Luchi e o seu Burela veñen de alcanzar esta semana a 2ª posición na Primeira Galicia. Luis Jose Salgueiro Gómez ‘Luchi’ dirixe por terceira tempada seguida o cadro da Marosa. Primando valores a posicións na táboa, Luchi pasou, da man de Futbolinlugo, pola síntonía do Ser Deportivos Lugo.
O conxunto preparado por Luchi foi, xunto co Chantada, o mellor equipo da categoría no mes de xaneiro. Ambos gañaron os catro partidos. O Burela acumula dez xornadas sen perder.

O primeiro posto semella estar definido para o Pol. Hai trece puntos de diferenza entre o 1º e o 2º. Quedan 42 puntos en xogo. Con todo, avecíñase unha bonita competición para entrar nos postos de play off (2º e 3º).
Agora mesmo os equipos que máis están metidos na pugna son o Burela (45 pts.), o Atlético Escairón (44 pts.), a SD Chantada (42 pts.) e o Chantada Atlético (40 pts.). Precisamente este domingo xogan o Escairón e a SD Chantada. Os equipos que rematen 2º e 3º xogaron unha fase de ascenso entre eles. Eliminatoria a dobre partido e o que pase, ascenderá á Preferente.


A Marosa acolle este domingo ás 16:30h o encontro entre o Burela e o Outeiro de Rei. O conxunto visitante vén de perder co Guntín pero anteriormente contaba cunha boa traxectoria de resultados. Ten 33 puntos, a once do play off e a doce do Burela.

O redactor de Futbolinlugo, Diego Díaz e a redactora de Radio Lugo Cadena Ser, Antía Montes conversaron con Luchi sobre a tempada. A continuación, deixamos o audio no que se pode escoitar a nosa participación. Ademais, como cada xoves, analizamos as citas sobranceiras da fin de semana.
Luchi: «Esta situación é unha ilusión»
Nas seguintes liñas resumimos as palabras de Luchi. O técnico viveirense non fala de posicións, pero si de deixalo todo no campo.

O traballo: «É a terceira campaña traballando xuntos. Está claro que o fútbol é dos xogadores. Dende o corpo técnico poñemos as ferramentas e algunha axudiña para darlles facilidades para que podan gañar».
A 2ª posición: «Ano a ano vimos que había posibilidades de mellora. Cada pretemporada demos un retoquiño e sabiamos que había capacidade para crecer. Para nós esta situación é unha ilusión, pero o noso obxectivo é facer un pouquiño máis grande o club e estamos niso».
O baixón da 2ª volta do ano pasado: «Tiñamos un cadro de xogadores máis curto e tivemos unhas cantas lesións. Todo iso pesounos. Ademais somos un equipo moi noviño. É verdade que agora os futbolistas teñen dous anos máis; é dicir, son dous anos máis veteráns. Xa saben de que vai a categoría, como se sufre fóra da casa e van gañando máis experiencia».

A canteira: «Cando falaron comigo a idea era facer un club recoñecible, que na idea de xogo participaran as categorías inferiores e os nenos se foran sentindo identificados co que ven o domingo na Marosa. Había que traer aos rapaces de Burela que estaban xogando fóra para xerar ese sentimento de pertenza que ten que ter un club. Na Mariña sempre temos problemas para convencer xente que veña xogar con nós. Convencéronme a min para levar este proxecto adiante e niso estamos. Persoalmente, moi contento».
Ofertas para Luchi: «Non sei quen petou á porta. Sei do meu traballo e do que facemos con Donato e con Suso. Somos moi intensos. Estamos en Primeira Galicia, pero entendemos que o fútbol é igual na categoría na que xogues. Tes que ter compromiso, esixencia, sacrificio e traballo. A partir de aí, é onde te vas colocar na táboa. Se tes un pouco de sorte, estarás máis cerca dos resultados e se tes menos traballo estarás máis lonxe deles. Un adestrador ou un xogador sempre digo que está onde quere».

A posición a finais de maio: «Quero estar na situación na que cando mire a cara ao vestiario perciba que pasaron cousas. Cando nos miremos entre nós e fagamos balance da temporada, nesa mirada ten que haber esa simbiose de «démolo todo». Se ti te comprometes a algo, tes que ir con todo ata o final. Hai diferentes momentos, hai que lidiar con todas as situacións e ser capaces de que os rapaces se sintan valorados. Tes que ser coherente co xogador. Dicirlle a verdade e predicar con ela».
Fotos empregadas: SD Burela