O focense Aarón Bermúdez (2005) rompeu a tibia e o peroné a pasada semana no duelo que enfrontaba ao seu cadro cos veciños do Burela. Agora, o futbolista comeza a súa recuperación con moitas gañas de pisar de novo o céspede do Martínez Otero.
Futbolinlugo: Puideches comezar xa a facer algo de vida normal?
Aarón Bermúdez: Nada. Aínda non saín da cama, como quen di. Fun o venres a Lugo para unha revisión, pero o que quero é que pase o tempo o antes posible. Xa non teño dor, estou acomodado, pero estou canso da situación.
Fil: Como se estaba atopando Aarón no CD Foz esta campaña?


AB: Ben, é certo que xa había baixas no club antes da miña lesión, pero eu estaba moi contento.
«teño problemas incluso para ducharme»
Fil: Como se adapta o equipo ao novo adestrador?
AB: É moi diferente ao curso pasado, pero Pelayo é moi bo adestrador. Ademais, é unha desas persoas que che axuda en todo o que pode fóra do campo. Gústalle combinar, xogar por fóra, cargar a área para situacións de remates….


Fil: Cando contas con voltar aos terreos de xogo?
AB: A ver se esta temporada, pero non creo. Depende como vaia.
Fil: Que che transmite o club logo da grave lesión?
AB: Síntome moi apoiado. Ao principio tiven o vértigo este que che fai pensar en deixar de xogar, pero ver tanta xente que te apoia, que che manda unha mensaxe… motiva moito para o futuro.
Fil: En que vas invertir o tempo estes meses?

AB: A ver se podo ir este domingo en cadeira de rodas ao partido, polo menos para saír da casa. Ao final o único que podo facer estes días é ver unha serie, xogar á consola… por poder non podo nin ducharme. Hai que ter paciencia para recuperar ben.