A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) publicou no día de hoxe dúas resolucións que deixan ao PM Friol contra as cordas. Pola mañá, o Comité de Apelación desestimaba o recurso do cadro de Reigosa e mantiña a inhabilitación de tres anos á adestradora Covi Regueiro.
Pola tarde, o golpe foi aínda maior. Dous anos máis de inhabilitación á preparadora (para chegar a un total de cinco) así como unha multa de 3006 € á citada Covi Regueiro. Mesma cantidade que terá que pagar o seu club, que ve como lle dan por perdido o seu último partido ante o Lóstrego (3-0). A maiores, a RFEF decidiu quitarlles tres puntos máis na clasificación.
Veremos ata onde chega a ‘cruzada’ do PM Friol contra o colectivo arbitral e os diferentes entes federativos. Agardemos que esta oitava sanción contra Covi Regueiro na presente tempada sexa a última! Xa que a RFEF volve avisar da posibilidade real de descenso na súa última resolución.


