A borrasca Ingrid fixo estragos tamén no noso fútbol e a Terceira Futgal foi duramente castigada con cinco partidos aprazados. No grupo sur só se xogou o encontro do Hermanos Somoza, onde o Corgo superou con claridade ao Bóveda.
No grupo norte foi aprazado o partido entre o Pol B e o Roupar e xogouse o resto da xornada. Mondoñedo e Muimenta venceron e seguen ocupando praza de ascenso directo. Preto dos chairegos está o Catro Roldas, que goleou ao Celeiro e está a dous puntos da segunda posición e cun partido menos.
Contamos a xornada no Tres en Raia Boas Mans Fisioterapia.
GRUPO NORTE
O Mondoñedo saca o pisón no segundo tempo e golea á Comercial (1-6). O primeiro tempo foi parello e só Javi foi quen de marcar para os visitantes. A Comercial contou con algunha ocasión para empatar que non concretou e no segundo tempo a lesión do gardameta local Dani, o máis destacado dos lucenses, resultou determinante. Sen un porteiro no banquiño, os de Nico aproveitaron a debilidade do rival e golearon. O Mondoñedo foi mellor tras o descanso e chegou unha choiva de goles. Óscar, Javi, Polo e Álex Gacio, en dúas ocasións foron os autoroes dos tantos.

O Muimenta remonta no segundo tempo fronte ao Rioaveso (2-1). Primeira parte de dominio visitante. Os de Asier Lozano saíron mellor ao partido e marcharon ao descanso por diante cun gol de Gabeiras. Incluso erraron un penalti que ampliaría as diferencias no marcador, pero o gardameta Cancio estivo máis atinado. O Muimenta saiu moi ben do vestiario e remontou en só cinco minutos con dous goles de Seijas. Os de Fran Veiga realizaron unha gran labor de equipo e seguen mantendo a segunda praza. As lesións lastraron ao Rioaveso na segunda metade, pero malia todo contaron con algunha ocasión para sumar un punto.
O Catro Roldas golea ao Celeiro no Municipal de Xove (0-6). Con Trasvías en repouso debido ao seu mal estado polas inclemencias meteorolóxicas, o encontro disputouse sobro céspede artificial do Municipal de Xove, feito que incomodou na saída aos visitantes. O Celeiro tratou de xogar o balón no comezo do choque, pero ante as dificultades optou por un fútbol directo sobre o seu dianteiro Mora. O Catro Roldas impediu que este xerara perigo e co paso dos minutos, chegou a inquedar ao porteiro local José Luis. Santi Cazás abriu o marcador cun tiro desde a frontal e Toni fixo o segundo antes do descanso desde o punto de penalti. No segundo tempo o Celeiro arriscou na procura dun gol que os metera no partido e o Catro Roldas aproveitou os espazos á contra. Samu e Yáñez sentenciaron antes de que Rony e Josito completaran a goleada no último tramo do encontro.
O Cazás vence ao Abadín nun auténtico encontro de fútbol na lama (2-1). O estado do terreo de xogo completamente embarrado condicionou o xogo de ámbolos conxuntos, que non tardaron en adaptarse rápido ás circunstancias. Logo dun saque de banda aos seis minutos de xogo chegou o gol do Abadín, obra de Ferre. As ocasións chegaron principalmente a balón parado e o Cazás logrou empatar tras unha falta lateral que rematou Bellas. No segundo tempo saiu mellor o Abadín e xerou ocasións para volver a poñerse por diante. O Cazás buscou a contra, e co paso dos minutos, contou con ocasións para facer o segundo. Este chegou no desconto. Unha contra ben levada por Vizo rematouna Cristian para que os tres puntos quedaran no Catro Ventos.
GRUPO SUR
O Corgo vence con claridade no feudo do Bóveda (0-4). Abel Rochela optou por facer rotacións no once e introduciu sete cambios con respecto ao último once. Os visitantes conseguiron xogar en campo rival e contaron con boas ocasións para adiantarse diante dun Bóveda que resistiu o empate ata o tramo final do primeiro tempo. Brais, en dúas ocaisóns, Xoia e Kevin contaron con opcións moi claras para abrir o marcador. O tanto chegou tras un saque desde o curruncho que rematou Borja e Rober puxo terra de por medio logo de transformar un penalti cometido sobre Rubio. No segundo tempo o Bóveda baixou fisicamente e o Corgo completou a goleada con dous goles de Rubi.


