José Cendán ‘Basi’ volve ser o adestrador do Muimenta. Un ano e catro meses despois, Basi volve ao club do Pichón tras desvincularse do Pastoricense hai uns días. Basi chega para a 8ª xornada da Segunda Futgal. Nas sete primeiras mantéñense invictos o Iberia e o Casás no norte, o Becerreá, o Paradela, o Brollón e o Palas no sur.
Na zona norte, o Iberia mantense na cabeza por segunda xornada seguida. Goleou ao Muimenta (6-1) e sumou a súa sexta vitoria do curso. Os locais marcaron cedo, aínda que os visitantes amosaron unha gran actitude de inicio. Na segunda metade si que xa se viron superados por máis ansia e efectividade do cadro das Valgas.
Tras xa non estar Héctor Expósito na pasada xornada, o Muimenta estivo dirixido provisionalmente polo seu segundo, Saúl. Agora Basi toma as rendas de novo e vaino facer acompañado de Iago Fernández, quen era tamén o seu axudante ata hai uns días no Pastoricense. Ambos veñen de conseguir na tempada pasada o ascenso á Primeira co veciño conxunto do Acebreiro.
A un punto do líder, queda o Sanci. Refíxose logo da primeira derrota e venceu na casa ao Sporting Pontenova (2-0). Uru marcou antes do minuto 10. O Sanci aínda desaproveitou un penalti, pero marcou o segundo antes do tempo de lecer por medio de Bruno. Arriscaron os visitantes no segundo tempo, pero non deron co gol que os metera no partido.
A terceira vitoria seguida do Folgueiro déixao na terceira praza, a catro puntos do liderado. Superou a outro dos equipos da zona alta, o Riotorto (1-2). Dominou o cadro visitante no primeiro tempo, pero na seguna metade os pupilos de Omar foron mellores e puideron empatar nun balón que petou no pau.
Na cuarta e na quinta praza sitúanse o Casás e o Xermade con trece puntos (mesmos que a Pontenova – 6º). Ambos equipos enfrontáronse nun partido cuxa segunda parte solapouse en horario co primeiro tempo do Real Madrid – Barça.
Foi un encontro igualado, no que o Casás se puxo por diante ao marcar Cristian de penalti. Antes do descanso igualou o Xermade por medio de Pedro Coria. Ambos equipos tiveron ocasións, aínda que Raúl, gardamallas local, realizou as mellores intervencións.
Na zona media da táboa sitúase a Candelaria con doce puntos. Logrou o cuarto triunfo do curso ante a Piringalla (4-1), que queda con seis puntos. O acerto do club da Rúa e o bo traballo defensivo facilitaron que os tres puntos quedasen na Granda.
O Alfoz conseguiu unha das grandes vitorias da finde ao impoñerse ao Guitiriz (4-0). Os pupilos preparados por Javi Chinchón sumaron o segundo triunfo seguido e acumulan dez puntos na 9ª posición, un máis que o seu rival.
O conxunto verdibranco dominou na maior parte do partido. Axudoulle aos locais marcar cedo, o Guitiriz tivo un cuarto de hora no que tratou de achegarse á área rival, pero o Alfoz marcou o segundo. Logo chegaron dous goles máis, en detrimento da falta de gol que arrastraba o conxunto nas primeiras xornadas.
O Celta Barreiros tamén está con nove puntos na clasificación logo de vencer a un rival directo nestes momentos como o Cabreiros (4-2). Os visitantes adiantáronse nun penalti. Miguel Andina empatou, pero novamente o Cabreiros anotou o segundo e marchou gañando ao descanso.
O Celta Barreiros saíu a polo encontro no segundo tempo e marcoaron dous goles rápidos por medio de Pita e Casanova. Nos últimos minutos Nico redondeou a vitoria por medio dun penalti.
Na zona baixa, salientamos o primeiro punto que logrou o Cospeito ante un rival directo como o Mondoñedo (1-1). O cadro da Fonte continúa de pechacancelas pero a catro puntos do seu rival.
O Mondoñedo non foi capaz de marcar máis goles nas opcións que tivo no primeiro tempo despois de poñerse por diante. Logo o encontro pasou por un tramo de partido igualado. Mediado o segundo acto, Cancio marcou de falta directa o segundo gol da tempada do equipo e del memo.
Na zona sur, o Ferreira mantense como líder logo de sumar a cuarta vitoria consecutiva. Suma seis triunfos no que vai de liga, o último ante o Quiroga por (1-2).
Adiantouse o cadro local nun primeiro tempo no que tiveron algunha ocasión máis. No segundo acto, marcaron o segundo nunha acción polémica que acabou con tres expulsados no conxunto visitante (un deles futbolista do campo).
Con todo, o conxunto verde non se veu abaixo, empurraron e xeraron oportunidades poñendo en aperto o líder. Recurtaron diferenzas por medio de Jato. O propio Jato puido empatar pero o ex gardamallas do Quiroga Adri García detivo un penalti.
Becerreá, Paradela e San Roque son os perseguidores do líder con quince puntos e a tres do primeiro posto. O Becerreá sumou o cuarto triunfo da campaña na súa saída a Portomarín (1-2).
Os pupilos de Diego Rey foron os que se adiantaron no marcador. A reacción visitante foi rápida para empatar. No segundo tempo, desperdiciaron un penalti pero posteriormente Xairo completou a remontada. No último tramo de xogo os locais tentaron a igualada, pero sen éxito.
O Paradela venceu a domicilio ao Lemos B (1-2). Todo despois de que o filial comezase gañando no primeiro minuto. Puido ampliar diferenzas, pero non foron capaces de tomar máis vantaxe. O Paradela igualou no segundo acto, empurrou e logrou a remontada final.
O San Roque reafírmase na súa condición de conxunto máis en forma da Segunda lucense co seu quinto triunfo seguido. Desta volta ante o Friol (0-3). O acerto decantou dende o inicio o encontro ao seu favor. Conseguiron dous goles no primeiro tempo. Logo a expulsión do local Marcos tamén condicionou o xogo.
Aínda así, no segundo tempo o Friol intentou achegarse no marcador. Non o logrou, e o conxunto capitalino aproveitou un erro rival para facelo terceiro tanto.
Na 5ª praza aparece un Brollón mermado polas lesións que esta semana lle fixo ficha a Ibán Pires, xogador de club que continúa coas súas tarefas de axudante do adestrador Chura. O equipo dos Medos sumou o seu cuarto empate consecutivo ante o Palas (0-0). Precisamente, ambos clubs tamén igualan na táboa clasificatoria con 13 puntos.
Tamén teñen 13 puntos o Santa Comba e o Antas. O equipo da parroquia lucense do mesmo nome leva tamén ritmo de líder: catro vitorias nas últimas catro citas. Superou pola mínima ao Chantada B (1-0).
O gol decisivo chegou nada máis comezar. Os locais puideron ampliar nalgunha chegada máis e no segundo acto o filial tamén o tentou. Con todo, a falta de gol está condicionando o cadro chantadés, dous en sete partidos.
Pola súa parte, o Antas sumou o cuarto partido gañado da temporada ante O Páramo (tamén por 1-2), que acumula tres derrotas seguidas e baixa ata o 10º posto.
Os visitantes tentaron levar o dominio e marcaron antes do descanso por medio de Besteiro. No segundo acto, O Páramo tivo as súas chegadas, pero Portu puxo máis vantaxe para o Antas. Os locais metéronse no partido cun tanto e pelexárono ata o final.
Da zona baixa tan só gañou o Incio. Sumou o segundo triunfo e cortou a mala xeira de cinco encontros perdidos. Venceu ao Rubián (1-0). Resultou decisivo o tanto de Urdi nun encontro que estivo envolto na polémica con dúas expulsións no Rubián e unha nos locais.
Hai tres equipos que non gañaron no que vai de liga e acumulan un punto: Lemos B, Chantada B e Quiroga.