Este domingo comeza a temporada 23/24 na Preferente Norte. Será a última campaña coa estrutura tal e como a coñecemos. O próximo curso a categoría organizarase por criterio de proximidade sen ter en conta os límites provinciais.
Por exemplo, se o Club Lemos continúa na división é moi probable que sexa encadrado na Preferente da zona sur con equipos de Ourense e Vigo. Ata que iso suceda, imos centrarnos nunha campaña ilusionante para varios lucenses.
Serán catro os representantes lucenses. Xunto a eles trece conxuntos coruñeses e máis o Lalín. O calendario completo da competición podes consultalo aquí.
Os equipos que participan na categoría non cambian en gran medida a súa estrutura. De feito, os catro continúan cos mesmos adestradores cos que o curso pasado conseguiron os seus obxectivos.
O Ribadeo de Dani Moirón xa xogou competición oficial nesta pretemporada. Xogou os cuartos e as semifinais da Copa Galicia. Circunstancia que lle pode dar un plus para o inicio de liga.
O cadro ribadense rexuveneceuse neste verán. Mantén unha liña continuista á par que trouxo xogadores importantes como o máis maior dos Castrín que o curso pasado xogou na 2ª RFEF co Polvorín.
A aposta é clara por dar un paso máis. O modelo a imitar en canto a regularidade está no tramo final do curso anterior. Se é capaz de conseguir ese ritmo de resultados, o club pelexará por cotas altas.
Iniciará a liga precisamente cun derbi. A Residencia visita o Pepe Barrera tras facer un gran ano. A súa idea mantense practicamente intacta. Coas chegadas de Jorge Pereira ou Gonzalo Edrosa.
O obxectivo será a permanencia. Mellorar o feito o curso anterior será difícil.
O Castro non parecerá un recén ascendido. Boa parte do seu cadro de xogadores xa ten experiencia na categoría. Ao igual que o seu adestrador, Rafa Casanova, que xa librou ben batallas na división tanto como xogador e adestrador.
Comezan a liga nun campo mítico si fútbol galego, en Barraña. Fichaxes como as de Marino elevarán o nivel dun grupo que, unha vez conseguida a permanencia, pode aspirar a algo máis.
O Lemos volveu recuperar algúns xoves valores da canteira monfortina. O cadro preparado por Óscar Moure tratará de non pasar apuros e salvarse de xeito máis folgado posible.