Chega o último Tres en Raia En Boas Mans da temporada regular na Terceira Galicia, co Castroverde como gran protagonista. Os de Fran Veiga poñían en xogo a última praza para xogar o play off de ascenso diante do Catro Roldas e acadaron un empate que os clasificou para a promoción.
No grupo sur, o Páramo logrou ser campión tras empatar co Rubían e o Sober mantivo a terceira praza tras facer o propio co Corgo, que rematou cuarto. O Santa Comba gañou na Carqueixa e superou na clasificación ao Río Sil, que finalmente será sexto.
grupo norte
O Castroverde é equipo de play off tras empatar na Canteira (1-1). Era o encontro máis atractivo da xornada. Dous conxuntos e só unha praza no play off que finalmente será para un Castroverde que partía con vantaxe e sabía que o empate éralle suficiente. Comezou mellor o encontro o cadro local, pero os de Fran Veiga chegaban con certo perigo á portería rival. Tras desperdiciar unha ocasión, Rafa poñía por diante ao Castroverde. Preto da media hora de xogo, nunha xogada fortuita, un defensor visitante introduxo o balón na súa propia portería. No segundo tempo o Catro Roldas contou cunha gran ocasión para darlle a volta ao marcador por medio de Moha, pero entro o gardameta Iago e o pao evitaron o tanto. Ata o final tentou o Catro Roldas o tanto que lles dera a clasificación, pero o Castroverde soubo defender a súa renda.
Un Celta Barreiros en cadro golea ao Cazás no Catro Ventos (0-4). Os barreirenses amosaron a súa gran pegada nun encontro ao que acudiron en cadro. O partido comezou con susto. O local Héctor bateu coa cara contra a valla e por un momento non reaccionaba. Por sorte todo quedou nun susto. O Cazás amosou un bo fútbol de ataque con xogo combinativo, pero careceu de pegada nos últimos metros. Nos balóns colgados á área, o gardameta Iñaki estivo moi seguro. Javi Andina adiantou ao Celta Barreiros tras unha gran xogada individual. Os locais estrelaron un balón no longueiro antes do intermedio. Na segunda metade o Celta Barreiros baixou o ritmo, pero o Cazás non foi quen de aproveitalo. Nico, Miguel Casanova e Edi sentenciaron o choque.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
O Friol B araña un punto no campo do Casás (1-1). Encontro parello no que o Friol B foi lixeiramente superior no primeiro tempo. Os de Bruno Castro lograron adiantarse no marcador cun tanto de Marcos á media hora de xogo. Antes do descanso, nunha contra ben levada, Pablo Díez estableceu o empate no marcador. No segundo tempo o Casás quedou cun home menos por doble cartón amarelo a Brayan e o Friol B contou con opcións para acadar os tres puntos. A falta de acerto privoulles de ser o primeiro equipo que derrotara ao Casás no seu campo.
O Rioaveso remonta na segunda metade diante do Matela ao ritmo de Álex Anido (2-5). Primeira metade de dominio local. O Matela realizou un gran fútbol na primeira media hora, na que logrou dous tantos por medio de Maikel e Santi Carballido e contou con varias opcións para ampliar diferencias. O Rioaveso mellorou no último cuarto de hora e Álex Anido fixo o primeiro para os chairegos. Nada máis comezar o segundo tempo, os de Asier Lozano lograron o tanto da igualada nun disparo de Roberto. A remontada chegou da man de Álex Anido nunha xogada moi protestada polo conxunto local ao considerar que o dianteiro cometera falta sobre un defensor. Álex Anido completou o seu póker de goles en dúas contras que deixaron o encontro visto para sentencia.
O Goiriz golea a unha Piringalla que xa pensa no play off (4-0). Encontro de dominio local. Os de Cora sentenciaron no primeiro tempo a unha Piringalla que optou por facer moitas rotacións no seu once inicial, xa coa mente posta na promoción. A forte choiva deixou o campo case que impracticable. Héctor, en dúas ocasións, e Nico puxeron en clara vantaxe ao Goiriz. Na segunda metade Richi fixo o cuarto. A Piringalla, xa con máis teóricos titulares sobre o céspede colleu ritmo de xogo aínda que non foi quen de xerar perigo ata o tramo final do partido, cando estrelaron tres balóns no pao.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
A Comercial B despide a temporada cunha vitoria fronte ao Celeiro (2-1). Comezou mellor o conxunto mariñán malia as numerosas baixas, e foi quen de adiantarse no marcador aos vinte minutos de xogo cun tanto de Brunito. Non lle durou moito a ledicia aos pupilos de Mora e Jaouad logrou o tanto do emapte. Na segunda metade, o encontro estivo igualado, ainda que o Celeiro contou con máis opcións de gol, ata que a falta dun cuarto de hora Karchi viu o cartón vermello. En superioridade a Comercial B estivo mellor e logrou gañar cun gol moi preto do final obra de David.
![iberia](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/03/IMG-20240318-WA0007.jpg)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/03/22.png)
grupo sur
O Páramo acada o liderado tras empatar co Rubián nas Rapadas (1-1). Chegáballe un empate ao cadro local para facerse co campionato e así foi. Nun encontro moi disputado, cun ritmo de xogo alto, o Rubián saiu en tromba na procura do gol. A férrea defensa do Páramo evitou que o número de ocasións fora moi elevado. Os locais apenas inquedaron a Casillas nun primeiro tempo que o colexiado rematou antes do minuto corenta e cinco. A segunda metade comezou cun tanto en propia porta de Chivas que poñía por diante ao Rubián. O Páramo apretou na procura do emapte e este chegou cun bo disparo de Juan desde fóra da área. Nos últimos intres Jony tivo nas súas botas o triunfo para o Páramo, pero unha gran intervención de Casillas impediuno.
O Sober mantén a terceira praza tras empatar sen goles no campo do Corgo (0-0). Non se moveron as posicións. O Sober remata na terceira posición e o Corgo na cuarta logo dun encontro que rematou sen goles, aínda que calquera dos dous conxuntos tiveron ocasións para marcar. O Corgo foi mellor nunha primeira metade na que o Sober amosou a súa solidez defensiva, mentres que os de Iban Lagoa contaron posteriormente con ocasións para levar os tres puntos.
O Río Sil paga cara a inferioridade numérica e cede un posto fronte ao Santa Comba (1-4). Comezou mellor o conxunto local, que defendía a quinta praza, e logrou marcar nunha contra que finalizou ben Chomi. Logrou empatar antes do descanso o Santa Comba cun penalti transformado por Jorge. Nesa acción o defensor viu o segundo cartón amarelo e o Río Sil acusou enormemente a inferioridade numérica nos segundos corenta e cinco minutos. O Santa Comba foi mellor e rematou goleando con dous goles de Jorge e un de Fernando.
O Chantada Atlético B sumou a terceira vitoria consecutiva fronte ao Relámpago (2-1). Encontro sen moita intensidade no que o cadro local foi superior e puido acadar unha diferencia de goles máis ampla. Malia todo, o Relámpago Taboada realizou un bo primeiro tempo e levou certo perigo nas súas accións de ataque. Miguel puxo por diante ao cadro local e Cristian igualou a cinco minutos para o intermedio cun golazo desde o córner. Pero aínda se viu outro gol no primeiro tempo. David volveu a poñer por diante aos de Ivi Gayoso, tanto que resultou decisivo logo dunha segunda metade na que o ritmo baixou e apenas se viron ocasións.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
O Taboada B vence no choque de filiais ante a Sarriana B (3-2). Encontro que puido rematar cun marcador de escándalo. Ámbolos dous conxuntos contaron con numerosas ocasións claras de gol nun partido moi vistoso para o espectador. O marcador tivo continuas alternativas ata que no tramo final Raúl marcou o tanto decisivo dun partido no que o máis xusto era o empate.
O Monterroso B remata a liga cunha vitoria no feudo do Bóveda (2-4). Non puido o cadro local brindarlle a primeira vitoria da temporada á súa afección. Ámbolos conxuntos afrontaron o encontro sen a presión do resultado e viuse un encontro vistoso e con moitos goles. O filial monterrosino comezou mellor e non tardou en poñerse con dous goles de vantaxe no marcador. Reaccionou o Bóveda e logrou recurtar diferencias, pero aínda na primeira metade os de JAvitxu marcaron o terceiro. O segundo tempo tivo menos historia e cada equipo anotou un tanto no tramo final.
Foto de portada: Facebook Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial.