O PM Friol gaña con solvencia a un sempre difícil Victoria
Bo partido das friolesas que dominaron o encontro de principio a fin. Só nalgunha contra na primeira parte o Victoria puido facerlles dano, mais non foi así e o PM Friol controlou en todo intre o encontro.
Ademais, as xogadoras amarelas conseguiron manter un nivel alto de presión e concentración na segunda metade, sen quitar o pé do acelerador, unha constante ata o de agora que lles tiña custado máis dun susto.
Co bo xogo e concentración sobre o verde, as friolesas impuxéronse grazas ós goles de Balo no 44′ cun tiro de falta, de Ashley xa á volta dos vestiarios e pecharía o marcador un auténtico golazo de Potassa xa a piques do asubío final (3-0). Tres goles a un equipo – Victoria – moi ordeado e difícil de atacar.
Un mal inicio de partido condena ao CD Lugo
As luguesas comezaron o partido totalmente fóra del, cun moi mal inicio, cheo de erros que propiciaron o 2-0 facendo moi complicada a remontada.


Aínda que no final da primeira metade e durante a segunda estiveron mellor, dominando o xogo e con ocasións claras, non tiveron acerto para recurtar distancias e o mal inicio determinou o fin do encontro.

O CD Lugo B cae ante a Pastoriza nun partido con gran nivel
A igualdade no encontro entre dous moi bos equipos reflectíaa o luminoso á chegada ó descanso, cun 0-0. Ambos conxuntos competiron moi ben pero, finalmente, a balanza inclinouse do lado das visitantes, a Pastoriza.
O primeiro gol chegou cun tiro a porta no que nada puido facer Iyore. O segundo foi o resultado dun erro defensivo por parte das albivermellas que tras un centro lateral remata de cabeza a xogadora visitante.

Porén, o filial lugués tivo opcións de gañar. Tres ocasións claras na segunda parte, unha incluso a porta baleira pero que non foron aproveitadas, deixaron ao CD Lugo B sen goles. Aínda así, o traballo do grupo foi destacábel e, quizabes, non tivo a recompensa máis xusta.

Dende o CD Lugo B destacaron ademais ao finalizar o partido os parabéns pola vitoria nun partido coma este á Pastoriza e, especialmente, quixeron agradecer e felicitar ao equipo rival polo comportamento tanto dentro como fóra do campo.
Revancha do PM Friol B ante o Orzán B
O filial friolés que na primeira volta perdera por goleada (con 7 goles das coruñesas) redimiuse esta xornada amosando o seu gran progreso a medida que avanza a tempada, con xogadoras moi novas gañando experiencia.
O equipo de Quiroga puxo sobre o verde a idea de partido que quería: agardar ó rival ben posicionadas pero sen meterse demasiado atrás para despois tratar de responder ben ás contras.
O Orzán é un equipo que transita moi ben polo carril central e ademais cun bo xogo combinativo de balón, mais o PM Friol B soubo aproveitar ben as ocasións que tivo para adiantarse no marcador. Xusto o contrario sucedeulle ás coruñesas, que dispuxeron de múltiples xogadas para anotar pero a mala sorte e unha gran actuación de Cris, a porteira friolesa, impediullo.

Así, no min. 20′ do partido chegaría o primeiro gol (1-0) do PM Friol B grazas a unha falta directa de Lydia. Xa por diante no marcador, as friolesas gañaron en tranquilidade e melloraron o seu xogo con balón, algo que combinou ademais cun bo traballo defensivo.

A segunda parte foi moi intensa, cun Orzán lanzándose a por todas e asoballando ao PM Friol que, porén, conseguía resistir. Foi no min. 70′ cando as visitantes conseguiron empatar o partido (1-1). Mais desta volta a sorte decidiu pórse de lado do PM Friol para que, antes de rematar o partido e nunha boa xogada de Carla e Saray chegaría o definitivo 2-1 para darlle os tres puntos ao PM Friol.
A SD Antas volve á senda da vitoria a domicilio
As seoanesas volven sumar de tres tras gañar 1-4 na casa do Bandeira nun partido marcado pola falta de concentración e intensidade.
Unha primeira parte sen moito ritmo pero deixando moitos espazos ás costas por parde das locais, foron aproveitados pola SD Antas para sentenciar o encontro antes de chegar ó descanso. Jenny, por partida dobre, anotaría en dous man a man e Iria sumaríase ós goles tras unha boa xogada colectiva. Tamén Nuria marcou grazas a un golpeo axustado dendea frontal da área.

Xa na segunda parte, moitas ocasións pero demasiada relaxación ante un Bandeira moi inferior.
A SD Chantada suma outra derrota
O Aguiño, rival da SD Chantada, fíxose forte na primeira parte xogando na casa. Buscou as costas da defensa chantadina e conseguiu facerse co 1-0. O segundo gol do Aguiño chegaría nun despiste defensivo nun saque de banda das chantadesas.
Porén, a SD Chantada meteuse no partido primeiro tendo un man a man que marcha fóra a disparo de Lucía. Logo, un bo tiro á escuadra de Rocío Carnero tivo a mala sorte de atopar a unha enorme porteira dando resposta. Foi Saray quen cun auténtico golazo daba opcións ó conxunto chantadés pero, antes de rematar a primeira parte, o Aguiño volvía marcar para pór o 3-1 no luminoso.
A segunda parte trouxo a unha SD Chantada que saiu mellor que o Aguiño e Ángeles tería un gran man a man coa porteira.

Na seguinte xogada, porén, quen anotou foi o Aguiño con outro saque dende o curruncho a favor que volvía converter a mesma xogadora. A SD Chantada seguiu traballando e, así, chegaría o gol de Ángeles (4-2). As chantadesas seguiron xerando ocasións ata que Ángeles foi expulsadas e todas as posibilidades da SD quedaban desbotadas. Con 10 sobre o verde, as chantadesas recibiron o definitivo 5-2.
Unha Comercial pragada de baixas cae na casa do Dubra
A Comercial chegaba a este complicado encontro pragada de baixas e, de feito, xogou o partido con 9 xogadoras sobre o verde. Motivos laborais e lesións minaron a un equipo que, co que tiña, fixo o que puido.
As 9 xogadoras que saltaron ao campo dérono todo, loitando cada balón e conseguindo incluso facer un gol (4-1), xogando de «ti a ti» a meirande parte do partido contra o Dubra que anotou dous dos catro goles nun máis que posible fóra de xogo.
A Comercial, pese a todo, tivo numerosas xogadas ben traballadas, con boas triangulacións e incluso achegándose á área rival coa mala sorte de que non remataran en gol. Porén, a súa adestradora, Vicky, quizo resaltar o traballo inmenso das 9 xogadoras que vestiron sobre o verde a camiseta do Comercial amosando o orgullo e responsabilidade de pertencer ao club.
A este San Lázaro non hai quen o pare
Goleada do San Lázaro no seu campo ao Negreira (4-0). Un partido no que foron claras dominadoras e no que o Negreira non chegou a tirar a porta.
Aínda que o San Lázaro meteu catro goles, o certo é que puideron ser bastantes máis se non tiveran fallado un gran número de ocasións claras tamén porque a porteira do Negreira tamén fixo paradas de mérito.

A encargada de «abrir a lata» dos goles foi Anita no 29′. Xa na segunda parte o San Lázaro non quixo confiarse e as chegadas á área rival tiveron premio. Así, anotaron Douaa no 54′, de novo Anita no 72′ e pecharía o marcador de novo Douaa no 89′.
O Nicrariense non dá opción á Milagrosa
Partido totalmente dominado polas locais, as xogadoras do Nicrariense, que non deron ningunha opción á Milagrosa de poder sacar algo produtivo do encontro.
Xa no 18′ adiantábase o Nicrariense cun gol de Alba Noya. A vantaxe aumentaría en favor das locais no 31′ grazas a Daniela Barbazán, que poría o 2-0. O marcador pechouse co definitivo 3-0 xa no minuto 84′ co gol de Kayla Rial.
O Monte Forte imponse ao Carballedo no Luis Bodegas
O partido entre o Monte Forte e o Carballedo foi o agardado: un encontro moi desputado. O Monte Forte conseguiu adiantarse no marcador(1-0), pero axiña chegou a resposta con gol do Carballedo (1-1) por medio dunha contra tras recuperar o balón en medio campo.

Antes de rematar a primeira parte, o Monte Forte tivo varias ocasións, pero atopouse cunha gran porteira na meta do Carballedo para impedir que o Monte Forte sacara vantaxe.
O equipo de Sementa acudía ao encontro pragado de baixas mais, aínda así, conseguiu dar a cara facendo un partido de mérito coas xogadoras dispoñibles.
O gol para dar a vitoria ao Monte Forte chegou grazas a un erro do Carballedo que acabou co balón na rede da propia meta (2-1).
Non houbo máis goles nun encontro no que, na segunda parte, apenas tivo chegadas á área rival por parte de ningún dos dous equipos agás disparos lonxanos que non supuñan perigo para as porteiras.
Un partido propio dun derbi, con moita intensidade que o árbitro soubo xestionar e do que o Monte Forte colleita outros tres puntos para seguir medrando na clasificación sen descartar loitar no que queda de tempada por «algo grande».

