A terceira xornada deixóunos o empate do Racing Vilalbés na Madalena diante do Rápido de Bouzas e a derrota do Viveiro no campo do Somozas, en canto á Terceira RFEF. Na Preferente triunfos de Sarriana e Ribadeo, fronte a Ordes e Sigüeiro, respectivamente, e derrotas do Lemos no campo do San Tirso, da Residencia en Boiro e do Portomarín na casa diante do Betanzos.
O Racing Vilalbés cede os primeiros puntos na Madalena diante do Rápido de Bouzas (2-2)
Os chairegos realizaron un bo encontro e mereceron os tres puntos fronte a un rival de entidade como é o cadro vigués. Malia todo, foron os visitantes quenes comezaron mellor cunha boa presión que dificultou o xogo do Racing Vilalbés. Pero sobrepasado o primeiro cuarto de hora os de Simón Lamas colleron o pulso do encontro e gozaron de claras ocasións nas botas de Marcos Álvarez. No mellor momento dos conxunto local, o Rápido adiantouse cun tanto de Torralbo ao aproveitar unha perda de balón racinguista. Non se viu resentido o equipo vilalbés e contou con claras opcións de gol, de novo con Marcos Álvarez como protagonista e tamén con Javi Rey. Xusto antes do intermedio, Santi Gegunde acadou o empate cun bo dereitazo desde fóra da área.
Na segunda metade o Racing Vilalbés foi o gran protagonista, sobre todo na primeira media hora de xogo. Javi Rey fixo o segundo e tivo outra ocasión para sentenciar. Non foi posible e o Rápido igualou nun saque desde o curruncho, moi protestado ao ser o xogador vigués o último en tocar o balón, que rematou Maceira.
Derrota dun Viveiro que contou con ocasións para puntuar no campo do Somozas (2-0)
O encontro estivo condicionado polo tempraneiro gol local. No minuto 3, un centro desde a banda esquerda rematouno Óscar Lorenzo, o carrileiro dereito do Somozas ao fondo da portería, nun desaxusto defensivo dos mariñáns. O cadro celeste pasou a dominar o encontro e meteu en apuros aos de Marco Roca. Barroso cun balón ao longueiro e Íker Hurtado cun bo remate tiveron o empate. Sen embargo, foi o Somozas quen levou o gato á auga. Álex Cabarcos asociouse con Bellas e este, logo de facer un slalom, entrou ata a liña co balón facendo o segundo.
Logo do intermedio o Viveiro trocou de sistema e os de Alberto López dominaron completamente ao cadro local. Arturo, Jerome, Rolle e Sergio tiveron claras ocasións para marcar, pero o desacerto e as boas intervencións do gardameta Paco priváronlle aos mariñáns dun marcador favorable.
Un dos mellores encontros da Sarriana a domicilio sáldase cun triunfo folgado en Ordes (0-2)
A Sarriana realizou un encontro moi completo, posiblemente un dos mellores dos últimos anos lonxe da Ribela. E puido saldarse cunha goleada, se non fora pola gran intervención do gardameta local Manu Vázquez. O Ordes só inquedou a Javi Liz nun achegamento ao comezo dun encontro, que malia todo os de Edu Rodríguez tardaron en poñer do seu lado.
Na segunda metade, un centro de Herrero finalizouno Santín ao fondo da portería. O segundo chegou a doce minutos para o final. Logo dunha boa xogada da Sarriana, o remate de Adri Díaz rexeitouno o gardamete e Brais, moi ben situado empurrou o balón a gol. Tres goles en tres encontros para o do Valadouro que rentabiliza ao máximo os seus minutos sobre o campo.
Con este triunfo a Sarriana é líder cos mesmos puntos que Mugardos, Betanzos e Dubra.
O Ribadeo acada o primeiro triunfo da temporada nun bo encontro fronte ao Sigüeiro (3-1)
Os de Dani Moirón precisaban dun triunfo que reforzara ao equipo e éste chegou na terceira xornada. Vitoria moi traballada diante dun Sigüeiro coas ideas moi claras no que foi da partida o viveirense Xoel e gozou de minutos o burelao Luis Pernas. A primeira media hora de xogo foi de dominio visitante. Os de Fiz Rodríguez, que volvía ao Pepe Barrera no banquiño visitante, deron mostra da súa calidade, e cun fútbol combinativo puxeron ao cadro local en serios apretos, aínda que sen chegar a xerar ocasións de perigo. No último tramo do primeiro acto o Ribadeo deu un paso adiante e Asier fixo voar ao porteiro Chanza cun bo disparo, e Xairo aproveitou un balón morto na frontal para conectar un disparo que saiu lambendo o pao.
A segunda metade non puido comezar mellor para o Ribadeo. Aos trinta segundos, unha boa xogada que comezou Germán en banda esquerda rematou cun bo gol de Iván García de tiro cruzado. O encontro entrou nuns minutos de ida e volta con claras ocasións para os dous equipos. Dos Santos resultou providencial ao salvar un remate a bocaxarro do dianteiro Roi e pouco despois pra desviar sobre a liña un lanzamento de córner que case se convirte nun gol olímpico. Diego Hermida puido poñer terra de por medio nunha contra ben levada por Iván García, pero o gardameta visitante estivo moi atinado. Nunha gran xogada combinativa do Sigüeiro chegou o empate, obra de Santi Taboada.
A reacción do Ribadeo non se fixo agardar e só catro minutos despois, nun saque de esquina, Roi puxo de novo ao cadro local por diante. O tanto foi protestado polos xogadores do Sigüeiro ao entender que o balón non sobrepasara completamente a liña. Os mariñáns foron mellores no último tramo e Santi puido ampliar a vantaxe cun bo testarazo. O terceiro chegou desde os once metros ao transformar Xaime un claro penalti cometido sobre Asier. Os de Fiz Rodríguez non se rendiron e Dos Santos salvou un man a man diante de Jorge Parcero.
O Lemos, en inferioridade numérica, cae goleado no campo do San Tirso (4-0)
O conxunto monfortino foi dono do encontro ata o minuto 22, cando Samu viu o segundo cartón amarelo. O San Tirso aproveitou a inferioridade numérica dun Lemos que non soubo xogar cun home menos e o primeiro tanto non tardou en chegar, obra de Denis, ex do Polvorín e Racing Vilalbés.
Na segunda metade o encontro foi de dominio local, acentuado pola segunda expulsión nos monfortinos. Borja Castro, por dobre cartón amarelo, deixou aos seus con nove e o encontro resultou máis doado para o San Tirso. Carlos aos poucos minutos fixo o segundo e Juan de Selia sentenciou a falta de dez minutos para o final. Xa nos últimos intres de xogo Roel redondeou o marcador.
A Residencia caeu no campo do Boiro nun encontro frouxo dos lucenses (1-0)
Non foi o día da Residencia, que se viu superada polo Boiro ao longo de todo o encontro. O único tanto do encontro chegou aos once minutos de encontro. Nun saque de banda, os lucenses amosáronse brandos en defensa e Viturro, cun duro disparo anotou o que sería o tanto do triunfo boirense. Diego Ramos e Pablo Vidal contaron con ocasións para ampliar a vantaxe na primeira metade. Yago, logo dunha boa internada de Dani Renda, tivo a máis clara para a Resi.
A segunda metade seguiu a mesma tónica. O Boiro, sobre todo á contra, gozou das ocasións máis claras para ampliar diferencias no marcador, pero a falta de acerto privou aos de Anxo Casalderrey de finalizar cun resultado máis abultado. O debutante Artai tivo a máis clara para o conxunto lucense no periodo final, pero o seu disparo sacouno un defensa cando ía cara a portería.
Dous erros defensivos condearon ao Portomarín diante do Betanzos (0-2)
Non puido sumar o equipo dirixido por Fernandito diante dun dos galos da Preferente. Malia todo, o cadro miñoto comezou mellor e gozou de dúas claras ocasións para adiantarse no marcador nas botas de Javicho e Diego Fente. Pero dous erros defensivos condearon a un Portomarín que recibiu os dous tantos en tan só catro minutos, obra de Juan de Dora e Murilo. Non se veu abaixo o conxunto local, que embotellou na súa área ao Betanzos no último tramo da primeira metade, contando con ocasións sobre todo a balón parado.
Logo do intermedio ao Portomarín pesoulle o resultado e o Betanzos foi superior e contou con ocasións moi claras para finalizar o encontro cun marcador máis abultado, pero Chumi evitou a goleada. Nos últimos intres, Diego Fente e Iván Barrio contaron con ocasións para maquillar o resultado.