A Sarriana despide con vitoria a Jaime Paz

O Trío de Ases Panadería O Cantón déixanos a despedida de Jaime Paz do banquiño da Sarriana rumbo á China cunha vitoria na Ribela diante do Betanzos. No derbi provincial de Cantarrana, o Polvorín gañou diante do Viveiro, mentres que o Racing Vilalbés caeu no campo dun enrachado Noia.

Na Preferente nova xornada de derbis. O Ribadeo colle aire tras vencer na Pinguela ao Lemos e o Pol vence ao Escairón e afonda na crise de resultados dos do Saviñao.

A Sarriana vence no encontro de despedida do banquiño de Jaime Paz (2-0)

Partido que serviu de despedida do adestrador Jaime Paz, que parte rumbo ao fútbol chino para formar parte do staff de Quique Setién, recentemente nomeado adestrador do Beijing Guoan. Ocupará o seu sitio no banquiño da Ribela Guillermo Oriol, técnico castellonense que pasou polas canteiras de Barcelona e Vilarreal.



O encontro foi de dominio sarriao fronte a un Betanzos que defendeu en bloque baixo e que xerou varias situacións de perigo. A falta de acerto privoulle ao cadro local de marchar ao intermedio por diante no marcador.

No segundo tempo, a Sarriana solventou o choque en dous minutos nos que Diego Rey e Santi Gegunde, que chegaba ao encontro tocado e só puido xogar uns minutos. A seguridade defensiva da Sarriana, que sumou o segundo encontro sen encaixar, foi clave para vencer a un combativo Betanzos e situarse segundo na táboa clasificatoria.

O Racing Vilalbés perde fronte a un Noia que se achega a un so punto da zona de play off (2-0)



A intensidade na presión e a eficacia do equipo local foron dúas das claves da derrota racinguista no Julio Mato. O Noia xogou directo ao espazo con Facu e Hugo Losada como protagonistas e o gol non tardou en chegar. Centrou Facu e rematou Marcos Piñeiro ao fondo da portería. Co marcador en contra, o Racing dominou e en varias xogadas por banda chegou á área rival, pero sen chegar a finalizar con perigo.

Na segunda metade, o Noia trocou de sistema para xogar con cinco zagueiros e nunha xogada por banda dereita un centro de Paco rematouno Hugo Losada lonxe do alcance de Álex Santomé. Os de Alberto López non se deron por vencidos e contaron con varias ocasións para recurtar diferencias. Asier, Fito e Anthony tiveron boas opcións para achegarse no marcador. Os locais amosaron un bo orde defensivo e no desconto Iker Carril a piques estivo de lograr o terceiro.

máxicos

O Polvorín vence en Cantarrana e deixa ao Viveiro a tres puntos do descenso (1-3)

A táboa de Terceira RFEF diviídese e o Polvorín tras a vitoria en Cantarrana queda na metade que mira cara arriba. En troques o Viveiro, que suma só 4 dos 18 puntos en xogo con Fabri no banquiño só avantaxa en tres puntos a zona de descenso, iso si, cun bo número de equipos involucrados na pelexa. O Polvorín adaptouse ben ao xogo directo que obrigaba o estado de Cantarrana. Non tardaron en adiantarse os de Dani Galán nun balón ao espazo que Julito centrou e Antón empuxa cara dentro tras un falso despexe de Ayoub. O encontro entrou nunha fase de ocasións para os dous equipos. Rolle puxo a proba por dúas veces ao gardameta Iván, que evitou o empate, e Maceira buscou o segundo, pero desta volta Ayoub respostou ben. Noutro balón á área de Julito recolleuno Maceira e tras revolverse ben na área disparou ao fondo da portería.

No segundo tempo, German a piques estivo de recurtar diferencias nun disparo que detivo providencial Iván. O Viveiro gozou dos seus mellores minutos, pero nunha internada por banda de Noah rematouno no primeiro pao novamente Maceira a gol. Preto do final Sylla deulle emoción ao partido cun gol desde a frontal da área. Pouco despois Rolle dispuxo dun man a man do que Iván saiu vitorioso e evitou que o Viveiro chegara ao desconto con opcións.



O Ribadeo vence na Pinguela, primeiro triunfo fóra da casa dos mariñáns (1-3)

Os mariñáns encadean por primeira vez dous triunfos nesta temporada coa vitoria acadada na Pinguela, sendo ademáis a primeira fóra da casa. O Lemos comezou tendo a posesión do balón e metendo en campo propio a un Ribadeo que defendeu con orde e criterio. Co paso dos minutos, o Ribadeo tivo máis peso no xogo e non tardou en adiantarse cun remate de Mario nunha acción a balón parado. Sentoulle mal o gol aos monfortinos. Na seguinte xogada, nunha contra Kevin Pierre superou a Losada. Antes do intermedio, Castrín estivo a piques de facer o terceiro se non fora pola gran intervención do porteiro local.

Tras o paso por vestiarios, o Lemos pasou a xogar con dous dianteiros para crear máis perigo na área ribadense. Aos dez minutos de xogo o colexiado sinalou penalti por mans na área e Luis González non errou desde os once metros. Nos seguintes minutos os de Juanlu Bernal meteron ao Ribadeo no seu campo aínda que sen xerar excesivo perigo. Nos últimos minutos o debutante Xavi Iriarte pechou a conta goleadora tras outra boa contra,

O Pol superior vence no tramo final a un Escairón con dez (2-0)

O Pol afástase do descenso e mete en serios apuros a un Escairón nunha xeira moi negativa de resultados. Os chairegos foron mellores no primeiro tempo diante dun replegado Escairón que apenas chegou con perigo ás inmediacións dun seguro Marcos, pero que impediu que o Pol xerara situacións de gol malia o dominio no xogo.

No segundo tempo o dominio dos de Roberto Fernández intensificouse e chegou con moito perigo á portería defendida por Álex Ávila. Iago Buján e Mauro contaron con ocasións moi claras e Omar estrelou un balón no pao nun remate desde a área pequena. A expulsión de Denis con cartón vermello directo penalizou moito ao Escairón e o Pol logrou adiantarse no último treito de encontro. Un centro de Álvarito cabeceouno Nacho ao fondo da portería e pouco despois nun balón á espalda da defensa de novo Nacho superou ao gardameta no un contra un.

A Sarriana despide con vitoria a Jaime Paz

Os Máxicos afrontan a recta final de

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *