Xa chega o fin da tempada no fútbol lucense e os equipos comezan a prepararse tanto para festexar por ascensos e campionatos, loitar nas promocións de ascenso ou buscar a ansiada salvación. Na loita polos postos punteiros, tanto no masculino coma no feminino hai grandes loitas nas que os equipos da provincia buscan culminar unha gran tempada do mellor xeito posible, cun título que poñer nas súas vitrinas. As catro divisións máis modestas teñen moito que decidir nos poucos meses que quedan de curso.
O Antas e o San Lázaro mandan no fútbol lucense feminino
No fútbol feminino, o Antas e o San Lázaro son os dous equipos lucenses que teñen coma obxectivo conseguir alzarse co campionato nas súas respectivas divisións. O Antas busca recuperar un liderado en solitario que perderon hai dúas xornadas para beneficio do San Roque Casablanca, agora colíder. O problema para as lucenses é que terán que ter un ollo posto en asegurar o posto de ascenso, xa que Vilalonga B, Valadares e Arenteiro están moi preto dos conxuntos do liderado.
Para o San Lázaro o conto é semellante, xa que parten neste último terzo de tempada dende a segunda división. A situación da chegada a esta igualdade si que foi diferente, xa que as lucenses aproveitaron dous tropezos en forma de empates por parte do Santiso que lle permitiron estar na actualidade a tres puntos. Tamén está empatado con elas con 35 puntos o Nicariense, o terceiro en discordia nesta loita polo único posto de ascenso a Segunda.
O Burela mantén un ritmo imparable na Primeira Futgal
O fútbol lucense masculino tamén apreta polos títulos. A categoría máis desigual neste caso é a Primeira Futgal, xa que o Burela mantén un ritmo que parece imposible de perseguir. Son xa oito os puntos que separan ao conxunto mariñán da Residencia, segundo clasificado, e cunha xeira de seis vitorias consecutivas. Preto na loita polo playoff están Castro e Chantada, a dous puntos da Residencia e con só dous postos para intentar acadar o ascenso á Preferente.


Igualdade máxima na Segunda Futgal
Se na Primeira Futgal hai máis diferencias, o fútbol lucense gardou toda a igualdade para a Segunda Futgal. No grupo Norte, o Folgueiro manten o liderado pese a súa derrota ante o Celta Barreiros por 1-0, pero a só un punto do Iberia, que puido recuperar parte do terreo que perdeu despois de tres pinchazos nos últimos cinco encontros que fixo que perderan o liderado.
Se no norte hai unha distancia mínima, no grupo sur directamente non hai. San Roque e Santa Comba teñen 44 puntos e colideran a competición despois das catro vitorias seguidas do San Roque. Tamén espera a súa oportunidade o Becerreá, agora a tres puntos tras caer por 4-0 ante o Brollón. Os tres equipos xa saben cales serán as chaves para conseguir o campionato.
A Terceira Futgal xa ten o seu primeiro ascendido
Na Terceira Futgal, os primeiros éxitos xa chegaron de final de tempada no grupo Norte co ascenso do Goiriz. Pero o campionato será un asunto máis difícil, xa que o Castroverde mantense coma o equipo coa mellor xeira de resultados de todo o fútbol galego. Os tres puntos que hai entre ambos equipos fai que a loita sexa intensa ate o final do campionato.

No grupo Sur hai catro equipos inmersos na loita polo campionato. O Monterroso B é líder con 38 puntos, inda que na persecución están Sporting Lucense e Sober con 37 puntos e o Corgo con 35. Os catro batiranse durante o último tramo do curso para loitar polas dúas prazas de ascenso que hai en xogo en cada grupo da Terceira Futgal do fútbol lucense.