O Tres en Raia En Boas Mans desta xornada de Terceira Galicia deixa ao Celta Barreiros a un só paso do ser equipo de Segunda. Un triunfo diante do Comercial B outórgalle aos de Rubén Acebedo o ascenso sen ter que mirar a outros campos. O Casás caeu diante do Matela e fai que o Goiriz se achegue á segunda praza. Para as restantes prazas de play off todos os equipos do grupo norte teñen opcións reais de clasificarse.
No grupo sur o Páramo venceu a un Corgo en boa forma e mantén dous puntos de vantaxe sobre o Rubián, que gañou con dificultades ao Monterroso B. O Sober malia sumar catorce dos últimos dezaoito puntos en xogo, perde opcións de aspirar ao ascenso directo. A diferencia do grupo norte, Rio Sil, Santa Comba e Corgo teñen encarrilado o seu posto na promoción, aínda que moitos conxuntos non dixeron a súa última palabra.
grupo norte
O Celta Barreiros vence en Trasvías e queda a un só peldaño da Segunda Galicia (1-2). Bo encontro o protagonizado por Celeiro e Celta Barreiros. Dous conxuntos que non renunciaron a nada e que caeu do lado visitante. Aos catro minutos, o Celta Barreiros púxose por diante. O debutante Joao serviu un bo balón ás costas da defensa e Javi Andina non errou diante dun David Louzao que tivo unha gran actuación. O cadro local presionou moi alto e os de Rubén Acebedo aproveitaron os espazos para xerar un bo número de ocasións. Tres man a man que desbaratou o gardameta. O Celeiro na primeira metade só creou perigo a balón parado. Na segunda parte, Mora trocou de estratexia e Xabi culminou unha xogada ben elaborada polo Celeiro. Co marcador igualado, o Celta Barreiros colleu a batuta novamente e Nico logrou o tanto da vitoria a quince minutos para o final.
O Matela remonta diante do Casás e mantén a esperanza do play off (4-2). Comezou mandando o Casás, no xogo e no marcador. En pouco máis de vinte minutos os capitalinos xa contaban con dous tantos a favor, ambos obra de Brayan, o segundo de penalti. Foi precisamente outro penalti o que meteu ao Matela no encontro. Santi Carballido recurtou diferencias desde os once metros e fixo que o cadro local amosara outra imaxe, logrando o empate antes do intermedio, obra de Simao. O segundo tempo foi de alternativas no xogo, aínda que foi o Matela quen levou o gato á auga preto do final. No minuto 87 Simao conseguiu darlle a volta ao marcador e xa no desconto un penalti cometido sobre o propio atacante transformouno Santi Carballido.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
O Goiriz venceu pola mínima ao Cazás nun encontro moi pelexado (1-0). Partido parello que decidiu un solitario tanto de Richi e no que non se viu un gran fútbol. Aos 25 minutos, unha boa triangulación entre David e Richi rematou co tanto deste último. Unha ocasión por cada bando no primeiro tempo foi todo o bagaxe ofensivo. No segundo tempo estivo cheo de disputas e falto de opcións de gol, froito dun bo posicionamento defensivo do Goiriz.
O Rioaveso rachou a súa mala xeira cunha goleada fronte ao Castroverde (4-0). Non mereceu tanto castigo o conxunto visitante, que comezou mellor e contou con varias ocasións moi claras para poñerse por diante. Dous balóns ao pao e un sacado sobre a liña por un defensor chairego foron as máis claras. Os de Fran Veiga voltaron a verse penalizados pola ausencia dun gardameta na convocatoria e o Rioaveso logrou adiantarse nun dos sus primeiros achegamentos por medio de Esteban Gil e antes do intermedio Pedro cun bo disparo puxo terra de por medio. A segunda metade foi parella, pero o Rioaveso cun bo plantexamento defensivo impediu chegadas con perigo do rival e sentenciou o choque preto do final con goles de Aleso e Mario.
Comercial B e Catro Roldas igualan nun disputado encontro (2-2). Primeira metade marcada pola lesión dun xogador local, que tivo que ser trasladado a un centro sanitario en ambulancia. O Catro Roldas tivo o dominio do encontro e Santi cun bo disparo desde preto de corenta metros adiantou aos chairegos. Nada máis comezar o segundo tempo, a Comercial B logrou igualar o encontro cun tanto de Borja. O Catro Roldas contou con boas ocasións para marcar, a máis clara nun lanzamento de Moha que se estrelou no longueiro. O que non errou foi Samu, que marcou por cuarta xornada consecutiva, logo dun barullo na área. Preto do final, Torito acadou o empate definitivo ao aproveitar un erro da defensa visitante.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
O Friol B vence a domicilio á Piringalla e apúntase á pelexa pola promoción (2-4). Encontro parello en canto a posesión no que o Friol B foi quen de xerar máis ocasións de gol. Maikel abriu o marcador pasado o primeiro cuarto de hora e Rober ampliou diferencias antes do intermedio. O segundo tanto deulle alas aos de Bruno Castro que gozaron dos seus mellores minutos. No segundo tempo a Piringalla saiu mellor de vestiarios e inquedou a portería rival, ata que recurtou diferencias gracias a un tanto de Fernando. O encontro entrou nun ida e volta que se saldou cun tanto para cada equipo. Maikel decidiu para o filial friolista a falta de un cuarto de hora para o final.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/02/16.png)
grupo sur
Dous tantos de Juan danlle ao Páramo un importante triunfo diante do Corgo (2-0). Quinta vitoria consecutiva do Páramo nun difícil encontro fronte a un Corgo que chegaba logo de tres triunfos. O partido non tivo moitas ocasións de gol. Juan puxo por diante ao Páramo tras aproveitar un despiste da zaga visitante. O Corgo non se sentiu cómodo co marcador en contra e non foi quen de desenrolar o seu fútbol. No segundo tempo, Juan sentenciou o choque cun tanto de penalti provocado por Julio. O Páramo controlou ben en defensa os últimos intres e non pasou apuros para sumar tres puntos que o achegan ao ascenso.
O Rubián non erra nun encontro difícil fronte ao Monterroso B (2-1). As defensas impuxéronse claramente aos ataques nun encontros escaso de ocasións de gol. O Monterroso B tiña claro que non quería perder e cedeulle o balón a un Rubián que contou con tres opcións para marcar. Nunha delas, o central monterrosino esvarou e Iván aproveitou para poñer por diante ao cadro local. No segundo tempo, o Monterroso B subiu liñas para buscar o empate, pero as opcións esvaecéronse a falta de vinte minutos nun penalti cometido polo gardameta monterrosino e que transformou Luzón. O Rubián amosou por que é o mellor equipo defensivo da competición e non concedeu ocasións a un Monterroso B que só recurtou diferencias de penalti, por medio de Balboa.
O Sober iguala no difícil campo do Santa Comba, pero afástase do segundo posto (2-2). A nove puntos da segunda praza queda un Sober que non saiu ben ao Tras do Novo. O Santa Comba aproveitouno e Jorge puxo por diante aos de Richard logo dun barullo na área. O Sober mellorou co marcador en contra e foi quen de darlle a volta ao marcador antes do descanso con tantos de Rodri e Martín. No segundo tempo os de Iban Lagoa comezaron mellor e estaban cómodos sobre o céspede, pero nun lanzamento de falta Jaime foi quen de empatar. Nos últimos intres, ámbolos equipos pelexaron por desnivelar o marcador, sen éxito.
O Río Sil golea sen piedade ao Chantada Atlético B (7-0). Non tivo historia o encontro na Carqueixa. Dominio desde o comezo do cadro local diante dun Chantada Atlético B irrecoñecible e que realizou o peor encontro da campaña. Catro goles no primeiro tempo deixaron o partido visto pra sentencia e a falta de reacción dos visitantes no segundo tempo fixo que o Río Sil rematara cunha goleada de escándalo. Anas, con tres tantos, e Manuel con dous foron os máis destacados.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/02/IMG-20240201-WA0010.jpg)
A Sarriana B vence ao Relámpago Taboada e encabeza o pelotón que pelexará polo play off (4-2). Primeira metade igualada na que o filial sarriao logrou adiantarse por medio de Ricardo e Moure empatou para un Relámpago que afrontou o encontro confiado logo do marcador colleitado na primeira volta. No segundo tempo a Sarriana B foi máis agresivo en ataque e Ricardo con dous tantos máis puxo en clara vantaxe aos de Fede Vázquez. O Relámpago, malia non facer un bo encontro, contou con boas ocasións para recurtar diferencias, pero non foi ata preto do final cando chegou o tanto visitante.
O Taboada B racha coa xeira de oito derrotas consecutivas diante do Bóveda (6-2). Tardou en chegar a vitoria, pero foi con goleada. Primeira metade de dominio local que se traduxo en goles. Os de Dani Ríos marcharon ao descanso con tres goles no peto cos que afrontaron con tranquilidade o segundo tempo. Elcoso moveu o banquiño no intermedio e o Bóveda acadou unha notable melloría. Logrou recurtar diferencias por medio de Ángel e contou con boas ocasións para apretar o marcador. Non foi posible e a desesperación provocou a expulsión dun xogador visitante. Nos últimos dez minutos o Taboada B completou a goleada.
Foto de portada: Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial.