Borja Mella marcou tres goles na vitoria do Sanci ante o Roupar. O capitán Mella mantén o seu olfacto goleador e acumula 10 goles na tempada. Cris foi crucial na vitoria do Abadín en Cospeito parando un penalti nos últimos intres. O Incio é a revelación do 2024 gañando cinco de seis partidos. Todo despois dunha 20ª xornada na que Jesse foi cesado no Lemos B e Fernando Corredoira deixa o San Roque para adestrar ao Castro na Preferente.
Vinte xornadas en ‘O Noso 11 A Chaira’:
- Equipos que máis gañaron: Pastoricense (15 vitorias)
- Equipos que menos perderon: Pastoricense (un partido)
- Equipo que máis puntuou: Pastoricense (49 pts.)
- Equipo que máis goles marcou: Oural (54 goles)
- Equipos que menos goles encaixaron: Pastoricense (14 goles)
- O rei do empate: Xermade (10)
- Máximo goleador: Mario Puerta – Oural (20 goles)
- Tendo en conta as seis xornadas de 2024…
- Gañou os seis partidos: Brollón.
- Futbolistas na mellor xeira goleadora: Borja Mella do San Ciprián, Isma do Brollón, Ospina do Oural, Maza do Lemos B, Sergio ‘Pollo’ do Quiroga (5 goles)
- Equipos menos goleados: O Pastoricense e o Brollón (tres goles)
- *Oural e Friol non participan no reconto referido aos partidos ao ter un pendente de xogar
O Pastoricense suma unha volta sen perder
O club da Pastoriza continúa no máis alto da zona norte. Logrou a 15ª vitoria da tempada. Sumou o cuarto triunfo seguido ante o Xermade (3-0), o único equipo que conseguiu gañarlle (e tamén eliminalo da Copa Deputación). Acumula quince encontros sen perder. Ten 49 puntos; catro de marxe sobre o Iberia (próximo rival) e o Racing B.
Pola súa parte, o Xermade perdeu nos últimos partidos a regularidade que lle estaba caracterizando neste curso. Acumula dúas derrotas seguidas, leva catro en total. Distánciase unha miga máis do 5º posto; queda a sete puntos.
O conxunto xermadés gozou da primeira oportunidade de gol do encontro, pero parouna ben Carlos. A partir de aí, o Pastoricense dominou, estivo intenso e xerou xogo polas bandas, especialmente pola dereita. Por aí chegou o primeiro tanto, nunha acción entre Diego e Manu Penedo que finalizou o lateral. Para o segundo gol aproveitáronse da velocidade de Kanu.
No segundo tempo, a sentencia do Pastoricense chegou no tramo final de encontro. Saavedra sacou unha falta lateral que rematou Cristian.
O Iberia corta a xeira, pero tampouco perde en 2024
Só dous equipos na zona norte non coñecen a derrota neste ano. O Pastoricense e o Iberia. Aínda que o equipo de San Miguel de Reinante rompeu a xeira de cinco derrotas seguidas. Empatou na súa visita ao Folgueiro (1-1, encontro xogado no Anexo de Xove). Mantense segundo con 45 puntos, empatado co Racing B e a catro do líder (próximo rival nas Valgas).
O Folgueiro segue na 5ª posición. As derrotas do Sporting Pontenova e do Xermade, permítenlle incluso incrementar lixeiramente a vantaxe cos perseguidores. Ten sete puntos de diferenza.
Foi un encontro moi desputado no que calquera puido gañar. Ao Folgueiro anuláronlle un gol na primeira parte. Máis tarde, atopouse cun bo Alonso baixo paus. Prieto, Pisco ou Samuel tiveron os achegamentos para o Iberia.
No segundo tempo, foi o Folqueiro quen se adiantou no marcador por medio de Kiños. Ao pouco, Franchi empatou nun contragolpe. O segundo gol puido chegar para calquera lado, pero ambos porteiros amosáronse moi seguros.
O Racing B volve ao camiño do triunfo
Logo de dúas derrotas seguidas, o filial racinguista superou a domicilio á Comercial (0-2). Os pupilos adestrados por Iván Lamas suman a 14ª vitoria da campaña e alcanzan os 45 puntos. Quedan a catro do líder.
A Comercial non puido dar un impulso para tratar de achegarse a postos máis altos. Queda con 25 puntos na 9ª posición. Os postos de promoción están a dez e o descenso directo tamén a dez.
O Racing Villalbés B tivo unha maior efectividade ante unha Comercial que o tentou pero non logrou rebasar a portería rival. Joshua estivo ben baixo paus. Gabri Blanco marcou os dous goles do partido. O atacante de Burgás suma 13 goles.
O primeiro tanto foi de penalti na primeira parte. Na segunda, o Racing seguiu dominado e tivo o control. Marcou o segundo Gabri tras un pase de Samu. Na recta final chegaron con máis insistencia os locais, pero sen éxito.
Mella marca un hat-trick e o Sanci volve gañar na Veiga
Logo de tres partidos sen conseguir a vitoria como local, o San Ciprián venceu ao Roupar (4-1) e regresa á 4ª praza da táboa. Conta con nove puntos de diferenza con respecto ao 6º e ao 7º. Está a oito do Racing B e do Iberia.
O Roupar rompeu a xeira de tres partidos puntuando. Volve á última posición nunha xornada na que todos os seus rivais sumaron. Queda a tres puntos de poder saír do descenso directo. O sábado vivirá un duelo moi importante contra o Mondoñedo.
Os locais puxéronse cedo cun 2-0. Tiveron a efectividade que lle costaba ter nos últimos encontros. Marcharon ao descanso cun 3-0. No segundo tempo, o Roupar foi quen de meterlle algún susto, aínda que só puido marcar de penalti por medio de Nando.
O partido non perigou para os locais que na recta final sentenciaron co terceiro tanto de Borja Mella. Nunha época no que o apelido Mella soa con forza no fútbol galego, o dianteiro de San Ciprián tamén defende o seu no seu equipo de sempre. Xogou 19 partidos de 20 que van na liga. Suma dez tantos no que vai de curso. Os últimos cinco marcados en 2024.
O Mondoñedo gaña tres meses despois no regreso de Iván Croa
O cadro mindoniense rompeu a mala traxectoria cun triunfo importantísimo ante o Sporting Pontenova (2-0). Non gañaba dende finais de novembro. É a cuarta vitoria do curso. Suma quince puntos, é penúltimo; pero empatado co Muimenta que é antepenúltimo. Vitoria clave antes de xogar o próximo sábado en Roupar.
Pola súa banda, o equipo pontenovés suma catro xornadas sen gañar. Mantense na 6ª praza e queda agora a sete puntos do posto de promoción de ascenso.
Aos locais saíulles o seu plan de partido á perfección ante un Sporting Pontenova que non estivo á altura. Os pupilos preparados por Isra conseguiron marcar moi rápido. Javi anotou por segunda xornada seguida. O Mondoñedo defendeuse moi ben e apenas houbo ocasións no primeiro tempo.
Non variou moito o devir do xogo no segundo acto. Os locais aproveitaron para marcar o segundo por medio de Vázquez e xestionaron o resultado. Ademais dos tres puntos, o cadro mindoniense ten outra boa nova. Regresou Iván Croa. O central estaba sen xogar dende hai uns dous anos e xa aportou aos seus dende o primeiro minuto.
O Cabreiros mantense invicto en 2024
O cadro da Acea é oitavo logo de empatar coa Candelaria (1-1). Suma catorce puntos de dezaoito posibles no novo ano. Está a nove do 5º posto e ten once máis con respecto ao descenso directo. A diferenza coa Candelaria é de oito puntos. Pola súa parte, o club da Rúa ten tres de marxe co penúltimo posto.
A Candelaria comezou defendéndose ben e colleu nun desaxuste defensivo aos locais. Bruno aproveitou un rexeite para poñer por diante aos seus nun primeiro tempo, onde os acercamentos do Cabreiros non se transformaron en gol.
Os locais foron a pola igualada na segunda metade. Insistiron ata que Chema marcou o empate. O Cabreiros aumentou o volume de ocasións para remontar. Joan ou o propio Chema puideron marcar. Rocky tivo a ocasión da Candelaria nun man a man.
O Alfoz suma un novo punto para a hucha
Punto a punto vai o Alfoz intentando non pasar apuros ao final de liga. Sumou o oitavo empate do curso ante o Muimenta (1-1). Continúa revalorizando o Municipal. Só a Candelaria e o Racing B foron capaces de gañar alí.
O Alfoz é 10º con 23 puntos; oito máis ca o penúltimo clasificado e ca o Muimenta. O conxunto celeste queda igualado coa zona de descenso directo.
O encontro estivo condicionado especialmente no primeiro tempo polo vento. O Alfoz meteu máis ao cadro visitante no seu campo e xerou perigo, principalmente a balón parado.
Con todo, o gol local non chegou ata a segunda metade. Precisamente por medio da pelota quieta. O Muimenta conseguiu empatar por medio de Jesús nun desaxuste defensivo local.
O Abadín arrima ao Cospeito á zona media baixa
O conxunto dirixido por David Lorenzo logrou a vitoria pola mínima na Fonte ante o Cospeito (0-1). Os tres puntos dánlle aire a un Abadín que levaba sete encontros sen gañar. Queda con catro de diferenza co descenso directo e pode meter a un rival máis na pelexa pola salvación. O Cospeito ten tres puntos máis que o Abadín, pero co gol average perdido (na primeira volta xa gañara tamén o Abadín).
Non entrou ben o Cospeito. Os pupilos de Luis Romay estiveron precipitados e abusaron do xogo directo. A mala sorte volveu aparecer en forma de lesión. Na última xogada do primeiro tempo, o dianteiro Jose Teijeiro tivo que retirarse por problemas nun xeonllo.
No inicio do segundo tempo, marcou o Abadín nun córner por medio do capitán Regueira. Logo, os locais tentaron a igualada. Dominaron e tiveron ocasións. Sen dúbida, a mellor oportunidade foi no tempo extra. Xoán provocou un penalti, pero Cris paroulle o lanzamento. O porteiro converteuse así no gran protagonista do encontro, tras xa amosarse seguro ao longo dos noventa minutos.
A Candelaria é 13ª con dezaoito puntos. O Muimenta ocupa a antepenúltima posición con quince. En descenso directo están o Mondoñedo (15 pts.) e o Roupar (12 pts.).
O máis interesante da xornada que vén (quedan 30 pts.)
- Roupar – Mondoñedo (sáb. ás 16:30h no Novo)
Xogan os dous equipos que ocupan posicións de descenso directo. Sobra dicir que a vitoria é moi importante para ambos. O que máis ten que perder é o Roupar que ten tres puntos menos. Na primeira volta, o Mondoñedo gañara 3-0, polo que ten vantaxe para facerse co gol average. Vázquez será unha baixa notable nos visitantes; cumpre sanción por acumulación de amonestacións.
- Xermade – Cabreiros (sáb. ás 16:30h no Municipal)
Derbi do concello de Xermade ao que chegan separados por dous puntos e con dinámicas contrapostas. O Xermade perdeu a regularidade que agora atopou un Cabreiros que non perde en 2024. O Xermade ten o 5º posto a sete puntos e o Cabreiros teno a nove. Oli cumpre sanción no Xermade e Sergio Díaz no Cabreiros.
- Iberia – Pastoricense (sáb. ás 17:00h nas Valgas)
O segundo clasificado recibe na casa ao líder. Catro puntos de diferenza. Son os únicos equipos do grupo que non perderon en 2024. Poucos máis alicientes fan falta para un partido ca saber que o resultado na primeira volta foi de 0-0. Polo que o gol average tamén está en xogo.
As inundacións deixan pendente o Oural – Friol
O Oural mantén o liderado sen xogar. O encontro que se ía desputar o pasado domingo entre o equipo sarriao e o Friol foi suspendido. A auga acumulada no Luis Pallín era moita tras unha intensa xornada de choiva en toda a provincia.
Ambos equipos presentáronse e o árbitro suspendeu o encontro ao ver o estado do campo. Dende o club local, apuntan a que o nivel de auga comezou a subir a primeira hora da tarde. Agora o partido semella que vai quedar para o festivo 1 de maio (un mércores). Daquela quedarían tan só dúas xornadas para rematar a liga.
O Brollón mételle presión ao Oural
Sexto triunfo en 2024 para o Brollón. Alcanza os 44 puntos e aproveita a suspensión do Oural para colocarse a tan só un do líder. Acumula once vitorias consecutivas. Nove na liga (incluído o partido pendente xogado co Becerreá ás portas do Nadal) e dous na Copa Deputación.
Venceu ao Paradela (1-0) cun tanto do capitán Miguel Casanova. O Paradela é 10º, a dez puntos da promoción e doce por riba do descenso directo. O cadro preparado por Rubén Bergantiños acudiu moi escaso de efectivos, tan só doce xogadores.
O encontro estivo condicionado polo estado do campo. Houbo moito xogo directo, de pelexa e contacto. Pouco a pouco, os locais chegaron con máis claridade. Castañer e Bertín puideron poñer por diante ao Brollón.
No segundo o tempo, o Brollón levou máis a iniciativa. De novo, Castañer e Isma puideron marcar. Miguel deulle a vitoria aos seus ao aproveitar un rexeite tras unha xogada a balón parado. O Paradela apenas tivo opcións de poder empatar.
O Becerreá tamén lle mete presión ao Oural antes de verse
Seis partidos seguidos na liga leva o Becerreá sen coñecer a derrota. Suma catro triunfos consecutivos. Venceu pola mínima ao Palas (0-1) e aproveitou que o Oural non xogou para colocarse a dous puntos. E ollo porque este sábado o Oural visita Becerreá.
Coa derrota, o Palas é oitavo con 26 puntos. Momentaneamente está a nove do play off. E con distancia e equipos suficientes para non pasar apuros. Ten o seu dobre-dobre: 18 goles marcados e 18 goles encaixados. A pesar de perder, é o menos goleado do seu grupo.
Na primeira metade, o Palas tivo un man a man de Tene que parou o porteiro visitante. O Becerreá puido marcar a balón parado, xa que a pelota petou no poste.
No segundo acto, o cadro visitante púxose por diante por medio dun centro lateral que rematou Higi. A partir de aí, os locais tentaron igualar. Puideron facelo nun córner, pero tampouco gozaron de moitas oportunidades.
O San Lázaro gaña e quítalle opcións ao Ferreira
O encontro entre o San Lázaro e o Ferreira era un dos grandes duelos da xornada na parte alta. O cadro capitalino venceu pola mínima (1-0) e asenta a súa posición de play off. É cuarto con 38 puntos e queda con oito máis ca o seu rival.
Na primeira metade, o Ferreira tivo a oportunidade máis clara para poñerse por diante. O capitán Borja ‘Pipa’ parou un penalti. O partido non se desequilibrou ata a recta final. Foi por medio de Yelko que marcou de falta directa para deixar os tres puntos para o San Lázaro.
O Antas gáñalle ao San Roque que perde tamén a Fernando Corredoira
Fernando Corredoira deixou de ser adestrador do San Roque sénior. O técnico fichou polo CD Castro de Preferente logo da saída de Rafa Casanova. O cadro de Montirón queda a cargo de Piru, que xa formaba tándem con Corredoira.
O cadro da Ulloa volve achegarse aos postos de promoción de ascenso. Venceu pola mínima ao San Roque (0-1). Ao non xogar o Friol, queda a dous puntos do 5º posto. Pola súa parte, o San Roque segue na zona medio baixa con nove puntos de marxe con respecto ao descenso directo.
O Antas adiantouse no primeiro minuto de xogo. Defendeu o resultado e tratou de saír a contra. O San Roque viu como lle anulaban un gol por fóra de xogo. Mellorou no segundo tempo pero non lle chegou para tentar a igualada.
O Incio é a revelación do 2024
Quince puntos de dezaoito posibles son os números que presenta o conxunto amarelo nos dous primeiros meses de ano. Os tres primeiros conseguidos aínda con Julio Corral e os restantes con Ruboi como preparador. Venceron por 3-0 ao Sporting Lucense. O club capitalino segue na última posición, a cinco de saír do descenso directo.
Os erros defensivos do Sporting foron aproveitados polo Incio. O cadro amarelo adiantouse por medio de Edu na primeira metade.
Tivo a oportunidade o cadro adestrado por Merino. Cristian, nova incorporación procedente do Guntín, tivo un man a man que parou ben Castro. Maicol e Weimar encargáronse de sentenciar o choque para o Incio.
O Quiroga mete ao Carballedo en descenso
O club quirogués sumou a segunda vitoria seguida. Tres puntos moi importantes ao tratarse dun duelo directo. Superou ao Carballedo (2-3). O Quiroga chega aos vinte puntos e queda con sete por riba do descenso directo, posto que ocupa agora o Carballedo. Ademais tamén queda ao seu favor co gol average.
O primeiro dominador foi o Carballedo. Álex puxo por diante aos seus que tiveron máis ocasións para incrementar a vantaxe. Á media hora igualou o Quiroga. A unha internada de Nacho pola dereita, seguiulle un centro que rematou Sergio ‘Pollo’. Fixo dano o gol e o Quiroga puido remontar antes do descanso.
No segundo acto, lesionouse Víctor Neira, o porteiro do Carballedo. O outro Víctor, xogador de campo, tivo que poñerse baixo paus. O Quiroga aproveitou a situación e marcou dous goles. Primeiro, tras un córner, anotou Cañero. Logo, volveu conectar a sociedade Nacho-Pollo e este fixo o seu dobrete.
Con todo, Álex recurtou distancias no 90 para completar o seu dobrete. E Roberto puido empatar nos últimos instantes.
jesse non segue no Lemos B logo de perder co FILIAL DO Chantada
José Antonio Vázquez ‘Jesse’ xa non é adestrador do filial do Lemos. O técnico que chegara ao equipo pasado verán foi cesado esta semana.
Segundo triunfo seguido do Chantada B. O filial da SD gañou en dúas xornadas máis ca gañara no que vai de liga. Terceira vitoria do curso que lle permite abandonar os postos de descenso directo. A semana pasada xa lle impediu ao San Roque escapar definitivamente da zona medio baixa e agora fíxoo co Lemos B. O filial lemista está oito puntos por riba do decenso directo.
Os pupilos dirixidos por Jorge González tiveron a posesión de balón. Con todo, o Lemos B trataba de saír rápido á contra. Nunha desas, puxéronse por diante grazas a Maza.
A primeira ocasión do segundo tempo foi tamén para o filial lemista. Adri salvou aos seus. Logo, o dono do partido foi o Chantada B. Remontou o resultado. Primeiro, por medio dun córner que rematou Diego; e logo, cun centro lateral que convertiu en gol Celso.
O Quiroga é 13º con vinte puntos. O Chantada B ocupa a antepenúltima posición con quince puntos. En descenso directo están o Carballedo (13 pts.) e o Sporting Lucense (10 pts.).
O máis interesante da xornada que vén (quedan 30 pts.)
- Friol – Brollón (sáb. ás 16:30h na Reigosa)
O baixón do Friol e o subidón do Brollón nas últimas xornadas impide que este sexa un partido aínda máis directo. Hai nove puntos de distancia entre eles. O Friol debe termar da súa condición de equipo play off e o Brollón mira con ambición ao liderado. O club dos Medos gañara pola mínima na primeira volta (1-0).
- Sporting Lucense – San Roque (sáb. ás 18:00h nas Gándaras)
Derbi capitalino coa mirada posta na zona media baixa. O Sporting Lucense precisa da vitoria para non perder comba cos equipos que o anteceden na loita pola salvación. O San Roque non quere pasar apuros e cun triunfo avanzaría na permanencia.
- Becerreá – Oural (sáb. ás 19:00h no Municipal)
Ao chegar o Oural cun partido menos, a diferenza tan só é de dous puntos. Ambos equipos saberán antes de xogar o que pasou no Friol – Brollón. O Becerreá tería a posibilidade de destronar momentaneamente ao líder. O gol average será outra variable a ter en conta. Na primeira volta gañou o Oural (2-1).