A esférica volve a rodar para os equipos de Terceira Futgal

O PM Friol firma unhas xustas táboas

Pese ás ocasións que ambos equipos tiveron, en momentos e grazas a estilos de xogo moi distintos, o luminoso non se moveu no encontro entre o Tomiño e o PM Friol. Pese a que as amarelas tiveron numerosas ocasións claras para anotar, especialmente nas botas dunha habitual do gol: Yoleidis; ningún balón rematou no fondo da rede.

Once inicial do PM Friol. Foto cedida

O Tomiño tamén desfrutou de claros achegamentos á porta defendida por Sara grazas a balóns en longo, que impedían o xogo que gusta ás friolesas á vez que provocaba perigo favorable ás locais.

Malia todo, empate sen goles para un Friol que se coloca na 5ª posición da táboa con 5 puntos.

A SD Antas gaña a domicilio ao Carral

Moi enchufadas saíron ao partido as dirixidas por Óscar Méndez, que axiña se poñían por diante no marcador grazas ao gol de Elisa no minuto 2′. O Antas creceuse no seguinte cuarto de hora, véndose por diante no partido, e dominou ao Carral. Pero pouco a pouco, as locais foron medrando e amosaron o bo equipo que son, traballando e conseguindo achicar o xogo do Antas, cada vez máis incómodo sobre o verde.

Xusto antes de chegar ao tempo de lecer, os esforzos do Carral deron froito. Lucía puxo no 45′ o empate a 1-1, que complicaba o partido a un Antas que, nos primeiros instantes, cría telo totalmente baixo control.

Once inicial da SD Antas. Foto cedida

Mais o Antas fixo valer a intelixencia e coñecemento do seu director de orquestra. Óscar Méndez sacou a batuta e coas súas indicacións e os trocos efectuados, o Antas volveu a brillar e dominar por completo a un Carral que non puido facer nada para que Rebeca, Jenny e Yanire anotaran na segunda parte, poñendo tres goles de vantaxe no marcador e a cómoda vitoria, 1-4, para que as seoanesas sigan sumando.

O San Lázaro estrea o seu casilleiro de puntos

Merecíao o San Lázaro de Rubén Candal e a primeira vitoria da tempada chegou. Ante o Bergantiños a domicilio, o traballo realizado polas xogadoras lucenses que noutras xornadas non se trasladara con xustiza ao marcador, fíxoo nesta terceira xornada de Liga.

As xogadoras do San Lázaro celebran os tres primeiros puntos da tempada. Foto cedida

Un San Lázaro moi organizado conseguiu dous goles no primeiro tempo: 0-1 de Lucía no 19′ e o 0-2 de Iria López no 27′, nun marcador (0-2) que xa non se movería e que premia merecidamente ás luguesas, que suman 3 puntos vitais para gañar confianza nesta categoría.

Remata a boa xeria da Milagrosa ante un dos equipos chamados ao ascenso

Nada puido facer a Milagrosa en Muxía para parar ao equipo local, que pasou por enriba das negrivermellas coma un vendaval.

Xogadoras da Milagrosa. Foto cedida

Desde o inicio, o dominio do Muxía foi absoluto ante unha Milagrosa que non puido resistir o magnífico fútbol das rivais. Final cun 9-2 no luminoso, so maquillado polos goles de Ana Seguín e María Pérez.

O PM Friol ‘B’ gaña sen brillo

Primeiro partido e primeira vitoria para o filial friolés, sen mérito mais tamén sen demérito. Grazas a unha eficiencia impecable, anotando os dous tiros a porta que tiraron as friolesas, a vitoria caeu do seu lado ante o Bandeira (1-2).

Un partido nun campo de dimensións moi pequenas que dificultaron o xogo das amarelas que, ademais, presentáronse acusando os nervios do primeiro partido da tempada.

Malia que o Bandeira intentou xogar grazas ás súas xogadoras de calidade tanto no medio do campo como grazas ás interiores, non tiveron tanta sorte como as friolesas.

Abriu o marcador Lidia grazas a un tiro de falta. O Bandeira devolvería o golpe tamén grazas a unha falta que anota Eva. Mais xa no minuto 90′ a presión exercida polo filial friolés deu os seus resultados, provocando un mal rexeite da porteira que remata en gol, novamente, de Lidia.

O San Roque inicia a súa andaina con vitoria en Lalín

As de Blas comezaron o partido moi ben posicionadas e levando a iniciativa do ataque. Un bo xogo que deu froitos, dispoñendo de dúas oportunidades claras para anotar, mais unha rematou batendo no pau longo e a outra foi atallada pola porteira do Lalín.

Pero o gol do San Roque merecía chegar, e así o fixo. No minuto 9 Paula fai unha gran xogada pola banda que define á perfección para abrir o marcador (0-1).

Xogadoras e corpo técnico do San Roque en Lalín. Foto cedida.

Mais a partires de entón o partido comezou a ser un correcamiños para ambos equpos, con ocasións en ambas áreas. Porén, Eva anotou o segundo gol no 40′ para o San Roque (0-2).

A segunda metade comezou coa mesma tónica, con ocasións para ambos conxuntos, pero desta volta quen anotaría sería o Lalín, no 65′, por medio de Paula Cuñarro.

O San Roque volveu a ter ocasións para aumentar a vantaxe no luminoso, pero non soubo aproveitalas. O que si soubo facer foi defender ben o resultado, conseguindo os tres primeiros puntos no primeiro partido da tempada.

A Comercial sae goleada na visita do Cruces

Primeira toma de contacto para o conxunto dirixido por Vicky Burgo ante un rival con moita experiencia e solidez no xogo. As luguesas comezaron o partido acusando o inicio do curso: perdidas, moi nerviosas e desconectadas do encontro.

Andrea Ferro golpea un balón coa testa. Foto: Rober Carreira

Malia que co paso dos minutos a Comercial foi mellorando sobre o verde, creando xogo e presionando mellor a saída das rivais, non foi suficiente para parar o gran desempeño do Cruces, que endosou 8 goles a unha Comercial á que só lle queda aprender deste encontro.

Resultado final: Comercial 1 – 8 Cruces.

O Monte Forte imponse á SD Chantada nun dos derbis lucenses

O partido comezou sen que ningún dos dous equipos foran claros dominadores do encontro e sen ocasións.

Foi a partires do minuto 20 cando medrou o Chantada no Luis Bodegas e se fixo co dominio, xogando en campo contrario e desfrutando dunha grande ocasión a través de Uxía e logo do remate de Isa, pero unha gran intervención da gardamenta local, Camila, mantiña o 0-0 no marcador.

A defensa do Monte Forte amosábase sólida ante as embestidas que tentaban as dirixidas por ‘Fornas’, a través de balóns parados e grandes xogadas individuais de Iria, a ex do CD Lugo.

Xogadoras e corpo técnico do Monte Forte. Foto cedida

Foi así como chegou o primeiro tanto do encontro, nun gran pase de Iria cara Noela, que define á perfección para adiantar ás chantadesas. Caseiro estivo a punto de aumentar a vantaxe xusto antes de encarar os vestiarios grazas a un bo testarazo que finalmente non entrou.

Tras o paso polos vestiarios as tornas cambiaron. O Monte Forte medrou e fíxose co dominio do encontro, atacando de forma directa ás costas da defensa chantadesa que, tras un despiste nun saque de banda, aproveita Marián para pór o 1-1 para as locais.

O gol das de Meilán só fixo que seguiran medrando sobre o verde e malia que a SD Chantada tentaba facendo dano ao contragolpe e con grandes intervencións de Iria na banda esquerda, a sorte non as acompañaba. Uxía desfrutou dunha nova ocasión clara que rebota na última defensora e evita o gol.

Once inicial da SD Chantada ante o Monte Forte. Foto cedida

O Monte Forte amosaba o seu perigo cun gran tiro de falta de Moji que bate no longueiro. Mais xa no 70′, nunha conta, Noa da Rocha puxo o 2-1 cunha gran definición.

A SD Chantada volcouse en campo contrario tentando darlle a volta ao marcador, pero o efecto foi o contrario. O Monte Forte volveu anotar por medio de Moji (3-1). As chantadesas non baixaron os brazos e desfrutaron de boas ocasións por medio de Iria e Uxía. Foi precisamente Iria quen chegando ao desconto recurtaba diferenzas, buscando o empate (3-2). A SD Chantada foi con todo a polo punto, pero Moji aproveitou outra contra para pór xa no desconto o definitivo 4-2.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *