#Fútbol afeccionado #Feminino

O Antas estréase a domicilio, o Lugo vense abaixo co líder

Papeis cambiados na Primeira Galicia. Esta vez a cara foi para o Antas, que rubricou un grandísimo partido en todas as liñas ante un rival moi combinativo e superior. O bo traballo defensivo serviulle ás do Castro Seoane para intentar non pasar apuros. Aínda que as locais se adiantaron no marcador tras unha xogada colectiva. Nuria igualou de novo a contenda nun disparo de longa distancia.

Na segunda metade o Antas seguiu a mostrarse moi sólido e contundente defensivamente, sen conceder ocasións. Ademais aproveitou un contragolpe, cun bo pase de Nuria, que chegou a Paula Méndez; para que esta picase o balón por riba da gardamallas do Victoria FC B. Un gol que supuxo o primeiro triunfo a domicilio para as de Dani Abelairas. Un triunfo labrado na contundencia de todas as futbolistas e o fenomenal traballo de Iria baixo paus.

A cruz tocoulle ao Lugo. E vaia cruz! Dolorosa goleada no día clave, no que pretendía asaltar o liderado. O Sárdoma B, primeiro clasificado, deu un golpe sobre a mesa cun contundente 5-0 ante as albivermellas. Unha derrota merecida cun resultado inxusto. As de Joaquín Blanco perderon máis balóns dos que acostuman e as viguesas aproveitaron cunha eficacia maiúscula as contras que as capitalinas concederon. As locais case non erraron acercamento algún. Todo o contrario que o Lugo, que desperdiciou ocasións claras diante da porteira rival. En resumo, unha tormenta perfecta en contra dos intereses albivermellos. O primeiro posto queda a catro puntos (co seu consecuente golaverage perdido co filial do Sárdoma).

jenny lidera a remonta do san lázaro, ana lamas eríxese na raíña do balón parado

O San Lázaro xa sabe o que é remontar un partido na Segunda Galicia. E non o fixo ante calquera. O cadro de Luchi deulle a volta a un 0-2 en contra ante o sempre complicado Santiso. Custoulle entrar no choque ás da Ponte, que caeron no xogo en longo do seu rival. Jenny recurtou diferenzas xusto antes do descanso. O gol espoleou ás capitalinas para a reanudación. O San Lázaro dominou o encontro tralo paso pola zona de vestiarios, creou ocasións suficientes de gol e Jenny fixo o resto. Dous tantos máis que valeron tres puntos de ouro.



O Monte Forte conseguiu o triunfo sobre a bucina ante un EF Silleda moi renovado. As visitantes adiantáronse por dúas veces na primeira metade. Sara Mougán neutralizou ambas vantaxes, a segunda delas ao bordo do tempo de lecer. No segundo acto, mandaron as de Perry por completo ante un rival que apenas inquedou a meta de Paula. No entanto, os goles fixéronse agardar. Noa, autora de ambos, viu porta nos minutos 89 e 90. Máis emoción e suspense, imposible…

O San Roque perdeu a oportunidade de ascender ao terceiro posto ao caer pola mínima na casa ante o Touro. As de Quiroga puxeron en serios apuros a un rival sólido e sempre combativo. Tiveron as súas ocasións, mesmo un gol anulado a Sofía na primeira metade; pero pagaron caro un erro na saída de balón.

A goleadora Jenny pugna cunha rival polo esférico. ROBERTO CARREIRA

Por desgraza, o resultado foi o de menos no partido do Chantada. As de Gorry cederon por 4-1 no feudo do Cruces nun choque no que as do Sangoñedo se viron claramente prexudicadas pola actuación arbitral. Ata cinco xogadoras chantadinas remataron lesionadas e o Cruces non viu un só cartón amarelo. No relativo ao xogo, o Cruces encarrilou un partido moi trabado cun penalti a favor no minuto 4. As locais aumentaron as diferenzas antes do descanso pero non foron capaces de sentenciar definitivamente ata o derradeiro cuarto de hora de encontro.



Merecida e sufrida vitoria dunha Milagrosa á alza. As de Héctor Expósito fixeron bo o solitario gol de Ainara Silvosa ante un Bandeira que rozou o empate na prolongación. As locais dispuxeron da súa única ocasión clara no desconto e case lle xera un disgusto ás branquivermellas. 7 puntos dos últimos 12 en xogo para as de Frigsa.

Pola súa parte, o Carballedo volveu mostrar o seu poderío a balón parado. As de Sementa e Adrián Rodríguez realizaron un completo encontro, que se levaron a pelota detida. Os goles todos chegaron na segunda metade. Ana Lamas transformou dúas penas máximas e unha soberbia falta, que vos ensinamos grazas ao vídeo que nos facilitou o club da Barrela.

O único derbi lucense da Segunda non tivo cor. O PM Friol B sacou a todas as xogadoras en dinámica de primeiro equipo e elas marcaron as diferenzas. Nuria Meijide fixo catro goles e Nerea Lombardero, outros tres. Veremos se Geluco Villar pode contar con elas na próxima data en Carballedo, ao coincidir o horario co partido do PM Friol en Valladolid. Tamén estaremos atentos ao banco e a quen se sente nel. Por segunda xornada consecutiva, o cadro da Reigosa non presentou licenza de adestrador e xa hai varios equipos que informaron á RFGF desta circunstancia.

O colista cede na segunda metade ante o Osasuna B

Volveu perder o PM Friol na Segunda RFEF, esta vez ante o Osasuna B. O conxunto de Covi Regueiro aguantou durante a primeira metade, grazas a unha espectacular Lucía Arcos baixo paus. A meta hispano-peruana viviu a cruz da moeda na reanudación. Un erro seu propiciou o 0-1 visitante. Un gol que lle deu moita tranquilidade ás navarras. A ansiedade baixou, o xogo fluiu máis e o Osasuna B sentenciou no cuarto de hora final a un PM Friol falto de forzas.

Resultados da xornada

Ana Lamas marcou os tres goles do seu Carballedo

PM Friol 1-3 Osasuna B



Sárdoma B 5-0 CD Lugo

Victoria FC B 1-2 Antas

PM Friol B 10-0 Comercial

Monte Forte 4-2 EF Silleda

San Roque 0-1 Touro

Bandeira 0-1 Milagrosa

Carballedo 3-1 Arzúa

Cruces 4-1 Chantada

San Lázaro 3-2 Santiso

O Antas estréase a domicilio, o Lugo vense abaixo co líder

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 21

O Antas estréase a domicilio, o Lugo vense abaixo co líder

Borja Candal e Tanketín dende lonxe e

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *