#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Goiriz e Riotorto prometen un furacán de goles no Ventiño

Segundo contra primeiro. Os dous conxuntos máis goleadores do grupo norte da Segunda Futgal. Un auténtico partidazo o que Goiriz e Riotorto disputan o sábado ás 15:30 horas no Ventiño, coa arbitraxe de Virginio Polo.

O Goiriz afronta o encontro desde a segunda posición da táboa clasificatoria con vintesete puntos. Os chairegos mantéñense invictos na casa, onde soamente deixaron escapar tres empates. Os de Manu Veiga exhibiron neste primeiro tramo ligueiro unha abraiante capacidade ofensiva sendo o equipo máis realizador da categoría con corenta e seis goles nas trece xornadas disputadas. Nico e Muñiz, con dez tantos cada un, son os xogadores máis realizadores.

Pola súa banda, o Riotorto é o líder indiscutible da categoría con trinta e dous puntos, cinco máis que o Goiriz. O conxunto vermello suma sete vitorias consecutivas nas que anotou sempre dous ou máis goles e en catro deles catro ou máis goles. Os de Isaac Rouco, ao igual que o seu rival desta xornada, conta cunha gran capacidade realizadora, sendo Osky o seu pichichi con trece dianas. O Riotorto soamente colleitou unha derrota a domicilio, a única da temporada, no campo do Folgueiro.

O último enfrontamento de ámbolos conxuntos no Ventiño tivo lugar fai xusto dez anos. O 19 de decembro de 2015, o Riotorto levou o encontro por 0-1, sendo goleador Kevin Pierre, hoxe nas filas do Meira. Osky formaba parte do Riotorto na súa primeira etapa no club, mentres que o gran capitán chairego Manel xa daquela era un dos veteráns do Goiriz. O Riotorto rematou a temporada acadando o ascenso xunto ao Foz, mentres que o Goiriz rematou úlitmo e descendeu a Terceira Futgal.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

Manu Veiga (Goiriz)

A clave da gran campaña. «Mantemos un gran grupo que xa tiñamos o ano pasado en Terceira Futgal. Mantemos a mesma idea e a mesma filosofía de sempre, sen trocar absolutamente nada. Seguiremos con ela e morreremos con ela, e se nos da estes resultados non temos máis que pedir«.

O Riotorto. «Será un partido moi duro, cun rival co que temos que ter moito coidado, xa que nos pode xerar perigo en calquer situación, aínda que non esté realizando un gran partido. A pesar de que nos levan cinco puntos, creo que vai ser un partido moi parello e dos máis bonitos de ver nesta categoría. Debemos impoñer o noso poderío físico. Se logramos iso teremos bastante andado, e logo debemos aproveitar as ocasións que teñamos«.

Obxectivos. «Non é outro que seguir pelexando cada partido, sen metas que mirar. Disfrutar e pasalo en grande nesta gran familia que é o Goiriz, seguir xuntos e unidos. Iso é o máis importante. Non debemos marcarnos obxectivos máis a longo prazo. Competir cada encontro e gañar o máximo número posible deles«.

Isaac Rouco (Riotorto)

Lesións que empañan a xeira. «Estamos nun gran momento, pero temos varias lesións de longa duración como Ches, que xa leva tres meses parado e non sabemos cando poderá retornar, ou Sanchi que posiblemente sexa baixa toda a temporada. Echavarri xa leva tres semanas, Iago seis partidos fóra . . . nun cadro de xogadores non moi longo é un gran problema. Creo que só puiden completar a convocatoria só en dóus encontros«.

O partido no Ventiño. «Agardo que sexa moi intenso. No seu campo son un conxunto moi serio, que xoga moi ben o fútbol directo e tamén o defende. É un campo moi complexo e teremos que vixiar sobre todo aos seus xogadores diferenciais. Futbolistas como Muñiz, Nico, Vizoso ou Xoel, xunto co gardameta Alberto teñen un gran nivel e debemos velar porque non teñan ao seu mellor nivel«.

Opcións de ascenso. «É unha categoría moi dura. Agora mesmo os sete primeiros clasificados teñen un nivel moi bo e calquera pode estar na pelexa polo ascenso. Logo os conxuntos da última parte da clasificación agora mesmo están tamén competindo moi ben e agardo unha segunda volta moi difícil. Agardamos manter este nivel para chegar ao último tramo en disposición de ser primeiros«.

sorpresas

A AXENDA

Terceira Federación Feminina

PM Friol – EFM Concello de Boiro (Sábado ás 18 horas na Reigosa): as locais queren un triunfo que as achegue ao liderado. Reciben a un rival situado na zona baixa, pero que resulta perigoso a domicilio.

Segunda Galega Feminina

Milagrosa – Corme (Domingo ás 16:30 no Luis Gorgoso): logo do triunfo no derbi fronte ao San Lázaro, a Milagrosa situada en praza de play off, recibo ao seu inmediato perseguidor, un Corme que caeu nos dous últimos partidos.

Terceira Galega Feminina

Carballedo – Monte Forte (Domingo ás 17:30 no Catro Ventos): derbi no sur da provincia entre dous conxuntos que chegan igualados a puntos. O que sume os tres puntos poderá mirar cara arriba na clasificación.

Terceira RFEF

Viveiro – Estradense (Sábado ás 16:15 horas en Cantarrana): os de Alberto López queren despedir o ano cun triunfo que os alonxe da zona de perigo. Enfronte un Estradense que suma seis encontros sen gañar.

CD Lugo B – Alondras (Domingo ás 12 horas na Cheda): os de Dani Galán poden rematar o 2025 en zona de play off se son quen de derrotar a un rival ao que superan en tres puntos.

Preferente Futgal

Burela – Ordes (Sábado ás 16 horas na Marosa): logo de catro xornadas sen gañar, os de Oke queren sumar os tres puntos diante da súa afección. Reciben a outro dos conxuntos da zona alta no seu particular «tourmalet«.

Lemos – Tyde (Domingo ás 16:30 horas na Pinguela): os monfortinos queren seguir coa boa xeira en manter o seu posto de play off. Chega á Pinguela un Tyde en posto de descenso á Primeira Futgal.

Primeira Futgal

Milagrosa – SD Chantada (Domingo ás 18:30 no Luis Gorgoso): os locais acumulan cinco xornadas sen gañar nas que só sumaron dous puntos. Queren retornar á senda da vitoria diante dun intratable Chantada, líder con 42 acadados dos 45 posibles.

Segunda Futgal

Santa Comba – Palas (Sábado ás 16 horas en Tras do Novo): os locais, segundos na clasificación, queren inquedar o liderado do Becerreá. Para iso deben vencer a un Palas que quere achegarse á zona alta e que chega tras gañar os seus dous últimos encontros.

Terceira Futgal

Catro Roldas – Mondoñedo (Domingo ás 16:15 horas na Canteira): segundo contra primeiro. Os locais queren curtar a xeira imparable dos mindonienses e achegarse á primeira posición. Os de Nico aspiran a completar unha primeira volta con pleno de vitorias.

Taboada B – Relámpago Taboada (Sábado ás 18 horas no Anexo á Medela): interesante derbi no que os de Jacobo Vázquez queren sumar a sétima vitoria consecutiva. Enfronte un Relámpago que quere dar a sorpresa e achegarse á zona de play off.

Foto de portada: Facebook Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial

Goiriz e Riotorto prometen un furacán de goles no Ventiño

O Mondoñedo, único equipo invicto e que

Goiriz e Riotorto prometen un furacán de goles no Ventiño

Goiriz e Riotorto prometen un furacán de