Nove equipos en seis puntos na Primeira Futgal

A igualdade propia da Primeira Futgal deixa, despois de 20 xornadas de competición, a nove equipos aglutinados en tan só 6 puntos. O Castro, noveno clasificado, atesora 23. O Chantada Atlético (penúltimo) conta con 17. Na zona alta tamén se mantén unha loita moi intensa pola terceira praza.

O Brollón cae con orgullo ante o Sporting Carballiño (1-3). Non foi o día dos de Chura nos Medos. Logo dunha primeira parte igualada, o conxunto ourensán adiantouse no engadido e asestou un duro golpe aos lucenses. Porén, o equipo da Pobra refíxose e conseguiu empatar mediada a segunda metade. Cando as bancadas comezaban a confiar na remontada, un novo tanto visitante —apenas dous minutos despois do 1-1— matou as ilusións locais e, xa co tempo cumprido, o Sporting fixo o 1-3 para asentarse en postos de promoción de ascenso.

Iberia e Guntín protagonizan o partidazo da xornada nas Valgas (2-3). O Iberia foi superior na media hora, pero Ilian contivo os ataques mariñáns ata que, nunha falta lateral, chegou o 1-0. Fran Pastor empatou pouco despois nunha indecisión da defensa local e co 1-1 chegou o descanso. Na segunda metade, o partido fíxose máis brusco, pero o Iberia mantivo a iniciativa ata o 2-1, obra de Iván, logo dunha xogada de Samuel e Ángel.
Foi nese intre cando o Guntín sacou pundonor e buscou a igualada. No 90′, unha pena máxima —o Iberia pediu falta previa— implicou o 2-2 e, no 96′, Pablo transformou un balón ás costas para poñer o 2-3 ante as protestas por posible fóra de xogo do cadro local, que rematou moi amolado coa actuación arbitral. Ao final, o Guntín levou para o Ladairo os puntos nunha recta final tola entre dous equipos moi intensos.

O Foz tópase contra o muro do Santaballés (0-1). O Santaballés tivo máis posesión, pero o Foz puxo as oportunidades. Aínda que non chegaban con moita claridade, os de Pelayo erraron unha pena máxima na primeira metade na que Chipi demostrou que ía ser o protagonista da tarde no Martínez Otero.
No segundo tempo, despois doutra gran intervención do gardamallas visitante, o Santaballés demostrou a súa efectividade nun centro rematado á perfección por Dani Pena. Desde o 0-1, os locais buscaron con insistencia o empate, pero a solidez defensiva chairega e a inquebrantabilidade de Chipi levou os tres puntos cara a Liga.

O Monterroso dá moita guerra na Cheda (3-2). Os visitantes sufriron un penalti e expulsión que os fixo xogar cun home menos e por debaixo no marcador desde o 8′. A Residencia aproveitou esa situación e ampliou a renda, xa no segundo tempo, cun rexeite que aproveitou Neira. Porén, Quintá recurtou diferenzas e o Monterroso comezou a crer na remontada, pero Rasilla puxo terra de por medio, de novo, co 3-1.
Quintá fixo o seu dobrete (3-2) cando aínda restaban dez minutos e, de feito, tan só dous goles anulados privaron da igualada ante unha Residencia que se relaxou en exceso. Ao final, o partidazo entre dous grandes equipos rematou con victoria local.

O Ribadeo amosa a súa versión máis solvente en Cospeito diante do Outeiro (0-3). Foi unha primeira metade pouco vistosa entre dous equipos afeitos á herba natural. Os chairegos non se axustaron ao plan de partido e o Ribadeo aproveitou un roubo para poñer o 0-1 por medio de Castrín. No segundo tempo o Outeiro mellorou a súa imaxe, pero o Ribadeo demostrou que aprende dos seus erros e mantívose sólido en defensa. Cando restaban dez minutos, outra transición dos celestes valeulle a Anxo para poñer o 0-2 e, con todo resolto, Mario puxo a guinda cun testarazo á saída dun córner, 0-3 na Fonte.

Dous equipos igualan a puntos na terceira praza, Ribadeo e Monterroso

Taboada e Milagrosa igualan na Medela (2-2). As transicións locais amosáronse letais na primeira metade. Un roubo no 26′ supuxo o 1-0, pero a Milagrosa reaccionou e igualou por medio de Marco logo dunha boa acción combinativa e dunha gran descarga de David. Intres máis tarde chegou o 2-1, nunha pena máxima que a Milagrosa protestou moito, pero que que Guerreiro transformou. Xa no segundo tempo, o cansancio fixo mella no Taboada e os albivermellos empataron por medio dun gran gol de Gonzalo. Os puntos, polo tanto, repartíronse na Medela entre dous dos equipos máis intensos da categoría.

O Castro reacciona e empata ante o filial do Racing Villalbés (2-2). Disputouse o duelo no anexo do Arturo Pereiro ante o estado do campo de herba natural. Logo do dominio inicial visitante, un balón ás costas aproveitado por Hamza supuxo o 0-1 do e, xa na reanudación, Migui fixo o 0-2 desde o punto de penalti. Despois dunha ocasión moi clara errada polos vilalbeses, os locais reaccionaron pese a estar escasos de efectivos. Recurtaron diferenzas e, xa na recta final, Muíña puxo o empate a dous para repartir os puntos entre os dous equipos presentes en Castro.

A SD Chantada segue o guión previsto ante o Lourenzá (5-1). A defensa en bloque baixo dos visitantes foi superada polo bo xogo combinativo da SD, que anotou dous tantos nos primeiros 20′. Brunon recurtou diferenzas cun lanzamento de falta directa e o xogo equilibrouse ata o descanso, pero os locais subiron o ritmo na reanudación e anotaron tres goles máis para manter a súa condición de líder e continuar con paso firme cara un ascenso de categoría que semella cada semana máis próximo pese á resistencia que se atopan nos equipos rivais.

O Escairón remonta e supera ao Chantada Atlético (3-2). O gol inicial de César daba tranquilidade aos chantadinos, pero o cadro local reaccionou e comezou a atacar con moita agresividade a portería visitante. Entre o 16′ e o 31′, o Escairón anotou tres goles ante un Chantada Atlético inerte e que non foi quen de reaccionar ata o tempo de lecer. Logo de tres cambios no descanso, os do Sangoñedo procuraron recurtar diferenzas, pero tan só Anxo foi quen de perforar a rede rival e o electrónico non pasou do 3-2, de xeito que os puntos quedaron no Saviñao.

Piru debuta sen goles ante o Oural (0-0). Había moito en xogo no Municipal de Xove entre os dous equipos, e os locais propuxeron un xogo combinativo e ao tempo vertical, fronte a un Oural que se mantivo ordeado e sen pasar apuros. Aínda que ambos equipos chegaron con perigo á área rival, a máis clara foi para os sarriáns, que se atoparon cunha boa parada de Álvaro. Ao final dos 90′, reparto de puntos entre dous equipos que queren eludir o descenso.

equipos

Nove equipos en seis puntos na Primeira Futgal

O Pol respira antes de que chegue