo de proba en pretemporada tiven a oportunidade de quedar no equipo. Foi un primeiro ano de adaptación no que me custou entender os aspectos tácticos do xogo, pero aprendín moito do adestrador (Alberto López) como dos compañeiros. Este ano é cando máis evolución noto en min. Manter ao mesmo míster foi clave, xa que me deu continuidade e confianza. Entendo moito mellor o xogo, síntome máis cómodo no campo e véxome máis capacitado e competente. Madurei na comprensión táctica e no meu papel dentro do equipo. Coincidir con varios compañeiros da anterior temporada tamén me axudou e estou moito máis preparado e seguro para competir nesta categoría tan esixente«.

A AXENDA

Primeira Galega Feminina

Antas – Sárdoma B (Domingo ás 17 horas no Castro Seoane): logo de sete vitorias consecutivas, as da Ulloa queren amosar que a última derrota foi só un accidente. Reciben ás penúltimas clasificadas.

Terceira Galega Feminina

Comercial – Chantada (Domingo ás 18 no Rodríguez Lago 1): encontro a priori de clara cor visitante, xa que as locais ocupan o último posto da táboa e o Chantada o primeiro. Pero nun derbi, todo pode pasar.

PM Friol B – San Roque (Sábado ás 18 horas na Reigosa): o filial quere seguir a estela do líder. Para iso debe sumar os tres puntos diante dun San Roque que non llo porá doado.

Primeira Futgal

Chantada Atlético – Taboada (Domingo ás 17 horas no Sangoñedo): dous conxuntos en plena loita por evitar o descenso. Ámbolos dous chegan tras vencer no seu último enfrontamento. Os locais contan con dous puntos de vantaxe sobre o Taboada.

Segunda Futgal

Celta Barreiros – Guitiriz (Sábado ás 16:30 horas no Cascabeiro): os locais veñen de dobregar ao Riotorto e só perderon un dos últimos seis encontros que disputaron. Enfronte estará o líder, un Guitiriz que só perdeu un encontro a domicilio, pero que sinte o alento do Folgueiro a un só punto.

Lemos B – Santa Comba (Sábado ás 18 horas no Luis Bodegas): o filial monfortino é segundo a un só punto do líder e non perde desde o mes de novembro, cedendo desde aquela só dous empates. Conta con sete puntos de vantaxe sobre o Santa Comba, terceiro clasificado que ten unha gran oportunidade para achegarse á praza de play off.

Tres puntos para gañar en tranquilidade

O San Xosé non deixa vitorias na

Tres puntos para gañar en tranquilidade

Tres puntos para gañar en tranquilidade