#Fútbol afeccionado #Primeira Futgal

Iago Alonso (Residencia): «Levo o escudo desde antes de nacer»

Iago Alonso, xogador da Residencia

Poucas voltas se poden vivir coma a que aconteceu no último encontro da Residencia. Os lucenses puideron facerse cunha importante vitoria ante o Oural por 1-4 que lle permite seguirlle poñendo presión ao Chantada na Primeira Futgal. Pero iso non foi o máis importante. Despois de moito tempo fóra dos terreos de xogo, Iago Alonso volvía co equipo da súa vida cando entrou no minuto 63. En cuestión de 13 minutos no campo, anotou un doblete importante para pechar a vitoria.

Neto dun dos fundadores do club, leva tatuado o seu escudo froito do sentimento familiar que ten para el. Ademais, sempre foi xogador da súa base. O lucense pasou polos micrófonos do Ser Deportivos Lugo desta semana e enfrontouse ás preguntas de Álex Gato, presentador do programa, e Eros López, redactor de Futbolinlugo. Na entrevista falaron do anterior encontro, da súa tatuaxe e da situación da Residencia na loita polo ascenso directo.

Entrevista a Iago Alonso da Residencia

Anterior encontro: «Foi un pouco de sorte, pero da gusto poder debutar así despois de tantos anos nos que non puiden xogar ao fútbol. Foi algo moi especial porque axudo aos meus amigos de sempre na miña casa».

Tatuaxe da Residencia: «Xa foi hai moitos anos e hai pouca xente que sabe o motivo. Levo toda a vida xogando no club, pero o principal motivo foi que me avó foi fundador da institución. Levo o escudo desde antes de nacer».

Loita polo ascenso directo: «Temos moita confianza porque temos bo grupo e imos loitar ao final. Por desgraza, o Chantada non está fallando, pero imos seguir loitando para poder aproveitar todo o que poida pasar. Nós somos unha familia que sempre imos adestrar e que estamos unidos desde cativos».

Foto cedida polo xogador.