#Primeira Futgal #Fútbol afeccionado

Arrinca a Primeira Galicia

A última Primeira Galicia tal e como a coñecemos dá hoxe o pistoletazo de saída. Por diante, 34 xornadas que prometen sorpresas e moita emoción. Na V Guía Futbolinlugo podedes consultar os cadros de xogadores dos 18 equipos participantes nesta categoría, así como unha análise exhaustiva dos seus obxectivos para esta 23/24.

Os que levamos tempo no mundo do fútbol sabemos que as quinielas das nosas cantinas xa botan fume. Quen ascenderá á nova Preferente e quen xogará Play-Off? Que equipos loitarán por evitar o descenso?

Na zona alta estarán, presumiblemente, conxuntos como o Pol, o Atlético Escairón, o Foz, o Santaballés, o Outeiro de Rei, o Portomarín, o Burela ou calquera dos dous representantes da Vila do Asma, SD Chantada e Chantada Atlético. Moito candidato para pouca praza nesta oposición, na que cada un aplicará as súas técnicas.

Fernandito buscará o seu segundo ascenso á Preferente como adestrador, pero neste caso nun Pol ao que lle arrebatou o éxito hai dous anos. O seu ex-equipo, o Portomarín, buscará facerse forte na casa e soñar, pero cos pés no chan. Na Mariña, o Burela respaldarase no seu vistoso xogo para sacar os máximos puntos posibles, mentres que o Foz tirará de veteranía e experiencia para tratar de regresar á Preferente.



Os chairegos de Santaballa suman á causa a un adestrador formado, Freire, que procurará loitar por todo na competición regular, ao igual que o novo técnico do Outeiro de Rei, Adri Vázquez, que poñerá a súa experiencia ao servizo dun clube con varias caras novas pero que sempre está á altura das expectativas. No sur da provincia, o Atlético Escairón quere devolver ao Saviñao á Preferente o antes posible, pero na veciña Chantada tamén son ambiciosos. Tanto a SD como o Atlético conformaron cadros de xogadores chamados a despuntar na categoría, ademais de estar ben dirixidos en ambos casos.

Josito Jul é o novo míster dun Monterroso que pode ser un dos «tapados» da categoría.

Lembren, un ascenso directo e dous equipos que disputan Play-Off para, a priori, nove candidatos. Iso se non se colan na festa conxuntos como Taboada, Monterroso, Lourenzá ou Xove, que non queren pasar apuros pero xa teñen demostrado a súa capacidade competitiva nos últimos cursos.

Na zona baixa, varios conxuntos loitarán por manter a categoría. Os recén ascendidos Milagrosa, Guitiriz, Guntín e Meira levan xa un mes traballando para chegar fortes ao inicio de temporada e non facer contas na recta final. Con eles, o Riotorto terá que reinventarse un ano máis para evitar o descenso. Os que rematen nas 3 últimas prazas competirán a vindeira campaña na Segunda Galicia, iso se non aparecen arrastres de última hora.



Porén, se algo nos ten demostrado a categoría nos últimos anos é a igualdade que se vive en cada partido. Calquer rival pode «pintarlle a cara» aos favoritos, e os obxectivos poden ser moi diferentes en xaneiro, mediada a competición. Polo de pronto, senten e disfruten do espectáculo. Comeza a Primeira Galicia.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *