Empate do Lugo no Anxo Carro
O desta xornada era un partido especial. O Lugo desputaba o seu encontro ante o Real Sporting de Gijón no Anxo Carro.
Foi un choque moi igualado, especialmente na primeira parte, onde se viviu un intercambio de golpes con alternancia no dominio do xogo e reparto das ocasións e dos goles.
Á volta dos vestiarios a segunda parte pintaba da mesma cor que a primeira, pero co paso dos minutos, o cansanzo e a choiva mudaron o partido, que perdeu ritmo e quedou finalmente co empate no marcador.
Un resultado xusto para un partido moi igualado.



Un Villa de Simancas con moito acerto tumba ó PM Friol
Tres goles nun partido poderían indicar que foi un encontro con moitas ocasións, pero non. O 1-2 do marcador final en Friol contabiliza prácticamente todas as oportunidades de gol que houbo e que, especialmente o equipo visitante, soubo aproveitar.
O partido chegou empatado ó descanso. Os goles de ambos equipos, anotados dende o saque do curruncho. Ao pouco de comezar o segundo lance do partido, un duro choque entre dúas xogadoras obrigou a parar o partido para que a xogadora do Villa de Simancas fose atendida xa que o golpe na testa provocáballe mareos. Por seguridade, o partido parouse ata que chegou a ambulancia que a trasladou ata o hospital onde afortunadamente e tralas probas pertinentes, descartaron calquera tipo de lesión.

Ese «tempo morto» descolocou ás xogadoras friolesas, que volveron ó partido físicamente, pero mentalmente non volveron a el. Os preto de 40′ sen xogar sacáronas do partido e diso aproveitouse o Villa de Simancas que, de novo nunha xogada a balón parado, neste caso de falta, anotou no 80 o definitivo 1-2.
Derrota pola mínima do filial do Lugo
O CD Lugo B caeu na súa visita a Cee nun partido no que dominou a posesión mentres que, as rivais, trababan de roubar e causar perigo á contra.
A idea das luguesas estaba clara, pero fallaba a execución. Un cúmulo de imprecisións e fallos nas execucións facían que as poucas ocasións que houbo non puideran aproveitarse.
Finalmente foi un penalti a favor das locais o que decidiu o partido dándolles a vitoria ás xogadoras do Cee.

Gran partido e gran recompensa para o PM Friol B
O mellor partido do que vai de tempada para as friolesas tivo premio. Un gran partido coral ante un equipo ó que as friolesas xa coñecían.

O perigo do Silva arriba do que o filial friolés era coñecedor foi saldado cunha presión alta e axudas defensivas.
O PM Friol B fíxose co control do partido dende o primeiro intre e as ocasións para as rivais só chegaban dende o balón parado.
«Un gran partido no que van saíndo as cousas que preparamos, con moito esforzo e entrega de todas as xogadoras. Eu síntome moi orgulloso«, destacaba Quiroga, logo de que o seu equipo se impuxera cun 5-3 final no marcador.

A SD Antas colle a directa
Outra xornada, outra vitoria da SD Antas, que semella imparábel. As de Dani Abelairas foron moi superiores e deixaron un sabor de boca inmellorable no Castro Seoane.
As celestes fixeron un partido moi sólido en defensa e, ademais, souberon ter máis paciencia na creación, combinando para chegar á meta do San Mateo, que xogou moi repregado.
O primeiro gol chegaría tas unha acción na que Nuria tirou de pillería para sacar unha falta rápida na que Iria, soa diante da meta, batería con calma á porteira rival mandando o balón ó fondo da rede.

Xa na segunda parte, un bo pase de Iria aproveitaríao Jenny que, nun man a man, lanzou un disparo cruzado imposíbel de atallar para a porteira do San Mateo.
Foi Elisa a encargada de pór o 3 – 0 final tras anticiparse á súa marca na saída de balón e bater por arriba á porteira. O partido puido rematar incluso cunha vitoria máis folgada xa que foron moitas as ocasións que tivo a SD Antas e que, porén, non soubo aproveitar.

A SD Chantada cae na súa visita a Noia
Segunda derrota consecutiva para a SD Chantada. Aínda que o encontro comezou igualado nos primeiros minutos, unha vez que as locais, do Noia, se adiantaron no marcador o Chantada saiu do partido. As dúbidas xerdas co primeiro gol levaron a que o Noia aproveitara para pór o segundo e rematar por sacar do encontro ás chantadinas, que nunca estiveron cómodas no partido.
Problemas no medio campo, onde as xogadoras da SD Chantada eran claramente superadas, impediron ter ocasións para poder tentar chegar á portería rivar e empatar o partido.
Nova xornada, nova goleada do San Lázaro
Unha vez máis. O San Lázaro goleou ó Trazo a domicilio 0-4. Un partido completo e redondo das luguesas, que foron quen de xogar ás costas para romper a presión alta exercida polas locais.
Xa no minuto 10 se poñía por diante no marcador o San Lázaro grazas a un tanto anotado de cabeza por Kaoutar. Ata a segunda parte tiveron moitas ocasións, pero o partido chegou ó intermedio só co 0-1.
Xa na segunda parte, no minuto 56′ Ana marcou nunha xogada na que a porteira rival estaba algo descolocada. Coa tranquilidade do 0-2 o San Lázaro seguiu dominando e cun gran xogo, movendo ben o balón.

No minuto 69′, Mireia puxo o 0-3 e xa o cuarto e definitivo gol chegaría no 73′ das botas de Hajar Attouch. Catro goles de catro xogadoras distintas que poñen de manifesto o bo partido coral que fixo o San Lázaro.
«Saiunos un partido moi bo. Na dinámica do que queremos ser. Por sorte, destacar a unha xogadora nun partido coma este é moi complexo porque todas estiveron moi ben», comentaba Rubén Candal sobre o partido.
Derrota pero con boas sensacións para a Comercial
Non todo é o resultado e as sensacións coas que saíron as xogadoras e o corpo técnico do Comercial do partido demóstrano, xa que, pese a caer 0-2 ante a AD Nicrariense, o partido foi moi positivo para as luguesas, que amosaron a súa mellor versión no que vai de tempada.
A Comercial competiu de inicio a fin, creando xogadas, cunha boa colocación e conseguindo chegar a porta. As numerosas baixas entre as xogadoras pasaron factura, pero co parón desta fin de semana agardan recuperar xente.
«Amosamos o que podemos facer e comezamos a ver o camiño a seguir. Son moitas as xogadoras que hoxe merecerían mención, Andrea, Diana polo seu traballo ofensivo e defensivo…»

Dominio total da Milagrosa
O marcador, 4-1, reflicte o dominio do partido que tivo a Milagrosa na casa, ante o Arzúa Fútbol Club Femenino.
Os tres primeiros goles foron para Irene García, que sentenciaba prácticamente o encontro antes de que chegara o gol do Arzúa que, marcado tamén polas xogadoras da Milagrosa, en propia meta. Eider Pardo foi a encargada de marcar o cuarto e definitivo gol para selar a vitoria da Milagrosa.

Empate no Luis Bodegas
O Monte Forte sumou un punto na casa ante a SD Cruces.
Partido bastante igualado que empezaron dominando as visitantes na primeira parte, con máis ocasións. Aínda así, antes de rematar o primeiro lance do encontro, o Monte Forte aproveitou un erro defensivo do Cruces que serviu ás locais para adiantarse por medio de Nerea Pereiro que, no minuto 44′, poñía o 1-0 no marcador.
Pouco durou a vantaxe para as monfortinas xa que, á volta dos vestiarios, no 50′ Nazaret Machado empataría o partido, que remataría con este mesmo marcador.
A partires dese momento, aínda que ambos equipos tiveron oportunidades, ningún dos dous foi quen de aproveitalas para pechar o partido ó seu favor.
Chegou a vitoria para o Carballedo
As amarelas foron dominadoras do partido en todo momento, aínda que tardaron en atopar porta. Precisamente, foi o Dubra quen se adiantou no encontro cun contraataque que souberon aproveitar para pórse por diante no marcador.

Mais o Carballedo reaccionou ben, empatou o partido e rápidamente chegou o 2-1, aínda que a diferenza puido ser maior xa que, as de Sementa, contaron con varias ocasións para aumentar a vantaxe.
