O Tres en Raia Boas Mans Fisioterapia desta xornada déixanos a sobresaínte actuación individual de Kylian, atacante dun Río Sil que goleou ao Taboada B e volve a crer que pode rematar en postos de play off. O Corgo non cede e achégase ao ascenso matemático mentres que o Rubián deu un paso importante no seu obxectivo de voltar á Segunda Futgal ao derrotar ao Quiroga, rival directo.
No norte, ningunha sorpresa e os cinco primeiros acadaron os tres puntos nos seus enfrontamentos. O líder, Mondoñedo, goleou ao Cazás e o Muimenta sumou a súa undécima xornada sen perder.
GRUPO NORTE
O Mondoñedo impón a súa lei diante do Cazás no Viñas da Veiga (3-0). Encontro cómodo para os locais, que foron dominadores desde o comezo. Malia todo, o primeiro tramo do encontro foi máis disputado e os de Nico non tiveron claridade no seu xogo ata sobrepasado o ecuador do primeiro acto. Antes do descanso Óscar inagurou o marcador cun bo gol desde a frontal. No segundo tempo, o Mondoñedo fixo valer o seu fondo de armario e Jacobo, saíndo desde o banquiño, anotou os dous goles que sentenciaron o choque. No último tramo o Cazás tivo a súa mellor ocasión nun lanzamento de Juan ao longueiro e cun tanto que foi anulado.
O Muimenta non cede e derrota a un Roupar en inferioridade (1-3). Saiu mellor ao campo o conxunto xermadino e logrou adiantarse cun gol de Sergio. Pouco máis tarde Maseda viu o segundo cartón amarelo e o encontro trocou. A superioridade do Muimenta foi notable pero o gardameta Mario erixiuse en protagonista e evitou o empate antes do intermedio. Non o puido facer na reanudación e Seijas igualou ao pouco de saír de vestiarios. Sen máis trocos ca un, os de David Lorenzo acusaron o cansanzo no segundo tempo e o Muimenta deulle a volta ao marcador con goles de Pablo e Seijas.

O Catro Roldas adáptase mellor á Canteira e vence ao Pol B (2-0). Nun terreo de xogo en moi malas condicións, os locais estiveron máis atinaddos e souberon adaptarse mellor ás condicións do encontro. Os de Coto contaron con varios achegamentos que remataron en boas ocasións de gol, sobre todo por medio de Dopico. Das botas do de Remourelle saíu o primeiro gol obra de Santi. O Pol B non era capaz de xerar ocasións claras de gol e o Catro Roldas, aínda que con dificultades, rondaba o segundo tanto. Preto do final chegou a sentencia grazas un remate de David Orosa á saída dun córner.
O Abadín reencóntrase coa vitoria diante do Celeiro (3-2). Encontro marcado polo mal estado do terreo de xogo. Os locais penalizaron os erros do Celeiro e Paredes fixo o primeiro para os chairegos no primeiro tempo. Non houbo moitas ocasións antes do descanso. Tras a reanudación Ángel puxo terra de por medio logo de aproveitar un balón solto na área e Héctor, en xogada individual, sentenciou. O Celeiro reclamou dous penaltis que o colexiado non sinalou. Si o fixo na outra área, pero o Abadín non logrou convertilo. Mario e Adri apretaron o marcador nun último tramo de encontro no que o Celeiro rozou o empate.
O Rioaveso amósase superior e golea á Comercial (5-1). Encontro dominado desde o comezo polo conxunto local. Os de Asier Lozano non tardaron en adiantarse no marcador cun gol de Noé e antes do primeiro cuarto de hora Gabeiras xa marcara o segundo. A Comercial non se adaptou ben á superficie do campo e apenas xerou situacións de perigo, salvo no seu único tanto obra de Carlos. O segundo tempo seguiu un guión semellante e o ‘Machi’ completou a goleada cun novo gol de Noé, Álex Veiga e Esteban Gil.

GRUPO SUR
O Corgo golea ao Carballedo no Municipal (5-1). A distancia clasificatoria fixo que o líder saíra máis relaxado do habitual. O Corgo non tivo a fluidez que o caracteriza co balón e custoulle xerar ocasións a un ben ordeado Carballedo. Aínda así co paso dos minutos fíxose patente a superioridade local e Meju e Brais puxeron en clara vantaxe ao Corgo antes do intermedio. No segundo tempo o técnico local fixo rotacións que non fixeron que baixara o nivel. Dous goles de Rubio e outro dun destacado Xoia completaron a goleada. O Carballedo marcou o tanto da honra ao transfomar Moncho unha pena máxima.
O Rubián vence ao Quiroga nun choque directo e recupera o segundo posto (2-1). Saiu moi ben ao campo o Rubián dominando ao seu rival na primeira media hora de xogo. Gandoy adiantou aos de Senén López nun erro defensivo dos visitantes, que co paso dos minutos cederon o testigo ao Quiroga, que logrou empatar de penalti por mans na área que transformou Rubio. A segunda metade foi moi parella, tanto en xogo como en ocasións. Un erro do Quiroga ao perder un balón aproveitouna de novo Gandoy para marcar o tanto da vitoria.
O Río Sil golea ao Taboada B cun Kylian estelar (5-2). Encontro no que o Río Sil estivo moito máis entoado que un Taboada B que colleitou a segunda derrota consecutiva e non soubo defender o fútbol directo dos locais. Kylian converteuse no auténtico protagonista do choque cun hat-trick no primeiro tempo, que xunto a un gol de Carlos deixaban o encontro visto para sentencia. Pita deulle emoción xusto antes do descanso, pero era o día de Kylian e completou o seu póker de goles á volta de vestiarios. O Taboada B buscou recurtar diferencias e propuxeron máis en ataque, pero só lograron marcar nun erro do gardameta local que aproveitou Adrián.
O Incio vence no desconto no campo do Bóveda (0-1). Partido condicionado polo mal estado do terreo de xogo e ámbolos equipos optaron polo fútbol directo. As ocasión brilaron pola súa ausencia practicamente ao longo dos noventa minutos. Cando todo parecía encamiñado ao empate, un erro nun despexe da zaga do Bóveda aproveitouno Diego para marcar e sumar tres puntos importantes para os de David Guerra.
A Piringalla aproveita a súas ocasións e vence ao Relámpago (2-4). Comezou mellor o conxunto local. Moure abriu o marcador para os de Melendo, que contaron con ocasións para ampliar a vantaxe que non foron quen de concretar. O úlitmo cuarto de hora do primeiro tempo e o primeiro do segundo foron letais para o Relámpago e a Piringalla soubo aproveitar o letargo dos locais anotando catro tantos, dous deles de Cristóbal, para deixar o choque visto para sentencia. Moure anotou o segundo do Relámpago e tamén da súa conta particular preto do final.
Foto de portada: Facebook Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial.

