O pasado domingo presentábase como un día ilusionante no sur da provincia, pois a SD Chantada e o Atlético Escairón comezaban os playoff de ascenso á Preferente Galicia: os de Traste recibían ao histórico Flavia no Sangoñedo, mentres que o equipo dirixido por Montoto viaxaba ata o feudo do Eume Deportivo nos cuartos de final da promoción.
Ambos conxuntos chegaban a esta fase final da temporada con moita ilusión e ambición: o bo traballo realizado durante todo o ano manifestouse coa clasificación para os cuartos de final loita polo salto de categoría, oito equipos de A Coruña e Lugo pelexarían por un único posto na Preferente Norte a vindeira campaña.
Porén, o desenlace foi amargo para os dous clubes lucenses. O Atlético Escairón caeu de forma contundente en Pontedeume (3-0) nun partido no que recibiu un excesivo castigo por dez minutos de desconexión. O choque estivo moi igualado no seu primeiro tempo, con chegadas por parte de ambos equipos e no que os porteiros se erixiron como os sobranceiros da tarde. Denis perdoou por partida dobre ante o gardamallas local, mentres que Ávila mantivo aos do Saviñao con vida con dúas grandes intervencións.
Preto do descanso, un gran control e un bon disparo logo dun centro lateral por parte do extremo esquerdo locatario traduciuse nun 1-0 que pesou moito ao Escairón no comezo do segundo tempo. Un Eume máis intenso e decidido sentenciou o choque en dúas accións a balón parado, 3-0 no minuto 53′. Pese a que os nosos procuraron reducir diferenzas, os locais tiraron de oficio e deixaron sen opcións a un Atlético Escairón que, pese á derrota, ten que estar moi orgulloso da campaña que asinou.
Aínda máis cruel foi o desenlace no Sangoñedo para unha SD Chantada que demostrou ser mellor que o Flavia nos 120 minutos de xogo, pero que caeu desde o punto fatídico logo dunha eterna tanda de penaltis. Os locais pecaron de inexperiencia nun primeiro tempo no que os nervos foron os protagonistas, e un conxunto rival máis veterán aproveitou unha acción illada nun centro lateral para facer o 0-1.
Foi precisamente o gol do conxunto padronés o que desatenazou aos chantadinos, que comezaron a xerar ocasións e puideron empatar antes do descanso por medio de David ou Alberto. Xa na segunda metade, os locais tomaron o mando absoluto do xogo e acumularon numerosas ocasións, ata que Javi provocou un penalti que transformou Kadete para empatar a contenda.
Tras o 1-1, o dominio local foi total. O Flavia centrou os seus esforzos en defender as acometidas da SD Chantada, pero o balón non quería entrar, polo que se chegou á prórroga. Tirando de épica, os do Sangoñedo estiveron a piques de anotar o 2-1 no 117′, pero Pablo errou o seu disparo e serían os once metros os que decidisen a eliminatoria. De novo tiveron a súa opción os locais, pero erraron o quinto penalti que lles daría a clasificación e, xa na morte súbita, outro erro local no 16º lanzamento supuxo a eliminación dos lucenses que, pese a iso, teñen que sentirse moi orgullosos da temporada realizada.