Sen xornada en Terceira RFEF por mor da Copa das Rexións da UEFA que disputa a selección galega, en representación de España, a atención céntrase na Preferente. O Lemos sumou a súa primeira vitoria da temporada fronte ao As Pontes na Pinguela, mentres que a Residencia sumou o seu segundo triunfo consecutivo, no campo do Unión. No derbi provincial, a Sarriana sumou os tres puntos na súa visita ao campo do Ribadeo. O Portomarín caeu no Chao da Poza fronte a O Pino.
Un doblete de Santín sírvelle á Sarriana para facerse co derbi fronte ao Ribadeo (0-2)
A Sarriana impuxo a súa pegada no Pepe Barrera, nun derbi provincial no que foi superior ao Ribadeo. Os de Edu Rodríguez, que tivo que presenciar o encontro na grada por sanción, foron os donos do balón desde o comezo. A circulación do esférico non tiña velocidade e na primeira media hora apenas se viron ocasións de gol, salvo un testarazo de Pedro López que resolveu ben Dos Santos. O Ribadeo foi incapaz de saír á contra e non inquedou a un Javi Liz sen traballo durante os primeiros corenta e cinco minutos. A falta de sete minutos para o descanso, un centro lateral de Álex Pérez tocouno o berciano Santín e entrou na portería ribadense.
Co marcador en contra o Ribadeo deu un paso adiante na segunda metade e non tardou en gozar da mellor ocasión do encontro nas botas de Xaime, pero os dous remates do mediocampista detívoos providencial Javi Liz. Poucos minutos máis tarde, a Sarriana asestou o golpe definitivo. Nun saque desde o curruncho o balón chegou ao lado inverso da área ás botas de Santín, que de tiro cruzado batiu a Dos Santos. Os seguintes minutos foron de zozobra local e os sarriaos puideron sentenciar. A ocasión máis clara para facelo tívoa Diego Rey nunha contra na que estrelou o balón no pao e o colexiado non sinalou unha clara man de Roi dentro da área. Os de Dani Moirón tentárono con máis corazón que cabeza pero só inquedaron aos visitantes nun testarazo de Roi preto do final que saiu desviado.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
A Residencia sitúase na zona cómoda da clasificación ao vencer no campo do Unión (1-2)
Segunda vitoria consecutiva da Residencia que con sete puntos sitúase na zona tranquila da táboa. No sempre difícil campo do Unión, os de Dani Galán non estiveron atinados na primeira metade. O cadro local levou perigo á portería de Diego Bravos e gozou de dúas claras ocasións de gol. Pero foi o conxunto lucense quen se adiantou no marcador cun tanto de Buján ao recoller un balón solto dentro da área.
A segunda metade foi controlada pola Resi, que puido facer o segundo ao pouco de comezar nun un contra un de Buján que salvou o gardameta. A falta de sete minutos para o final, un centro de López rematouno Artai ao fondo da portería. Co encontro encarrilado para os lucenses, o Unión non deu o brazo a torcer e recurtou diferencias preto do final do tempo regulamentado por medio de Ismael.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2022/06/flyer-INSCRIBETE-POLVORIN-1-_page-0001.jpg)
O Lemos fixo bo o refrán e venceu ao As Pontes (2-0)
Adestrador novo, vitoria segura. Non errou o Lemos para facer bo o dito, e os monfortino sumaron o primeiro triunfo da temporada fronte a un As Pontes que chegaba en racha. Encontro coral dun Lemos no que todos os xogadores raiaron a un gran nivel.
O encontro xogouse no campo dos Escolapios e foi un partido trabado. Os de Óscar Moure amosáronse sólidos en defensa, intensos e non deixaron ao rival sentirse cómodo en ningún momento, aínda que foron os de Rafa Casanova quen tivo a posesión do esférico. O Lemos, á contra, xerou moito perigo sobre a portería de Iván Parapar. Á media hora de xogo, Varela peinou o balón e Álex de tiro cruzado desde fóra da área fixo o primeiro.
Na segunda metade, sobre todo a partir da hora de encontro, o Lemos baixo en intensidade, pero defendeu en campo propio as acometidas do cadro visitante. Noutra contra, xa moi preto do final, Bruno sentenciou o encontro.
Os erros defensivos condean ao Portomarín diante do Pino (2-3)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
O Portomarín saiu ao campo moi ben plantado e coas ideas claras. O primeiro tanto non se fixo agardar. No minuto 3, Hugo en xogada individual anotou o primeiro tanto da historia do club na Preferente. Os de Fernandito tiveron os mellores minutos da temporada, pero a ledicia durou pouco. Nun erro defensivo, un defensor comete penalti por man e Eloy fixo o empate. O Portomarín seguiu tendo o balón e xerando ocasións de gol, pero nunha contra outro penalti serviulle ao Pino para poñerse por diante. De novo Eloy non errou diante de Chumi. O conxunto local reclamou dous penaltis antes do descanso, un sobre Sergio Arias, que xogou o seu primeiro encontro da temporada e o segundo por man dun zagueiro visitante.
Na segunda metade, Diego Fente, Hugo e Sergio Arias gozaron de ocasións claras para facer o empate, pero foi o Pino quen puxo terra de por medio nunha contra que finalizou o ex do Arzúa Iván García ‘Ivalotelli’. Moi preto do final o Portomarín recurtou diferencias por medio de Sergio Arias.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2022/10/XORNADA-5.png)