#Fútbol afeccionado #Entrevistas #Terceira RFEF

Fernando Cuadrado: «Nótome unha peza bastante fundamental»

Fernando Cuadrado é un dos grandes dianteiros do fútbol lucense. Este ano aterrou na Ribela despois dun exitoso periplo polo Racing Villalbés. O seu olfacto goleador quedou patente na pasada xornada, onde os de Jorge Cuesta venceron cun gol do ariete lucense no tempo extra. Por este motivo, entre outros, quixemos dar voz ao dianteiro da Sarriana nos micrófonos de Radio Lugo Cadena Ser.

O noso redactor Diego Díaz e o presentador da Cadena Ser Alex Gato, exerceron de mestres de cerimonias dunha entrevista que nos deixou reflexións ben interesantes.

Pódese escoitar a nosa participación íntegra aquí (ademais, analizamos as citas sobranceiras da fin de semana no fútbol estatal feminino, na Segunda e Terceira RFEF e a Preferente como cada xoves).

Nas próximas liñas resumimos todo o que conversamos con Fernando Cuadrado. Desde o gol na prolongación ata o seu papel na Sarriana, falando tamén do seu paso por varias das mellores canteiras do panorama nacional ou a orixe do seu alcume.



Gol na prolongación e vitoria balsámica. «Sabiamos que era un encontro bastante importante. Levabamos unha ‘rachiña’ bastante mala. Botamos 3-4 partidos sen gañar e pensabamos que nos iamos meter no baixo da táboa. Ese ‘goliño’ e eses tres puntos, mantennos arriba e permítenos seguir soñando con cousas».

Obxectivo ata final de tempada? «O obxectivo real é o de inicio de tempada: salvar a categoría. Somos un recén ascendido e hai bos equipos e xogadores na categoría. É verdade que hai un mes nos viamos rozando o play off. Baixamos posicións pero o equipo está tranquilo. Os tres puntos contra o Betanzos fixéronnos moi ben a nivel mentar para estar máis relaxados. O obxectivo realista é salvar a categoría e logo loitar polo mellor posible».

Cuadrado, clave na Sarriana? «Estou moi contento co equipo, xogadores, corpo técnico, directivo. É unha familia e adestramos moi ben. Temos moito compromiso co club. Coñezo moita xente coa que xa tiña xogado… O dianteiro vive un pouco dos goles é meter goles sempre é bonito e bo. Nótome unha peza bastante fundamental do equipo».



Cuadrado, xogando co filial do CD Lugo, no Anxo Carro

O paso polas canteiras de Celta, Alavés e Lugo. «É complicado diferenciar cada unha das casas. No Celta fun moi novo, estiven dos 13 aos 20 anos. Vin pasar moitos xogadores, como Joselu o do Real Madrid. Tiven a ese ídolo cerca. Manteño moito contacto coa gran xente que pasou por alí. No Alavés; quédome co bo recibimento que tiven, a cidade preciosa, costumes… A cidade deportiva era unha marabilla. No Lugo quédome co feito de defender as cores do equipo da miña cidade. Aquí coincidín con grandes xogadores e persoas. A día de hoxe varios son dos mellores amigos que teño».

Que faltou para ver a Cuadrado un chanzo máis arriba no fútbol? «Non sabería moi ben como contestar. Eu fago sempre o mesmo: adestrar o máximo, xogar o mellor que sei e ser unha persoa normal e traballadora fóra do campo. A vida levoume a onde estou agora e estou contento coa situación na que estou».

Os alcumes de Alex Gato. «O alcume que teño é John Cuadretti. Non sei en que momento saíu. Daquelas estaba de moda a canción de John Guidetti, o xogador do Celta. Un día pola noite, soando esa canción, a xente comezou a gritar John Cuadretti en vez de John Guidetti».

Xogador e mestre. «Na Terceira Galega case todos os equipos adestran pola noite, nós en Sarria facémolo ás 20:30 horas. A compatibilidade é boa. Ao final o traballo de mestre é de mañás. Teño toda a tarde libre para facer cousas do traballo, preparar as clases… E prepararme tamén mentalmente e fisicamente para ir ao adestramento. Así libero a mente para facer o que máis me gusta: xogar ao fútbol. Ás veces os luns dinme no colexio se gañei, marquei ou non. Encántame transmitir esa paixón polo fútbol aos rapaces do colexio».



Fernando Cuadrado: «Nótome unha peza bastante fundamental»

A penúltima xornada, o gran día de

Fernando Cuadrado: «Nótome unha peza bastante fundamental»

A derradeira xornada de Terceira Galicia, partido

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *