Xornada gris para o fútbol feminino lucense

  • PM Friol, Antas e Carballedo comezaron o ano con derrota
  • Empate para unha Milagrosa que se mantén en postos de play-off
  • San Lázaro, San Roque, Chantada e Monte Forte si sumaron de 3 neste primeiro fin de semana de fútbol feminino en 2026

O PM Friol cae nun duelo de altura ante o Victoria CF

En plena loita pola primeira praza, o PM Friol non puido gañar a domicilio ante outro dos rivais máis duros da categoría, o Victoria CF. Malia que as friolesas comezaron facendo unha boa primeira parte, penalizounas a falta de efectividade para converter as ocasións en gol. Un problema ao que se uniu ademais unha mala actuación na portería, que facilitou que o Victoria CF transformara en goles dúas das tres chegadas a porta que tivo durante todo o partido.

No cadro friolés, só Keisy puido anotar un tanto solitario e insuficiente para que o PM Friol puidera arañar algún punto dunha difícil cita a domicilio.

Once inicial do PM Friol ante o Victoria CF. Foto cedida

O Antas cae tamén ante o filial do Victoria CF

Se un club foi o verdugo esta fin de semana dos equipos femininos lucenses, ese foi o Victoria CF, que se impuxo non só ao PM Friol en Terceira RFEF, senón que tamén colleitou a vitoria no Castro Seoane cun Antas 1 – 3 Victoria CF B.

Un partido tremendamente esixente para as ulloás ante un dos mellores equipos aos que se ten enfrentado esta tempada.

A primeira parte foi moi igualada. Ambos equipos puideron pórse por diante, pero ambas porteiras estiveron acertadas para evitalo.

Once inicial do Antas. Foto cedida

Xa no segundo tempo, o Antas conseguiu «abrir a lata» grazas á incombustible Nuria. Cando semellaba que o máis difícil estaba feito e todo se poñía de cara para as celestes, con numerosas oportunidades moi claras para conseguir ampliar a vantaxe aos 2 goles, chegou unha remontada exprés do Victoria CF B, con 2 goles en apenas 3 minutos.

O Antas botouse arriba para tentar anotar, pero só conseguiu que un gran conxunto visitante soubera aproveitar os espazos entre liñas para sentenciar o partido co definitivo 1-3.

O San Lázaro imponse ao colista, o Orillamar

O San Lázaro recibía na casa ao Orillamar, o pechacancelas da categoría. Malia dominar dende o inicio, as de Rubén Candal presentaban dificultades para xerar máis perigosidade co seu xogo.

Pouco a pouco o San Lázaro ía achegándose máis á porta contraria e amosando as súas armas, pero a efectividade seguía sen pórse do seu lado. Así, a primeira parte rematou sen goles.

Xogadoras do San Lázaro antes do partido ante o Orillamar. Foto cedida

Tras o paso polos vestiarios, unha xogada desafortunada para as lucenses rematou co gol das visitantes, pese a non ser as máis merecedoras del.

Un golpe que podía ter sacado ao San Lázaro do partido, pero non o conseguiu. As celestes continuaron concentradas e amosando un bo xogo que axiña lles deu, por fin, a agardada recompensa co gol de Anita para empatar o partido grazas a unha boa xogada colectiva.

Porén, a mala sorte volveu caer sobre un San Lázaro que tras un mal rexeite encaixaría o 1-2, tendo que remar a contracorrente de novo. Mais así o fixo para que Iria inmediatamente empatara de novo o encontro (2-2) e xa no desconto, Xiana, certificara os merecidos 3 puntos para o San Lázaro.

Empate inesperado da Milagrosa

A parte negativa de estar facendo unha tempada estelar é que as expectativas soben como a escuma. Por iso, o empate da Milagrosa ante a Unión Campestre, equipo de media-baixa táboa da Segunda Futgal, sorprende a quen leve seguindo a traxectoria e bo fútbol das de Héctor Expósito dende o inicio da presente campaña.

No primeiro partido do 2026 para as albivermellas, a falta de efectividade para converter un gran xogo na primeira metade en máis goles ca o 0-2 (goles Pérez e Irene) favorable para a Milagrosa coa que enfilou os vestiarios no tempo de lecer.

Xa na segunda parte, todo se torceu. Claudia tivo que saír do terreo de xogo para recibir atención médica. A Milagrosa quedou momentáneamente con 10 xogadoras e a Unión Campestre fíxoo valer, recurtando distancias.

Xogadoras da Milagrosa antes do partido ante a Unión Campestre. Foto cedida

O segundo tanto das locais, que poría o definitivo empate no luminoso, conseguírono grazas a un disparo de falta dende a frontal.

A Milagrosa queda sen os tres puntos pero rasca un punto máis, fóra da casa, para seguir sumando e manterse nos postos de play-off de Segunda Futgal.

Vitoria de mérito do San Roque

Con 11 xogadoras acudiu o San Roque ao encontro ante o Cruces. E por se fora pouco non ter cambios, a lesión de Emilia deixou ás dirixidas por Blas con só 10 xogadoras desde o minuto 20 da primeira metade.

Así, o partido comezou para as verdibrancas conscientes de que tiñan que dar o máximo como equipo, colectivamente, para poder sacar algo positivo do partido tendo só 11 xogadoras e ante un Cruces que non o ía pór doado.

O San Roque comezou tendo ocasións, dominando por momentos un partido no que houbo moitas faltas por parte de ambos conxuntos. Con todo, a lesión de Emilia incluída, o encontro chegou ao descanso cun 0-0 no luminoso.

No comezo da segunda metade o San Roque saiu coas ideas claras e xa no 52 conseguía pórse por diante grazas a unha moi boa xogada de Paula, que cunha gran carreira deixou atrás ás defensoras e anotou o primeiro.

O partido poñíase de cara para as luguesas e no 73 sería Paula de novo, amosando a súa gran calidade, quen aumentaría a 2 goles a vantaxe para o seu equipo. Porén, no 76′ chegou o tanto do Cruces. Os problemas aumentaron para o San Roque cando nunha xogada embarullada, defensa e porteira non se poñen de acordo e o resultado remata co gol en propia porta. Duro golpe, o 2-2, tras todo o esforzo físico e mental que levaban amosado as verdibrancas.

Foi aí cando tiraron de orgullo e fe para ir a polo partido. Ainhoa tirou de orgullo e nunha gran carreira consegue meterse na área e conseguir un penalti. Mais os astros non parecían estar do lado do San Roque xa que Paula, que anotara os 2 goles e que se encargou de tirar o penalti, falla o tiro. Mais esa mesma xogada rematou cunha falta da porteira do Cruces que, desta si, aproveitaría Paula para darlle a vitoria a un San Roque que non merecía menos.

Vitoria pola mínima para o Chantada

Tamén colleitou os tres puntos a SD Chantada na súa visita ao Bandeira. Un partido que Iria decidiu anotando no 72 o único tanto do encontro, malia que o cadro chantadés tivera algunhas ocasións claras na primeira metade.

As xogadoras do Chantada celebran a vitoria nos vestiarios. Foto cedida

Tres puntos máis para as dirixidas de Fornas, merecidos, ante un Bandeira que non firmou un partido nada desdeñable.

Vitoria por goleada do Monte Forte

Nove goles en total se viviron no Luis Bodegas. 6 anotaron as locais para facerse coa vitoria frente a un Lalín que conseguira marcar 3 goles.

Un partido moi igualado nos primeiros minutos no cal ambos equipos xeraron ocasións de xogo e oportunidades claras de gol. Foi a partir da primeira media hora de xogo cando o Monte Forte comezou a sobresaír e converter as boas chegadas en goles para chegar ao descanso cun 4-1 favorable no luminoso.

Xa na segunda metade, o Monte Forte saiu coa idea de mover máis o balón e tentar afrontar o que restaba de encontro con máis calma. Porén, en dous contragolpes o Lalín recurtou distancias e volvía metgerse de cheo no partido.

Xogadoras do Monte Forte celebran a vitoria ao final do encontro. Foto cedida

Foi aí cando o Monte Forte amosou carácter. As dirixidas por Meilán volveron a sacar o seu mellor xogo e crear grandes xogadas para que Marián e Moji sentenciaran o partido co 5º e 6º gol para as lemesas.

O PM Friol B imponse ao Carballedo e colócase líder

Partido sen moito chance no Catro Ventos grazas a un filial friolés comandado por unha Nerea Rodríguez que amosa unha calidade desbordante xa na Terceira RFEF e moito máis aínda cando acode ás filas do filial, decindo partidos case ela soa.

Así o fixo tamén ante o Carballedo, que malia ter algunha oportunidade de gol, non tivo a sorte de aproveitala ante unhas friolesas que funcionaban como unha orquestra grazas á directora, Nerea, que anotaría o primeiro gol do encontro no m. 15. Patri puxo o 0-2 para o PM Friol B no 36′ e Nerea pechou o encontro no 59′.