#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

A penúltima xornada, o gran día de Nico

Non cabe dúbida algunha de que no fútbol máis modesto moitas veces o resultado non é o máis importante. E moito menos cando sucede un feito como o acontecido no Sangoñedo. No encontro que mediu ao Chantada Atlético B coa Sarriana B debutou no fútbol afeccionado Nicolás Moscoso Baskakova ‘Nico’. Un rapaz de dezanove anos con Trastorno do Espectro Autista e e Trastorno de Déficit de Atención e Hiperactividade, pero sobre todo un apaixoado do fútbol. Fede Vázquez, o técnico sarriao fíxolle debutar baixo os paos e non cabe dúbida que o nove de marzo quedará marcado para sempre na súa vida. E ollo, que o míster promete que gozará de máis minutos!

Nada máis importante que a historia de Nico terá lugar no Tres en Raia En Boas Mans desta penúltima xornada de Terceira Galicia. No grupo norte, o Rioaveso selou o pase ao play off e só queda unha praza en xogo. Castroverde e Catro Roldas, nun enfrontamento directo, decidirán quen é o último equipo en sacar billete para a promoción de ascenso.

No grupo sur, o peixe xa estaba vendido. No encontro máis interesante da xornada o Sober venceu no derbi ao Río Sil e ten na man rematar no terceiro posto, pero a súa posición definitiva sairá do enfrontamento co Corgo, cuarto a dous puntos dos de Iban Lagoa. Cabe destacar tamén a derrota do Páramo que impide que os das Rapadas sexan campións. Dase a casualidade que na última xornada o Páramo-Rubián decidirá o primeiro posto.

grupo norte

O Catro Roldas sobrevive ao Cascabeiro e depende de si mesmo para xogar o play off (2-2). Encontro igualado no primeiro tempo e sen demasiadas ocasións de gol. O Celta Barreiros chegou con máis perigo pero atopouse cun Víctor inspirado na portería visitante. Xusto antes do intermedio Chupi puxo por diante ao Catro Roldas cun lanzamento de falta. No segundo tempo os de Rubén Acebedo lograron o empate por medio de Javi Andina e convertíronse en dominadores do encontro. Miguel Andina e Chupi resultaron expulsados deixando con dez a ámbolos conxuntos. Pero foi o Catro Roldas quen volveu a poñerse por diante cun tanto de Samu. O cadro local incidiu na ataque pola banda esquerda e a falta de cinco minutos empatou cun centro chut de Nico. Nos últimos intres o Celta Barreiros contou con ata catro ocasións claras que desbaratou o gardameta Víctor.



Castroverde e Casás empatan nun festival goleador (4-4). Oito goles se viron na Veiga do Olmo, nun encontro no que o Castroverde poñía máis en xogo que un Casás xa ascendido. Os de Fran Veiga, co play off en xogo, puideron marcar no primeiro minuto ata en dúas ocasións, pero a realidade foi que no minuto dez xa tiñan dous tantos en contra, ambos obra de Pablo Díaz. O nerviosismo fixo mella nun Castroverde que foi quen de recurtar diferencias por medio de Gelo, pero antes do descanso o Casás puxo terra de por medio cun tanto de Juan. No segundo tempo o cadro local xerou perigo con balóns á espalda da zaga, especialmente incidindo no sector dereito e foi quen de empatar a falta dun cuarto de hora para o final. Pablo Díaz fixo un hat-trick nunha xogada protestada polo Castroverde e xa no desconto Pablo Pin estableceu o definitivo empate nunha contra.

O Goiriz vence ao Friol B nun encontro de pouco ritmo (1-2). Nun encontro sen moito en xogo, o Goiriz comezou xerando máis situacións de perigo que se traduciron no marcador cun tanto de Héctor. O Friol B reaccionou e contou con varias ocasións de gol ata que logrou o empate por medio de Rober sobrepasada a media hora de xogo, cun bo tanto. No segundo tempo escasearon as ocasións, sobre todo ata o último tramo do encontro cando Nico estableceu o marcador definitivo.

Triunfo da Piringalla no último suspiro diante do Matela (2-1). No primeiro minuto de xogo Cristóbal puxo por diante á Piringalla cun tanto de cabeza a centro de Miguel. A confianza xogoulle unha mala pasada ao cadro capitalino e o Matela non deu o encontro por perdido nin moito menos. Os de Cuchi deron un paso adiante e xeraron numerosas situacións de perigo ata que Hugo acadou o empate nun man a man diante de Corrales. O segundo tempo non tivo moita historia ata que nun desconto moi prolongado chegou o tanto da vitoria para a Piringalla. Nun lanzamento de falta de Román, o balón tocou nun defensor e colouse na portería. O encontro rematou cunha tangana con varios expulsados.



Vinte minutos foron suficiente para que o Rioaveso certifique o play off diante daComercial B (3-0). Nun campo en malas condicións polas adversas condicións metorolóxicas, o Rioaveso saiu mellor e foi quen de sentenciar o choque en só vinte minutos. Esteban Gil, Adrián e Javi Cruz lograron os tres tantos. A Comercial B tivo algunha ocasión que non logrou materializar e o conxunto local, no segundo tempo, contou con varias opcións para ampliar diferencias. Os de Asier Lozano certificaron a súa presenza na promoción de ascenso.

O Celeiro iguala co Cazás no día no que un cadete exerceu de capitán (1-1). O futuro está asegurado en Trasvías. Aarón, xogador de tan só quince anos, saiu no once inicial e exerceu a capitanía no cadro local. Un xogador xa con galóns nun Celeiro que rachou a súa mala xeira cun empate diante do Cazás, nun encontro intrascendente a nivel clasificatorio. A primeira metade foi de dominio local. O Celeiro contou con ocasións para adiantarse que non aproveitou. O Cazás entrou mellor no segundo tempo e Lois transformou un claro penalti. Tivo ocasións o cadro chairego pero foi o Celeiro quen logrou o empate por medio de Xavi, que batiu a Fernando cunha boa vaselina.

grupo sur

Un serio Santa Comba vence ao Páramo, que non pode festexar o campionato (2-1). Segunda derrota do curso do Páramo, que terá que xogarse o primeiro posto fronte ao Rubián na última xornada. O Santa Comba saiu ben ao partido e Jorge fixo o primeiro para os locais. Antes do intermedio Julio igualou para un Páramo que buscou darlle a volta ao marcador no segundo tempo, aínda que sen xerar demasiado perigo. No último tramo do encontro, novamente Jorge, cun bo tanto, fixo que os tres puntos quedaran no Tras do Novo.

O Rubián golea ao Taboada B e soña co campionato (4-0). Encontro de clara superioridade local, pero no que lle costou abrir o marcador. A defensa visitante raiou a boa altura ata que Ribi fixo o primeiro á media hora de xogo. No segundo tempo dous tantos de Víctor e un de Armesto sentenciaron un encontro no que o Rubián gozou de ocasións para que o marcador fora máis amplo.

O Sober vence no derbi ao Río Sil cun estelar Martín (3-1). Triunfo importante para os de Iban Lagoa nun encontro de rivalidade e co terceiro posto en xogo. Na derradeira xornada Sober e Corgo disputaranse rematar nesa posición. O encontro comezou cun Río Sil máis entonado. Os visitantes lograron adiantarse no marcador cun tanto de Aarón logo de varios rexeites na área. Os locais non se viñeron abaixo e amosaron a imaxe de conxunto fiable na casa. Martín, cun bo testarazo, igualou o marcador e David Piñeiro fixo o segundo para o Sober antes do descanso. Nada máis comezar o segundo tempo un centro de Brais rematouno Martín ao fondo da portería cunha espectacular volea. Non pasou apuros o Sober nos últimos intres cando o Río Sil arriscou n procura do empate e mesmo puido ampliar diferencias.



O Corgo non erra na súa visita ao Monterroso B e segue na pelexa pola terceira praza (1-3). Co play off xa no peto desde fai varias xornadas, os de Abel Rochela queren a terceira praza. Para eso deberán gañar ao Sober na derradeira xornada ligueira. O encontro no Anexo a Cerdeiriños foi de claro dominio visitante. Fer adiantou ao Corgo cun bo tanto no primeiro tempo e puxo terra de por medio xa no segundo. O filial monterrosino viuse ferido no seu orgullo e gozou dos seus mellores minutos. Pablo recurtou diferencias tras aproveitar un balón solto na área. No mellor momento dos de Javitxu, un erro na saída de balón propiciou o terceiro tanto do Corgo.

O ‘set’ do Chantada Atlético no gran día de Nico (6-3). Moitos goles e pouca intensidade nun encontro sen interés clasificatorio. O Chantada Atlético B foi mellor, aínda que o resultado pode considerarse abultado para o visto no terreo de xogo ao longo dos noventa minutos. Os erros defensivos do conxunto sarriao propiciaron que os chantadinos puideran gañar con comodidade. O gran momento da xornada tivo lugar cando Fede, técnico da Sarriana B, deu entrada no campo a Nico, porteiro do club con Trastorno do Espectro Autista e Trastorno de déficit de atención e hiperactividade. O deporte, amosou unha vez máis, que é unha ferramenta dun valor incalculable para sobrepoñerse ás adversidades, tal e como fai Nico. O gardameta é un exemplo de superación no día a día o que o levou a poder debutar no fútbol afeccionado.

O Relámpago Taboada vence ao Bóveda cun porteiro improvisado (4-2). Nin a feira do viño de Chantada nin a falta dun porteiro foi obstáculo para un Relámpago Taboada que soubo sobrepoñerse ás adversidades. Migueliño puxo os guantes e foi decisivo ao longo dos noventa minutos. Moitas alternativas nunha primeira metade que comezou dominando o cadro local. Cristian Cabomarcou en dúas ocasións e Michel fixo o propio para igualar o marcador antes do descanso. No segundo tempo, Moure fixo o terceiro para o Relámpago de penalti e Braian sentenciou a falta de media hora para o final.

A penúltima xornada, o gran día de Nico

O regreso de Cadra, o Roupar segue

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *