Xornada redonda nos grupos de permanencia da Primeira Galega. Os dous representantes lucenses conseguiron dúas vitorias clave na penúltima data da temporada. O Antas para conseguir a salvación definitiva e o filial do PM Friol para dar un paso adiante cara ese mesmo obxectivo.
O PM Friol goleou por 8-0 a un Xuventú Aguiño que acusou en exceso as baixas. Nerea Chantada, con cinco goles liderou a ofensiva do cadro de Diego Vivero. Nerea Lombardero engadiu un dobrete. A superioridade do filial da Reigosa foi total durante os noventa minutos de xogo.
O Antas asinou, no momento máis dificil, un dos mellores partidos da tempada. As de Noe Pires e Dani Abelairas fixeron un inicio de partido moi bo, serias e contundentes defensivamente. A falta de puntería evitou que non chegasen con vantaxe no marcador aos vestiarios. E incluso permitir nos últimos minutos do primeiro acto, que o Chispa se aproximase con máis facilidade.
Na segunda metade, con moita máis calma e intensidade, sucedéronse os goles. En dúas boas xogadas colectivas, Mery definiu á perfección. Co resultado a favor e cunha Nuria espectacular, as do Castro Seoane dispuxeron de moitos minutos de bo xogo ata o remate do partido.
O líder tumbou a un Lugo con posibilidades de ascenso
Na fase de ascenso, O Lugo caeu ante o todopoderoso líder nun encontro bastante igualado. Máis por carencias dos dous equipos que por outra cousa. O Lóstrego, xa ascendido, non se xogaba máis que os tres puntos. Pola súa parte, as rapazas de Joaquín mostraron unha baixa intensidade e un bo número de baixas. Os erros puntuais lucenses decantaron a balanza a favor das visitantes.
A falta dunha xornada para o remate da competición, o Lugo ve aínda unha posibilidade de ascenso. A RFEF comunicou que os oito mellores segundos clasificados no territorio español, subirán de categoría. Porén, os clubs non contan con máis datos. Así que a fórmula matemática que manexa o Lugo é sinxela: empatar ou gañar ao Sárdoma en Vigo. E agardar por esa posible pedrea.
Resultados da xornada
Lugo 1-3 Lóstrego
PM Friol B 8-0 Xuventú Aguiño
Chispa 0-2 Antas