#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

O Páramo xa é de Segunda

Dous dos catro ascensos directos xa están definidos na Terceira Galicia. O Tres en Raia En Boas Mans desta xornada déixanos a festa do Páramo, que derrotou ao Relámpago Taboada nas Rapadas e xa é novo equipo de Segunda. Preto queda o Rubián, que gañou diante o Santa Comba e aproveitou o pinchazo do Sober.

No grupo norte Casás e Goiriz gañaron e manteñen a batalla polo segundo posto, polo momento con clara vantaxe para os primeiros. O Celta Barreiros, xa co traballo feito, empatou co Matela e aínda non é campión de xeito matemático.

grupo norte

O Celta Barreiros iguala co Matela en San Lourenzo de Aguiar (2-2). Encontro moi disputado no que o Matela foi mellor no primeiro tramo de partido, no que logrou adiantarse cun golazo de Maikel pola escadra. A falta de cinco minutos para o descanso Hugo transformou un penalti cometido sobre Iñaki, gardameta dos barreirenses que actuou como xogador de campo. Os últimos intres do primeiro tempo foron de dominio visitante. Nada máis saír de vestiarios o Celta Barreiros logrou adiantarse por medio de Edixon nun córner e desperdiciou varias ocasións claras. O Matela buscou o empate e incluso desperdiciou un penalti, pero Simao nunha contra moi ben levada empatou cun tiro desde fóra da área.

O Casás mantén seis puntos sobre o Goiriz tras vencer con apuros ao Cazás (3-2). A primeira metade rematou sen goles. O Casás tivo varias ocasións para adiantarse por medio de Brayan e Juan, pero non estiveron atinados. O Cazás, ben situados en defensa, contaron con ocasións á contra. Na segunda metade o gol fíxose de rogar. Tiveron que pasar vinte minutos para que Brais Pin adiantara ao Casás, pero non tardou Álex en empatar para os visitantes e Roberto deulle a volta ao marcador cun disparo desde o medio do campo. A falta de cinco minutos para o final prodúxose unha acción que marcou o encontro. O colexiado sinalou libre indirecto dentro da área do Cazás ao reter o porteiro o balón sete segundos, sen que antes fora apercibido. Sami disparou fóra, pero o colexiado mandou repetir e á segunda o balón rematou dentro da portería. A decisión foi moi protestada polo conxunto chairego que viu como o Casás acadaba os tres puntos cun tanto de Brais Pin no minuto 95.



O Goiriz vence no derbi ao Catro Roldas e mantén as esperanzas do ascenso directo (2-0). Partido igualado na primeira metade, cunha ocasión clara para cada equipo. Richi errou un man a man diante do porteiro visitante, mentres que o Catro Roldas nun saque de esquina obrigou a un defensor a sacar o balón sobre a liña. Á media hora de xogo Héctor puxo por diante ao Goiriz tras desfacerse do seu defensor. Ata o descanso, os de Cora foron mellores aínda que o marcador non se moveu. A segunda metade foi semellante á primeira. O Catro Roldas comezou mellor, pero non atopou o camiño do gol. O Goiriz medrou co paso dos minutos e contou con dúas boas ocasións para marcar, ata que á terceira chegou a sentencia, obra de Xoel ao definir un man a man diante do porteiro.

Rioaveso e Piringalla empatan sen goles nunha exhibición do gardameta Corrales (0-0) . Moito respeto entre ámbolos conxuntos nun primeiro tempo no que primou o medo a perder e onde apenas se viron ocasións claras de gol. No segundo tempo a Piringalla deu un paso adiante e o Rioaveso buscou as costas da defensa visitante. Os de Asier Lozano contaron cun man a man moi claro que detivo provindencial Corrales. O gardameta da Piringalla tivo unha actuación sobresaínte detendo máis ocasións dos chairegos. O cadro visitante contou cun par de ocasións en dous centros de Juan que Zas logrou rematar, pero non atinou a marcar.

O Castroverde golea a unha Comercial B en cadro (0-4). Encontro sen historia ao que o filial lucense acudiu con só once xogadores e unha desafortunada lesión os deixou con dez boa parte do encontro. O Castroverde adiantouse por medio de Samu, aínda que non era quen de xerar moitas ocasión de gol. No segundo tempo Felipe fixo o segundo ao rematar un córner e partir dese momento os de Fran Veiga melloraron o seu fútbol e xeraron un bo número de ocasións. A Comercial B non era quen de chegar con perigo á área rival e Felipe de novo e máis tarde López sentenciaron o choque para os visitantes.



O Celeiro volve á senda da vitoria e golea ao Friol B (4-0). Acusou as baixas o conxunto visitante en Trasvías, onde o Celeiro foi superior ao longo dos noventa minutos cun Dani Liz imperial no medio do campo. O cadro local adiantouse na primeira metade cun tanto en propia porta e na tras o intermedio non concedeu apenas ocasións de gol. Malia todo a sentencia non chegou ata o último cuarto de hora, cando o Celeiro logrou tres tantos, obra de Silva e de Xabi, en dúas ocasións.

grupo sur

O Páramo festexa o ascenso nas Rapadas (3-0). O Relámpago Taboada foi máis que un convidado na festa dos locais. Os de Diego Saborido, que ao igual que o Páramo, chegaban con moitas baixas, venderon cara a súa pel e foron moi superiores no primeiro tempo contando con ocasións nos primeiros intres para marcar. No segundo tempo, o Páramo gañoulle fisicamente ao rival e non tardaron en chegar os goles. Jose abriu a lata e Juan fixo o segundo. O Relámpago protestou a actuación arbitral ao longo de todo o partido ao considerar que lle anulou un gol válido e non sinalou un penalti ao seu favor. Perto do final, o gardameta Diego, como xogador de campo acadou o terceiro tanto. O Páramo rematou a xornada de celebración.

O Rubián vence un apretado encontro co Santa Comba e acariña o ascenso (3-2). Partido igualado, no que o Rubián foi mellor no primeiro tempo. Os de Senén López adiantáronse cun tanto de penalti. O Santa Comba empatou antes do intermedio por medio de Santi. Na reanudación David remontou para o Santa Comba e os de Richard reclamaron un penalti sobre Jaime que puido deixar o encontro decantado, pero o colexiado non o considerou punible. Xa co tempo cumprido Manu cun remate de cabeza fixo o empate e Geri transformou unha pena máxima, que tivo que repetir ata en tres ocasións, que lle deu tres puntos vitais ao Rubián.

A Sarriana B vence ao Sober e suma catro xornadas sen perder (2-0). O filial sarriao atópase no seu mellor momento da temporada e soña co play off. O Sober enterrou na Ribela as súas opcións de ascenso directo, nun encontro no que non atopou o seu mellor fútbol. A Sarriana B dominou o primeiro tempo, aínda que non atopou o camiño cara o gol. O dominio local seguiu no segundo tempo no que Adrián Baralla foi quen de abrir o marcador, que culminou Dani Vázquez a falta dun cuarto de hora para o final.

O Río Sil encarrila a súa presenza no play off tras vencer ao Bóveda (5-2). Primeira metade igualada na que o Río Sil tivo a posesión e o Bóveda saía á contra con perigo. Lay fixo o 0-1, pero en dous balóns parados o Río Sil deulle a volta ao marcador con tantos de Anas e Manu. O Bóveda non se veu abaixo e ao pouco de comezar o segundo tempo Mario igualou o partido. Os dous conxuntos tiveron ocasións para marcar ata que nunha desafortunada acción o gardameta visitante tivo que abandonar o terreo de xogo mancado nun ombreiro e foi trasladado en ambulancia ao hospital. Sen recambio na portería o encontro caeu do lado local que acadou tres tantos no último tramo, dous deles de Chomi.



Triunfo vital do Corgo diante dun Chantada Atlético moi enfadado coa actuación arbitral (4-2). Os de Abel Rochela tiveron que trocar o seu modelo de xogo sobre a marcha. O filial chantadino dificultou a súa idea de xogo e o Corgo non estivo cómodo nun primeiro tempo que rematou con empate. Tras o paso por vestiarios o cadro local buscou xogar en campo contrario e adiantouse nunha xogada ensaiada finalizada por Raúl. Nun erro defensivo Congui empatou de novo o encontro, pero o Corgo nos últimos vinte minutos desnivelou o marcador para o seu lado. O Chantada Atlético B amosou o seu malestar coa actuación arbitral ao longo de todo o partido ao non sinalar fóra de xogo que consideraban claro en varios goles do Corgo, así como ao non ver como penalti unha acción cando o marcador iba 3-2.

O Taboada B vence o choque de filiais fronte ao Monterroso B (3-1). O cadro local acadou tres puntos para escalar postos na clasificación fronte a un Monterroso B que quizais foi merecedor dun premio maior. Os de Javitxu saíron ben ao campo e contaron con ocasións para marcar. Sen embargo, foi o Taboada B o que abriu o marcador cun tanto de Sergio desde o punto de penalti. Pouco despois, nunha desafortunada acción da zaga monterrosina, Xavi fixo o segundo. Os visitantes recurtaron diferencias antes do intermedio cun tanto de cabeza de Isma. No segundo tempo, o Taboada B sentenciou o choque cun bo tanto de Xavi de forte disparo.

Foto de portada: Facebook SD O Páramo.

O Páramo xa é de Segunda

A marcha de Antón e os 3

O Páramo xa é de Segunda

Jony Lombardía (SD O Páramo): «Somos o

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *