O Pol venceu ao Dumbría

O Pol respira antes de que chegue o derbi

O Pol conseguiu unha vitoria ante o Dumbría de gran valor na súa loita para coller unha nova bocanada de aire antes de que chegue o derbi da Preferente. O Racing Villalbés foi o outro equipo que conseguiu a vitoria esta xornada no Trío de Ases O Cantón. O resto, non puideron sumar. O Burela métese en líos tras caer co San Tirso, igual que o Viveiro co Barco. O Lugo B alónxase dos postos nobres, mentres que o Lemos mantense no play off pese a derrota. A Sarriana estivo a piques de remontar, pero perdeu no desconto ante un rival directo.

O Pol colle unha vida extra

Era un partido na casa trascendental para que o Pol puidese manterse na loita pola permanencia e os de Labrada sabíano. A vitoria por 2-0 ante o Dumbría devolveu unha boa parte dos infortunios que leva sufrindo o equipo ao longo de boa parte da tempada. Desde o comezo do encontro puideron dominar con claridade, pero non así en ocasións. Ningún dos dous equipos ameazou aos porteiros, pero no inicio da segunda Javi Liz tivo que intervir para manter a igualada.

Tras dúas grandes oportunidades de Cuadrado, o Pol comezouse a soltar e tiñan claro que era o momento de ir a polo encontro. No minuto 76, unha boa xogada pola banda rematou nun centro que rematou Luis Díaz para facer o primeiro tanto do partido. Os de Labrada non se quedaron só nun gol e, a piques de chegar ao final do tempo reglamentario, un debutante Alonzo puido definir un man a man para sentenciar.

O Racing Villalbés imponse ante o club dos Carrís

A tarefa era complicada para o Racing Villalbés ante o Barbadás, pese a xogar na casa. Con só 12 xogadores do primeiro equipo chegaron ao encontro e, no quecemento, Pablo Trigo, o seu máximo goleador, sufriu unha lesión. Pese a iso, lograron vencer con contundencia por 3-0, o que lles permite distanciarse cada vez máis dos seus perseguidores. Os goles non chegaron na primeira parte pese a que os chairegos dominaron e tiveron oportunidades para poder marcar.

A chave do encontro estaba en ter a paciencia necesaria para maduralo e o exercicio dos de Juan Rodríguez foi perfecto. Esperaron o momento para poder facer daño e, nunha xogada a balón parado no minuto 68, José Varela abriu o marcador. O control foi total e, o outro dos irmáns Varela, Javi, puido facer o segundo tanto. Borja Míguez pechou unha vitoria importante para os intereses dun Racing Villalbés que se antepón a todo o que lle veña.

A Sarriana tocou cos dedos a remontada

A cara máis cruenta do fútbol pasou pola Ribela, xa que a Sarriana fixo todo para poder levarse tres puntos que lle daban un colchón moi grande para a permanencia, pero Carvajal no 94 deulle o 2-3 ao Valladolid Promesas. O encontro non comezou ben para os de Dani Giménez, xa que Rulo cun gran gol de falta directa e Ivorra desde a frontal puxeron un 0-2 que obrigaba unha reacción para loitar por poder sumar algún punto.

Os da Ribela fixérono, xa que no minuto 53 completaron unha gran combinación na que David Vilán filtrou un pase na área para Keko, que conseguiu definir para recortar distancias. Tiveron que esperar 20 minutos para igualar. Nunha xogada de estratexia e no terceiro centro, o balón quedou na frontal para que Millán, o xogador que máis se aproximou ao gol, logrou empatar o encontro. O xarro de auga fría veu no 94 co gol de Carvajal.

Perigo e un verdugo lucense

O Burela caeu por 4-0 ante o San Tirso, un dos grandes favoritos para loitar polo ascenso ata o final da tempada. Os de Oke foron quen de competir en moitos tramos, pero o xogo directo do conxunto coruñés foi a chave que desnivelou o encontro. Os da Mariña partían con baixas, o que lles permitiu que varios xogadores dos Made In A Marosa puidesen desfrutar duns minutos. Agora chega un derbi moi importante ante o Pol no que ambos se xogan moito.

Pola súa parte, o Lemos caeu ante o Vilalonga por 3-1 onde a peor noticia non foi a derrota. No minuto 10, Brais Pardo tivo unha rotura de clavícula. No encontro, os monfortinos igualaron un gol en propia a través dun remate de Lamus a un centro de Iker. Pero no final do encontro chegou un verdugo lucense. Na súa volta aos terreos de xogo, o dianteiro de Friol Lucky puido firmar un doblete que lle deu a vitoria ao seu equipo.

Unha derrota que complica moitas cousas

O Viveiro, depois do resto de resultados que se deron na xornada, complicouse moitas cousas tras caer na casa ante o Barco por 0-2. Pese a que na primeira parte non houbo grandes dúas oportunidades, na segunda o Viveiro tivo unha oportunidade de Rolle que foi ao pau e que tería cambiado moito o encontro. Sidibe aproveitou unha mala defensa nun córner para abrir a conta e Ariel sentenciaría cun penalti.

O Lugo B caeu nun mal encontro por 3-1 ante o Atlético Arteixo. As imprecisións lastraron ao filial albivermello e nun mal control chegou un penalti que converteu Agulló. Os lucenses comezaron a progresar para ter chegadas e, no minuto 26, Hugo Díaz fixo o empate nun córner. A superioridade da primeira metade tivo un cambio de guión na segunda, onde Agulló de novo e Adri Otero deixaron os tres puntos en Ponte dos Brozos.

Foto das redes sociais do Pol.

O Pol respira antes de que chegue o derbi

O Pol respira antes de que chegue