O Burela puxo unha das remontadas da Preferente Norte

Día de remontadas na Preferente Norte

O Trío de Ases O Cantón agasallou unha xornada trepidante nos campos lucenses. Sobre todo, nos da Preferente Norte, xa que o Pol e o Burela, no primeiro encontro de Julio Castro aos mandos, conseguiron vitorias importantes no último minuto. Ademais Sarriana e Lemos acadaron triunfos pola mínima, mentres que na Terceira ningún acadou os tres puntos. O Racing Villalbés e o Viveiro empataron, mentres que o Lugo B foi o único que caeu nesta xornada.

O dito fíxose realidade en Burela

A etapa de Julio Castro aos mandos do Burela arrincou con bon pé tras vencer ao Miño por 2-1, aínda que lles tocou remontar nos últimos minutos de encontro. O partido tivo moita igualdade na primeira metade, cos mariñáns indo de menos a máis ao longo do encontro, pese a que o conxunto rival foi quen de incomodar moito co seu bloque baixo. Despois do descanso, o Burela quedou cun xogador máis, pero nun erro Áaron puxo o primeiro do Miño

Os de Julio Castro comezaron a remar para sumar tres puntos importantes na loita pola permanencia na Preferente Norte e xa tiveron varias oportunidades antes de que chegaran os tantos. No minuto 87, Jairo López firmaría as táboas cun remate de cabeza e, xa no tempo de desconto, Diego Chao faría unha obra de arte desde fóra da área para que a vitoria quedase na Marosa e permitir que se poñan empatados a puntos co límite da salvación.

Machada do Pol ao líder da Preferente Norte

Seis vitorias en sete encontros dise pronto, pero iso foi o que acadou o Pol ao vencer por 4-3 ao Lalín tras unha segunda parte tola. Todo comezou no minuto 46, con Brais González abrindo a lata para os visitantes. Pero xa na seguinte acción, Omar e Cuadrado atoparíanse para que o segundo fixese o empate. Pouco despois, sería o momento de Manu Vilariño, que con dous golazos desde fóra da área poñía as cousas moi difíciles para o Pol

Pero quen dixo medo. A cousa ía de dobretes e foi a quenda de Álex Pérez, que sen case tempo para asimilar o golpe puxo o 3-3 tras finalizar un man a man e aproveitar un rexeite dun disparo de Marco. Non foi ata o 90 cando Alesito conseguiría finalizar un gran roubo de Alonzo para poñer o cuarto tanto. Non é unha vitoria máis, foi todo un golpe enriba da mesa ao gañar consecutivamente aos dous favoritos polo ascenso. Os postos de promoción da Preferente Norte xa están a só catro puntos para os de Labrada.

Accidentado paso cara á permanencia

A Sarriana derramou sangue, suor e bágoas para facerse cunha vitoria que os mete no posto de play out ante o Salamanca CF UDS por 1-0. Os de Dani Giménez comezaron fortes cunha boa oportunidade de Santi Gegunde, pero a partir da media hora o partido cambiou. No minuto 29, Maxi Levrand caeu lesionado no nocello. Na seguinte xogada, o colexiado expulsaría a Marotías e, ao minuto, Edu abriría o marcador tras un centro de Freire na segunda xogada.

O partido tivo un longo parón despois dun choque de cabezas entre Iago Parga e Jacobo. Ambos foron trasladados ao hospital e o pómulo do centrocampista foi a parte máis afectada. Despois de todo iso, á Sarriana tocoulle sufrir as acometidas do conxunto charro, pero tamén tiveron oportunidades. Edu tivo un disparo ao pau e Clavería viu porta nun man a man, pero o colexiado anulou o tanto que sería a sentenza do encontro.

O Lemos volve á promoción

O Lemos acada unha vitoria ante o Umia por 1-0 na que volve a pisar os postos da promoción de ascenso. Os monfortinos, que manteñen o pleno de vitorias con Markitos dirixindo ao equipo, foron superiores desde o primeiro minuto. A boa circulación de balón permitiulle ter un gol anulado de Emmanuel e unha infinidade de boas oportunidades, pero que non puideron materializar no tanto que abrise o marcador.

Pouco tardarían os monfortinos en adiantarse. Iñaki filtrou un pase maxistral para que Íker puidese picala por riba do porteiro cunha gran sutileza. Quixeron poñerlle máis calma, pero o Umia conseguiu xerar unha certa incertidume no conxunto monfortino, pero a zaga logrou unha gran solidez. O Lemos tamén tivo as súas oportunidades no segundo tempo, pero tivo unha ración de sufrimento nun encontro no que a distanci no marcador puido ser maior.

As vitorias non chegaron á Terceira.

O Racing Villalbés acadou ante o Somozas un empate a 1-1 nun encontro entre dous dos equipos máis poderosos de toda a Terceira. Os chairegos comezaron o partido con moita personalidade e grazas a iso chegaría un golazo desde a frontal de Javi Rey. Todo seguiu ese rumbo ata a segunda metade, xa que os do Manuel Candocia deron un paso cara adiante. No minuto 92, Sanmartín acadou o empate para os locais.

O Viveiro tamén acadou un empate que lles permite seguir alonxándose da zona de perigo ante o Céltiga por 0-0. Os de Alberto López tiveron un maior dominio durante a primeira parte con boas oportunidades e controlando o xogo desde a presión. Unha expulsión antes do descanso para os visitantes deixaba aos de Cantarrana coa vantaxe numérica, pero as lesións e a fatiga lastraron. O Céltiga deu un paso adiante, pero Ayoub estivo sólido para que non houbese sustos.

O Lugo B foi o único dos equipos do fútbol lucense que non sumou ningún punto, xa que caeron por 1-0 ante o Barco. O encontro foi moi difícil ante un dos equipos cunha mellor xeira nas últimas xornadas. Os de Calabagueiros tiveron transicións nas que Candal tivo que salvar ao filial albivermello. Xusto despois do descanso, o colexiado expulsou a Aday Alcalde, o que condicionou aos lucenses. No minuto 69, Sidibe fixo o tanto da vitoria e, pese a que o Lugo B o intentou ata o final, foi o definitivo.

Foto do Instagram do Burela