O Antas remata coa imbatibilidade do líder

  • Vitoria do Antas grazas a un enorme e excelso traballo defensivo das ulloás para que o Rosalía marchara do Castro Seoane coa primeira derrota da tempada para as ourensás
  • A Milagrosa non deu opción algunha á Esteirana e segue lanzada a polo play-off
  • O San Lázaro cae nos intres finais malia facer un gran partido ante todo un Muxía

«Unha boa defensa é o mellor ataque» late motiv do Antas

Sen dúbida, a nova da xornada non só no fútbol lucense, senón no fútbol feminino autonómico é a vitoria das ulloás ante un Rosalía líder de Primeira Futgal que chegaba ata esta 15ª xornada sen coñecer a derrota e con tan só dous empates no que levamos de competición ligueira.

O Castro Seoane converteuse nun fortín infranqueábel para as ourensás, que atoparon en frente a un Antas perfectamente organizado, concentrado e facendo un esforzo inconmensurábel no eido defensivo. Quizais por vez primeira, as líderes experimentaron sobre o verde a ansiedade de non ser quen de facer o seu xogo, de combinar e de achegarse á portería. Así, mentres a firmeza das ulloás atrás daba os seus froitos parando en seco ao Rosalía, os problemas para as de Óscar Méndez presentábanse no bloque alto, pagando as présas e nervios en ataque con numerosas imprecisións que adiaron a apertura do marcador.

As ulloás celebraron a vitoria nun partido que dá tres puntos e moita moral. Foto cedida

Porén, froito da solidaridade e traballo defensivo, o fútbol fixo xustiza para que Jenny adiantara ás ulloás. O tanto local desesperou a un Rosalía que, ademais de non ser quen de chegar a porta, agora víase por debaixo no luminoso, situación á que nesta tempada non tiveran a necesidade de acostumarse.

O paso polos vestiarios beneficiou ás visitantes, que conseguiron saír con menos ansiedade ao verde e atopar mellor o seu xogo característico, de xeito que Mihret puxo o empate no 49′. Mais de novo o Antas mereceu e o fútbol deu. O esforzo das celestes obtivo premio cos goles de Dana (65′) e Yanire (89′) para o un definitivo 3-1 que coloca ao Antas na 5ª posición e afiánzao como un dos rivais a batir en Primeira Futgal malia ser un recén ascendido.

A Milagrosa non levanta o pé do acelerador

Nova vitoria das albivermellas pola vía rápida ante un rival á alza, a Esteirana. Un partido marcado por dous penaltis (un para cada equipo) e ambos fallados no que foi tamén o único tiro a porta da Esteirana, que atopou en frente a unha Milagrosa que amosou, unha xornada máis, o seu gran xogo e estado de forma.

Xogadoras da Milagrosa. Foto cedida

Ángela, Seguín e Irene fixeron os tres goles para a vitoria milagrosista (3-0). Unha renda moito menor do que puido ser dadas as chegadas ata a portería rival.

Foto: Róber Carreira

Cunha nova portería a cero, a Milagrosa pecha unha primeira volta en 4ª posición e con grandes sensacións dun equipo que chegou esta tempada ascendido á Segunda Futgal.

Derrota para o San Lázaro malia o seu gran partido

Iria, do San Lázaro, conduce un balón durante o partido. Foto: Róber Carreira

Moito máis que o 2-4 final mereceron as de Rubén Candal nun moi bo partido ante o Muxía, segundo clasificado. Malia o gran xogo despregado polas lucenses e conseguir empatar o partido no 83 (2-2), os intres finais penalizaron máis do merecido ao San Lázaro, que encaixaría o 2-3 de penalti no 87′ e o definitivo do 2-4 xa no 90′, co ánimo moi baixo por deixar escapar puntos frente a un gran rival e nun dos mellores partidos das celestes no que vai de tempada.